jueves, 28 de abril de 2011

Germinal, (Cultura Obreira na Coruña, 1902-1936)


En xuño de 1902 fúndase na Coruña o Centro de Estudios Sociais "Germinal" . Promovido por un grupo de obreiros fundamentalmente de ideoloxía libertaria, pero coa participación dalgúns republicanos. Germinal foi una das institucións máis coñecidas, activas e significativas da Coruña do primeiro tercio do século XX. Porque calquera coruñés da época sabía da existencia de Germinal, o Centro organizador de conferencias, mitins, excursións, clases nocturnas para obreiros… e que contaba coa mellor biblioteca privada da cidade, así como cun Orfeón durante un tempo e un Grupo de Declamación.
Germinal, xunto con La Antorcha Galaica del Libre Pensamiento, foron as institucións coruñesas de referencia para todo tipo de actos relacionados coa defensa da liberdade de pensamento, o anticlericalismo, as ideas libertarias e societarias. Ben como organizador, ben como como colaborador, o Centro estivo sempre presente nos acontecementos deste tipo que tiveron lugar na Coruña. As múltiples censuras que tivo que soportar non foron capaces de matar a institución que, dende o principio, nace con espíritu rebelde e disposta a soportar todas as dificultades que se presenten no seu camiñar.
Os máis destacados líderes obreiros coruñeses foron, nalgún momento da súa traxectoria, directivos de Germinal, de ai que non se poida entender o labor desta sociedade, de emancipación pola cultura sen situala no seu contexto histórico.
Con este libro, Carlos Pereira Martínez e Ana Romero Masiá contribúen a proporcionar un pouco máis de luz nese ámbito xeneralmente esquecido polos historiadores, o mundo obreiro, que se vi una necesidade de xerar una proposta cultural alternativa para a súa formación intelectual.

Autores:

Carlos Pereira Martínez:
Licenciado en Xeografía e Historia pola UNED, cursou estudios de doutorado en Historia Medieval na mesma. É Historiador do Concello de Culleredo. Especialista na Orde do Temple, ten publicados diversos libros e artigos de temática medieval como, Os Templarios.  Artigos e ensaios (2000), A Orde de Alcántara na Galiza Medieval (2001). Sobre historia contemporánea, publicou, Fábrica de Armas da Coruña 1998), Anxo Senra Fernández (1999), ou Asociacionismo e Movemento obreiro en Oleiros (2002).

Ana Romero Masiá:
Cursou estudios de Historia e Historia da Arte, doutorándose en Historia Contemporánea na Universidade da Coruña. É catedrática de Historia no Instituto “Monte das Moas” da Coruña. Como arqueóloga, dirixiu as escavacións  do castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños). Ten publicados numerosos libros sobre arqueoloxía e prehistoria, sobre didáctica e pedagoxía da historia e sobre historia contemporánea, destacando entre estes últimos, A fábrica de Tabacos da Palloza (1997), Salgadeiras e conserveiras de pescado en Galicia (2000), Republicanismo coruñés (2001), e Severino Chacón. Líder sindical do mundo do tabaco (2003).

Título: Germinal, Centro de Estudios Sociais (Cultura Obreira na Coruña, 1902-1936)
Autores: Carlos Pereira Martínez e Ana Romero Masiá
Idioma: Galego
Briga Edicións 
Páginas: 180
ISB: 84-932734-2-2


1 comentario:

  1. Hace unos años encontré un listado de socios de Germinal y allí encontré a mi abuelo paterno del que nada sabia puesto que falleció mucho antes de yo nacer.

    ResponderEliminar

Los comentarios serán publicados una vez moderados.