miércoles, 11 de abril de 2012

MARIVI VILLAVERDE OTERO, Republicana de Honra 2012


A Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña, (CRMH da Coruña) ven de nomear Republicana de Honra 2012, a Mariví Villaverde.

Escritora, tradutora, testemuña dunha realidade que lle tocou vivir, que nos transmite con valentía e xenerosidade. Léganos o pasado que non vivimos, o seu presente en que a súa voz segue firme e combativa, á beira do pobo creativo e honrado, en que sempre creu e un futuro en que vivificará toda esta memoria. Marivi Villaverde, lectora noviña que perdería á forza a adolescencia nas horas en que lle lía na cárcere á súa tía Arxentina, mestra galeguista e republicana, obras de teatro para matar o tempo e a angustia. Teatro que vai agromar no exilio na compaña do seu compañeiro Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor. Escriben, adaptan, traducen, representan mentres arromban na casa do exilio as táboas do naufraxio dun país e da República. Marivi Villaverde colaboradora do xornal Galicia, nai e lagadora da verdade lexítima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tías rapadas, da nai atrevida que con documentación falsa descobre o camiño da liberdade. A autora da súa propia vida que decide levar a súa memoria a un libro en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na Editorial Alborada, reeditado por Edicións do Castro (1987) e unha versión en galego en A Nosa Terra (2002), ao que a autora engade un epílogo e lle devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Libro no que camiñamos por un vivir privado e silencioso, á beira das nosas maiores, para compartirmos a alegría do9 progreso e a liberdade espallada na area da praia de Compostela na Vilagarcía das súas primeiras descubertas. Medo que tamén sentimos, terror vivido, nos cuartos fechados por portas onde petan moitas veces, coa chegada de novas envoltas en fuxidas ou en mortes. Un mundo que se esborrallaba malia a lealdade e o amor. Cicatrices que atravesan todas as alfándegas, cando xa e imposibel o regreso na condena eterna do exilio. Marivi Villaverde, comprometida, activa no Consello pola Memoria, participa en todos os actos políticos e culturais aos que é convidada, comprometida cos tempos que lle tocou vivir, empeñada en lembrar a dignidade coa que Galiza loitou e defendeu a lexitimidade da República. Imprescindibil e necesaria.

(Texto Marga do Val)


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.