viernes, 17 de septiembre de 2010

Galiza con Honduras. Non esquecemos!

A resistencia da poboación hondureña ante o golpe de estado civil-militar acadou a solidariedade de movementos sociais por todo o mundo. Na Galiza non podía ser diferente.

Á raíz do secuestro da democracia no país centroamericano, organizacións galegas crearon o pasado ano un grupo de apoio a Honduras. Este ten como obxectivo apoiar as denuncias e reivindicacións da resistencia, dar a coñecer a situación de represión e vulneración de dereitos humanos e civís, e incidir politicamente para que as institucións nacionais, estatais e internacionais adopten as medidas necesarias de cara ao restablecemento da democracia e o cese da violencia contra a poboación hondureña.

Entre as actividades realizadas polo grupo destacan o chamamento realizado ao Parlamento Galego, acadando unha declaración institucional de condena, aínda que esta chegara cun atraso de case dous meses desde a toma do poder por Roberto Micheletti. Asemade, o grupo reuniuse cos sindicalistas hondureños Erasto Reyes e Reyna Domínguez que estiveron na Galiza a finais de 2009 para denunciar a situación de persecución e violación de dereitos, e facer un chamado ao non recoñecemento do goberno de Porfirio Lobo, froito dunhas eleccións ilexítimas realizadas baixo un réxime de excepción e recorte de liberdades.

O pasado mes de xuño, co gallo do cumprimento dun ano do golpe, as organizacións ACSUR- Las Segovias, AMARANTE-Setem, CEDEC, Cosal, Coordinadora de Crentes Galegos, Fuco Buxán e Wipala organizaron unha Semana Galega de Solidariedade coa Resistencia Hondureña que tivo como acto central a estrea do documental “Honduras de un Golpe” da directora Katia Lara en Ferrol, Coruña e Compostela. As proxeccións contaron coa presenza de persoas hondureñas residentes na Galiza que comentaron a situación que se está a vivir no seu país. Durante estes días volveuse a solicitar ao Parlamento Galego que non recoñecera o goberno de Lobo e a instar as cortes españolas a manter as sancións sobre Honduras a nivel diplomático e de cooperación internacional, condicionando o restablecemento destas á depuración das institucións do Estado das persoas involucradas directa ou indirectamente co golpe de estado. Tamén se demandou o recoñecemento do Fronte Nacional de Resistencia Popular (FNRP) como un interlocutor lexítimo e a urxencia de tomar as medidas diplomáticas e institucionais pertinentes para que o proceso de convocatoria da Asemblea Nacional Constituínte poida producirse coas garantías democráticas necesarias.

Na actualidade, seguen as violacións de dereitos, a represión e a violencia contra a poboación hondureña e os opositores ao réxime. No que vai de ano, 10 profesionais da comunicación perderon a vida e o pasado mes de agosto o Comité de Familiares de Detenidos y Desaparecidos de Honduras (COFADEH) denunciou a aparición dunha fosa común con máis de 100 corpos de persoas desaparecidas nos últimos 3 meses. Todos ese crimes producíronse baixo o mandato de Porfirio Lobo.

Esta impunidade vixente non debe ser silenciada. A resistencia segue mobilizándose para que a súa voz sexa escoitada e así seguir a recabar o apoio popular necesario para que a xustiza recobre o seu lugar. O pasado martes, 7 de setembro de 2010, celebrouse un paro cívico para solicitar melloras laborais con mobilizacións e cortes de estradas en distintos puntos do país. Uníronse organizacións obreiras, estudantís, indíxenas e campesiñas para reclamar o cumprimento do Código de Traballo, o aumento do salario mínimo (que actualmente equivale a 158 dólares), o rexeitamento á privatización dos recursos naturais, as garantías de tenencia da terra dos campesiños, ... e esixiron que o Congreso non aprobe a Lei de Contratación Temporal e que se convoque a Asemblea Nacional para a reconstrución democrática e institucional do país.

Nós -ACSUR Las Segovias, AMARANTE Setem, Cosal, Coordinadora de Crentes Galegos, Fuco Buxán, Fuga en Rede e Wipala-, convocamos unha reunión o 15 de setembro para continuar co traballo comezado, co gallo da celebración da independencia de Honduras e en unión ese día coa Resistencia que organizará unha mobilización popular fronte ao desfile oficial que encabezará o actual mandatario, Porfirio Lobo. Este será un encontro no que proxectaremos seguir coa labor de reflexión, diálogo e acción que nos caracterizou este ano. Entre algunhas das actividades propostas está a de traer a Galiza un representante do FNRP para seguir coñecendo de primeira man o que está a ter lugar en Honduras, a de seguir a facer presión institucional para acadar o non recoñecemento do actual goberno, a de loitar pola recuperación de todos os dereitos perdidos polo pobo hondureño e moitas outras ideas que manterán viva esta realidade na nosa terra.


Santiago de Compostela, a 14 de setembro de 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.