jueves, 25 de noviembre de 2010

Día Internacional contra a violencia machista.


A Marcha Mundial das Mulleres na Coruña convídavos á concentración que terá lugar o xoves, 25 de novembro ás 19h na Rúa Corcubión (Praza das Conchiñas) para celebrar o Dia Internacional contra a Violencia Machista.

Co lema "Recortar Recursos é Atentar contra a Igualdade" queremos poñer de manifesto que non só exerce violencia o asasino de cada unha das mulleres mortas na Galiza e no resto do mundo cada ano, senón tamén quen propaga ideas e conceitos que perpetúan os valores patriarcais, quen lexisla en contra dos dereitos das mulleres ou quen non vela polo cumprimento integral das leis existentes que garanten os nosos direitos e cidadanía. Exerce violencia quen priva ás mulleres dos recursos necesarios para desenvolver a súa vida social e política, negando a utilidade das accións e politicas para a Igualdade. Exerce violencia quen nos insulta e despreza privadamente e no ámbito público, quen nos trata como obxectos e non como suxeitos de dereito e cidadás.

Denunciamos a violencia das institucións, que se manifesta no abandono e recorte dos recursos para Igualdade en nome da merma de recursos económicos.
Denunciamos a violencia educacional, que se manifesta na carencia de estratexias educativas serias cara novos valores sociais desde a escola e para a Igualdade.
Denunciamos a violencia familiar, cando se atribúen calidades absolutistas á chamada familia tradicional en detrimento doutros modelos de familia positivos e promotores da Igualdade entre todas as persoas da comunidade.
Denunciamos a cumplicidade programada, fomentada e procurada desde as instancias do poder político, coas organizacións pro-vida para recortar dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

Para manter e facer avanzar a cidadanía das mulleres e desta maneira a democracia, liberdade e felicidade para todas e todos, pola que tantas compañeiras loitaron durante séculos, e evitar que se instauren as violencias machistas na nosa sociedade, reclamamos leis igualitarias, perspectiva de xénero nas nosas lexislacións, decisións políticas responsabeis e preservación de recursos para a Igualdade.

Un ano mais berramos : MULLERES EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES!! 


PROGRAMA
19h : Reparto de manifesto
19h30: Teatro-Imaxe
20h : Lectura de manifesto e peche
coa dinamización musical das batukadas feministas da Coruña


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.