miércoles, 25 de julio de 2012

Solidariedade

Omar Contreras Flores 
IRIMIA nº 856 
Revista de Crentes Galegos 
Galicia, xuño de 2012 

Ultimamente estase vivindo na sociedade do primeiro mundo un equívoco entre o que se entende por Solidariedade ou por Caridade. Ata hai algúns anos tíñase conciencia da diferenza que existía entre ambos os dous termos. 
Coa maior implantación do neoliberalismo económico foise perdendo o sentimento solidario existente na sociedade, aflorando o individualismo máis exacerbado programado por aqueles que cada día teñen máis poder sobre as decisións tomadas polos gobernos, obrigándoos a recortar as conquistas logradas pola clase traballadora na súa constante loita pola igualdade social. 
A globalización favoreceu que os mercados financieros e as grandes corporacións privadas establecesen que só a cultura dos mercados é valida e o consumismo o seu gran deus. 
As nacións desenvolvidas só ven os beneficios que lles reportan as axudas concedidas aos países pobres, transformando a solidariedade en negocios lucrativos. 
A axuda aos países en desenvolvemento diminuíu nos últimos 15 anos un 20 % e seguen gastando 500.000 millóns de euros en armas cada ano. 
Na década dos 60, por convite da ONU e coa finalidade de lograr a participación de asociacións con fins humanitarios, nacen as Organizacións nos Gobernamentais (ONG) independentes dos estados e sen substituíren as accións destes. 
Hoxe en día hai unha morea de ONG que de verdade desenvolven un traballo solidario nos países de orixe ou solidarizándose con outros que necesitan do seu labor para mellorar a calidade de vida. 
Pero infelizmene, hai outras moitas ONG, que son meras oficinas recaudadoras de axudas económicas de organismos oficiais e privados, que fan negocios lucrativos coa tramitación de proxectos presentados como solidarios. 
E aínda están as que son utilizadas por gobernos e/ou muultinacionais como mercenarios da solidariedade para lavar a súa cara e mellorar a súa imaxe fronte á opinión publica, mentres explotan os trballadores dos países pobres, onde desenvolven a maior parte dos seus negocios. 
A solidariedade profesionalizouse ata o punto de chegar a facerse post-graos nas Universidades para quen quiera dedicarse profesionalmente á solidariedade. 
A idea que tiña a ONU sobre a acción das ONG perdeu maioritariamente o seu contenido solidario e vemos organizacións caritativas ou lucrativas que axudan a manter o statu quo. 
Tendo en conta que a definición de solidariedade é a adhesión circuntancial á causa ou empresa doutros é a da caridade é a esmola que se dá, ou auxilio que se presta aos necesitados, Monseñor Hélder Cámara, Arcebispo de Recife (Brasil) nos anos 60, dicía o seguinte: “Se dou comida aos pobres, eles chámanme santo. Se pregunto por que os pobres non teñen comida, chámanme comunista”. 
No podemos despolitizar a solidariedade, porque estariamos a facer o traballo sucio dos que manexan o mundo. A Solidariedade é compromiso, é entrega, é acompañar a buscar o porqué das cousas, non se pode ser solidario sen tomar partido polas accións que se desenvolven. 
A solidariedade tamén é esixir que se paguen prezos xustos polas materias primas que se importan dos países subdesenvolvidos, que se cumpra a resolución da ONU de achegar o 0,7% do PIB para o desenvolvemento e denunciar os gobernos que permiten que as súas empresas exploten aos traballadores con salarios de miseria, boicotear as empresas e bancos que esquilman os países pobres. 

No falamos só de solidariedade: FAGAMOS SOLIDARIEDADE. 

XENTILEZA DO: COSAL A CORUÑA (Comité de solidariedade con América Latina)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.