martes, 31 de agosto de 2010

Cando honrar os desaparecidos é mirar nas cunetas.

Criticas ao Estado pola memoria histórica, de Daniel Prieto en Xornal de Galicia.- Os máis de 80 represaliados que xacen soterrados na fosa común situada no municipio coruñés de Aranga, a maior de Galicia, permanecen baixo terra sen que as súas identidades poidan ser confirmadas. A Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) realizou recentemente unha ruta polo lugar para concienciar á poboación sobre a necesidade de recuperar os seus corpos. É un exemplo da situación na que se atopa o proceso de recuperación da memoria histórica. “Despois de 30 anos de democracia é unha mágoa que o Goberno non faga nada para recuperar os restos dos miles de represaliados do franquismo”, sinalou onte Manuel Monge, presidente da entidade, coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Desaparecidos.


De feito, Amnistía Internacional (AI) cifrou en 114.000 as familias españolas que seguen sen saber onde se atopan os seus seres queridos desaparecidos na Guerra Civil e o franquismo. Así, instou ao Goberno a “facilitar o acceso á verdade” e a asumir “un compromiso categórico cos dereitos humanos no que a desaparicións forzadas atinxe”. Segundo o organismo internacional, España “segue obviando” a responsabilidade do Estado de investigar estas “graves violacións de dereitos humanos” e á hora de “garantir Xustiza e reparación ás vítimas”. Ademais, AI denunciou que as autoridades españolas “seguen sen cumprir os seus compromisos coa legalidade internacional”, xa que no seu Código Penal non inclúe o delito de desaparición forzosa como marca Nacións Unidas, a pesar de que xa ratificou este cambio.

Neste sentido, tamén a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) emitiu un comunicado no que censurou a “pasividade” das institucións españolas polo “menosprezo ás vítimas” que supón. Ademais, asegurou que a desaparición forzada “é o delito de maior gravidade que contempla o dereito penal”. Por elo, considerou que “cada día que o Estado non fai nada por recuperar a eses desaparecidos está omitindo o seu deber en poñer fin a un secuestro”, no que por outra banda supón “unha forma de maltrato ás familias”.

O Estado español recibiu indicacións desde diversos organismos internacionais, como Nacións Unidas, o Consello de Europa ou a Comisión Internacional de Xuristas, “para que non delegue a responsabilidade de buscar os desaparecidos nas familias”, salientou a ARMH, que sinalou da súa intención de “seguir levando a cabo labores que lle corresponden ao Estado”. De feito, a asociación exhumou recentemente en Galicia dúas fosas en Triacastela e Portomarín.

Ademais, a ARMH acusou á Administración de conceder subvencións tras requirir unha exhaustiva documentación e “desentenderse” despois das tarefas de exhumación “deixándolle toda a responsabilidade ás familias”. Idéntica opinión manifestaron desde a Asociación de Familiares das Persoas Asasinadas nos montes da Pedraja, en Burgos, unha das maiores de España, onde se exhumaron un cento de cadáveres de represaliados. “Dánche catro patacóns de subvención e logo pídenche que xustifiques como o gastaches. É como se nunha familia se perde alguén, denuncias a súa desaparición e dinche, hala, apáñate para buscalo! É inaudito.”, sinalou un membro da entidade burgalesa.

Así mesmo, a asociación da Pedraja considerou que o Estado é “responsable do que pasou”, xa que eses crimes se cometeron “nun momento dado, cando se sublevou Franco”, e recoñeceu que o problema se podería resolver axiña: “Co que custan dous quilómetros de autoestrada resolvíanse todos os problemas das fosas de todo o país”, sinalaron os familiares dos fusilados en Burgos. Por outra banda, afirmaron que o delito que se comete contra un desaparecido é “permanente”, xa que concentra un conxunto de “crimes lesivos” nunha soa persoa.


"Memorias desaparecidas"

“Ademais de estar desaparecidas fisicamente, as memorias de moitas persoas tamén permanecen desaparecidas”, afirmou Monge, co que sería necesario “obtelas de novo”. Na súa opinión, tamén cómpre “recuperar aqueles bens que o franquismo lle usurpou ao pobo, como o pazo de Meirás e outras propiedades en mans dos herdeiros do ditador”. Neste punto, acusou á Xunta de “seguir defendendo os intereses do franquismo “por non abrir o recinto ao público a pesar de contar co visto e prace da lei”, matizou.

Por último, Manuel Monge acusou ao Concello da Coruña de “poñer dificultades” á hora de facilitarlle un emprazamento ao memorial dedicado aos 600 represaliados da bisbarra coruñesa, que conta xa cunha subvención de Presidencia.

Fonte: CRMH da Coruña

1 comentario:

  1. La Comisión de A Coruña tuvo una buena oportunidad de hacer cosas cuando, durante el bipartito, se dedicó a dorarle la píldora a los políticos sin exigirles nada.
    Más exhumaciones y menos homenajes, que éstos sólo sirven para que el político de turno enarbole su bandera.
    Por no ser, no son capaces no tan siquiera de cambiar el callejero de la ciudad, por mucho que ahora estén compartiendo la alcaldía.
    Salud

    ResponderEliminar

Los comentarios serán publicados una vez moderados.