lunes, 30 de agosto de 2010

Isaac Díaz Pardo apoia ás familias das vítimas do franquismo para a instalación do Memorial de homenaxe no Campo da Rata. (A Coruña)

Isaac Díaz Pardo recibiu o 27 de xullo a unha delegación de familias de vítimas do franquismo da comarca, que lle informaron do seu desexo de homenaxear cun Memorial a máis de 600 persoas de dez concellos da comarca da Coruña, que foron asasinadas polos fascistas despois da sublevación contra a República en 1936.
Isaac Díaz Pardo transmitiu o seu apoio aos familiares para a realización deste proxecto, onde aparecerían os nomes de todas as vítimas, segundo a documentación aportada polo proxecto “Voces e Nomes” das tres universidades galegas. Manifestou tamén a súa disposición, que trasladaría ao Alcalde Javier Losada, para colaborar co concello, coas familias e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) para que este Memorial poida ser instalado no entorno do monumento aos fusilados, no Campo da Rata. Neste sentido, entregou ás familias nesa entrevista un boceto sobre o Memorial e a súa posíbel ubicación dentro do conxunto escultórico, que el mesmo deseñara no ano 2001.

Finalmente, Díaz Pardo manifestou o seu desexo de que o concello da Coruña colabore na execución deste proxecto e facilite os medios necesarios, tal e como solicita a CRMH, que ten xa concedida para tal fin unha subvención do ministerio da Presidencia do Goberno de España. Feito este que supón que para as arcas do concello da Coruña non siñificará nengún desembolso, xa que cos fondos aportados pola subvención do Ministerio da Presidencia abondarían para a construcción do Memorial de homenaxe ás máis de 600 persoas asasinadas polo réxime franquista na comarca da Coruña.

Os familiares das vítimas do franquismo están a espera de ter unha entrevista, que solicitaron o pasado 28 de xullo, cos tres grupos municipais, para informalles con detalle do proxecto de Memorial e soliciar o seu apoio. Dicían os familiares na súa carta: “Queremos que este memorial poida facerse co máximo consenso posíbel, é decir, aprobado por unanimidade por todos os grupos municipais, como xa se fixo en numerosos concellos, como León ou Salamanca”.

Fonte: Comisión pola recuperación da memoria histórica de A Coruña

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.