martes, 14 de diciembre de 2010

Comunicado de "Solidariedade Galega" co pobo saharaui.


MARROCOS E O SEU REI MOHAMED VI, SÓ COÑECEN A LINGUAXE DA VIOLENCIA, O ODIO E A VIOLACIÓN DOS DEREITOS HUMANOS.


As organizacións abaixo asinantes,  consternadas ante os acontecimentos que están sucedendo no Aaiún, nos territorios ocupados do Sahara Occidental, EXPRESA A SÚA MÁIS ENÉRXICA CONDENA ANTE A ACTITUDE DO RÉXIME MARROQUI QUE UNHA VEZ MÁIS MOSTRA AO MUNDO ENTEIRO QUE SÓ COÑECE A LINGUAXE DA VIOLENCIA, O ODIO E A VIOLACIÓN DOS DEREITOS HUMANOS.

Atopámonos a poucas horas do inicio das negociacións auspiciadas pola ONU e días despois de que observadores e xornalistas españois foran agredidos e insultados por axentes marroquís, e que parlamentarios/as do Estado Español e do propio Parlamento Europeo foran expulsados de forma  ilegal e arbitraria do territorio, nun claro intento de ocultar ao mundo o que onte veu a confirmarse: o ataque indiscriminado por parte de unidades militares e policiais contra miles de civís saharauis, que pacificamente reclamaban os seus dereitos económicos e sociais no campamento de Gdeim Izik, máis coñecido como o CAMPAMENTO DA DIGNIDADE, nos territorios ocupados do Sáhara Occidental.

Unidades militares e policiais marroquis entraron onte no campamento de protesta saharaui de Gdeim Izik, preto do Aaiún, co obxectivo de desmantelalo pola forza, xerando feridos de diversa consideración, pánico e angustia entre os miles de homes, mulleres e nenos que pacíficamente se concentraban no Campamento reclamando os seus dereitos máis elementais.

O Estado de Marrocos, coa súa actitude violenta e antidemocrática, vulnera normas tan básicas como a Declaración Universal dos Dereitos Humanos que proclaman no seu artigo 10 como “todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado por mor das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións, e o de difundilas, sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión”. Artigo que no mesmo sentido desenvolve o Pacto Internacional de Dereitos Civis e Políticos nos seus artigos 18 e 19.


¿Canta xente terá que morrer?, ¿Canto horror haberá que ver para que a Comunidade Internacional protexa á poboación civil saharaui? ¿Segue o goberno Español constatando que a lei marroquí aplícase no territorio do Sáhara Occidental

Ante esta situación dramática:

a)    Instamos á Union Europea e en especial ao Goberno Español, a que, se lles queda ainda algo de dignidade, fagan un chamamento ao Rei de Marrocos para que poña fin a esta tolemia de represión e violencia inxustificada, desproporcionada e cruel.
b)    Denunciamos a gravidade dos feitos producidos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental.
c)    Esiximos ao Goberno de España a firme condea dos abusos e as ilegalidades de Marrocos.
d)    Esiximos á ONU unha intervención urxente, para evitar a masacre do pobo saharagui e para que se cumpra a legalidade internacional e se celebre un referendo de autodeterminación no Sáhara Occidental.

Apoian: CC.OO., CIG, BNG, Corriente Vermella, A. de VV. Monte Alto. 

Nota de Prensa da CIG: 
     A CIG chama a participar na protesta de solidariedade co pobo saharauí e de condena á violencia exercida por Marrocos

                        A Coruña, a 14 de decembro de 2010
     A Unión Comarcal da CIG fai un chamamento a toda a cidadanía de A Coruña para participar na concentración, convocada por diferentes entidades sociais, este xoves 16 de decembro, ás 20:00 horas, diante da Delegación do Goberno, en solidariedade co pobo saharauí e contra da represión practicada polo réxime de Marrocos sobre os territorios ocupados do Sáhara.
A CIG esixe a Marrocos o cese inmediato de calquera agresión contra o pobo sahariano e o abandono dos territorios ocupados, e insta ás Nacións Unidas ao cumprimento das resolucións aprobadas pola Asemblea Xeral a prol dun referendo de autodeterminación entre a poboación sahariana
Dende a CIG quérese denunciar e condenar, unha vez máis, as posturas mantidas tanto polo Goberno español como pola Unión Europea, claramente  posicionados coas teses anexionistas marroquís, ignorando o dereito de autodeterminación do Pobo Sahariano e primando o mantemento dos acordos comerciais sobre a integridade da poboación sahariana.

Agardando que sexa do voso interese,
Un saúdo.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.