martes, 26 de marzo de 2013

Elvira Varela Bao, "Republicana de Honra 2013"

Elvira Varela Bao: Filla de Elvira Bao e de Bernardino Varela. 

Elvira Varela, da Coruña, ten 10 anos cando encarceran á súa nai. A represión e o acoso das autoridades franquistas marcan toda a súa infancia e mocidade 

A historia de Elvira Bao: Mestra Republicana

"A miña nai era a presidenta da Agrupación Republicana Feminina na Coruña, Elvira Bao. Sempre me dicía que elas eran dunha organización de mulleres que ían en contra da guerra. As mulleres daban clase ás fillas e fillos das afiliadas, ten en conta que moita xente non podía custearse a educación. Ademais, a miña nai era mestra no Sanatorio de Oza. Todo isto, no 36, co Movemento, botáronllo encima. Foi terrible. Acórdome de todo, tiña 10 anos e sempre me levaba. Eu estaba aí". Elvirita Varela, filla de Elvira Bao, 86 anos despois do seu nacemento na Coruña, segue vivindo nesta cidade, o seu salón está repleto de fotos da Agrupación Republicana Feminina, galeguistas vinculados ás Irmandades dá Fala, á que pertencían os seus pais, agasallos dos fillos, debuxos da neta xunto á bandeira galega e a de "Nunca Máis" calcetadas por ela mesma. Os seus ollos azuis, enormes, non esquecen todo o que viron e aprenderon ao longo dos seus 86 anos.

"O meu pai era capitán da Mariña, o máis novo da súa promoción en España. Aos 15 era piloto e aos 17 terminou de capitán". Bernardino Varela, ademais, era "un fervente galeguista" con carné de afiliado ás Irmandades dá Fala, datado en 1918 . "Fundáronse no 16, dos primeiriños!". Bernardino e Elvira percorreron Galicia facendo obras de teatro en galego, "foron os que promocionaron o teatro en galego da man das Irmandades. Tamén estaba metida Teresa Chao, a irmá de Micaela que estaba casada con Antón Vilar Ponte. Todos formaban parte do cadro artístico das Irmandades dá Fala". Facer teatro en galego era unha acción reivindicativa en si mesma, "aquí no Teatro Rosalía de Castro era a primeira vez que se facía".

Na República "legalizouse o aborto controlado, abríronse centros para mulleres, incluíndo as prostitutas e as nais solteiras; divulgouse información sobre o control de natalidade e instituíuse o 'matrimonio de feito'. A pesar destas importantes conquistas, a revolución non alterou fundamentalmente os papeis tradicionais [1]. A República creou cidadás e as mulleres créronse cidadás", explica Raquel Osborne ao equipo de UNED [2].

Elvira Bao no verán do 1936

Elvira Bao foi mestra de colonias durante 2 veráns no Sanatorio de Oza, na Coruña, onde os nenos dos barrios do interior de Galicia e o resto da Península acudían a este Sanatorio para terapias coa auga do mar. Despois, fixeron a Elvira mestra fixa. "Coa República, as mestras tamén supervisaban a cociña, é dicir, as dietas dos nenos". A situación cambiou de face aos últimos anos republicanos. "Viñeron as monxas do Paul para encargarse disto". Os provedores, os Petra Sabio, facían exportación de peixe e marisco a Madrid e provían ao Sanatorio con iso. "Coas monxas, os linguados ían para arriba e a trapallada para abaixo, para os nenos."

Pero a súa nai non puido facer nada por cambiar esa situación ata que, no verán de 1936, o director, Fernández Obanza, que tamén era médico, obrigouna a facerse cargo da División. "Ela non quería ir por nós, pero o director díxolle que era obrigado que fose e, que en todo caso, podía levarnos. E así fixo. Isto foi uns meses antes de que empezase a guerra". Unha das primeiras accións que fixo a súa nai foi queixarse da comida que lles daban aos nenos "cando os profesores comían á carta". "Iso sentou fatal, ás monxas, aos profesores, ao administrador... a todos".

O Sanatorio de Oza non dependía do Ministerio de Sanidade español senón do Goberno Civil da Coruña. O gobernador Carballo e a súa muller, Juanita Capdeville, coñeceron a Elvira Bao no Sanatorio tras unha visita, "como ela foi quen lles ensinou o Sanatorio convidárona a devolver a visita no Goberno Civil e ela, claro, foi un día a tomar un café alí". Ese café custoulle a súa detención.

Tanto Juanita Capdeville como Francisco Pérez Carballo foron asasinados as autoridades franquistas. Tamén é asasinado, o 19 de agosto, o alcalde de Compostela vinculado ás Irmandades dá Fala, Anxo Casal. A súa esposa, María Miramontes, compañeira de agrupación de Elvira Bao, republicana e defensora do Estatuto de Autonomía galego do 36, vese obrigada a exiliarse a Arxentina onde morrerá a penas trinta anos despois.

Deteñen a Elvira Bao e "lócena" polo Cantón da Coruña

"En agosto de 1936, á miña nai dinlle no Sanatorio que se tome as vacacións de verán e á semana apareceunos a policía para detela e lévanlla para lucila polas rúas do Cantón". Elvirita reproduce o diálogo que a súa nai tivo coa Garda Civil ese día:

"Temos acusacións graves contra vostede. A miña nai, atónita. É vostede amiga da muller do Gobernador. A miña nai di non, non, só coñecina nunha visita. De sobras sabe vostede que é verdade, lle replican. Amiga da de Mazariegos, seguen. Carlos Mazariegos era empoderado do banco Pastor e a muller, mestra. A ela, Elvira Mazariegos, matárona a paus e apareceu nos camiños preto de Betanzos. Isto lémbroo na miña nenez como un feito terrible".

"Séguena acusando: fai vostede, din, ostentación dos seus ideais en todo lugar onde se atopa e, é máis, incúlcallo vostede aos nenos. E a alma dos nenos é sacra. Ela dille, pregunten por min no Sanatorio de Oza que levo 18 anos alí de mestra. E contéstanlle, precisamente de alí son as denuncias que teño contra vostede, veñen das monxas e o administrador".

A Elvira encarcérana baixo a premisa das súas amizades e "ostentación de ideais", acusacións como estas xunto á "ocupación do espazo público" son un delito que os tribunais militares só encausan ás mulleres. Entre 1936 e 1946, a maioría son xulgadas por "auxilio á rebelión" e a partir de 1946 por "conivencia cos fuxidos". "Desde o primeiro momento exerceuse para coas mulleres unha represión feita de xestos simbólicos, destinados a evidenciar a forza dos vencedores e a dominación dos vencidos [3]."

"O plus da represión feminina respondía á visión da muller como causante ou símbolo da destrución de España. O motivo, a transgresión do seu rol feminino tradicional baixo o auspicio da Segunda República" [4]. Elas "eran vistas, pois, como as depositarias da moral, as encargadas da rexeneración da patria tras a hecatombe republicana [5]".

Ás mulleres lévanllas "de paseo" e aparecen asasinadas en puntos de estradas ou camiños, para que os ollos do pobo vexa que lles pasaba a aquelas que se sublevaban. En Galicia, os homicidios por "paseo" chegan ao 60,1% das mulleres. Consolo Alonso García, asturiana, veciña de Monforte, vendedora de prensa, é executada o 13 de maio de 1938 por delito de rebelión militar, tamén por rebelión executan a Amada García Rodríguez, de Mugardos, o 27 de xaneiro de 1938. Das asasinadas, a máis nova, foi Mariña Rial Domínguez. Con 11 anos recibiu un disparo de arma de fogo polas autoridades franquistas nun tiroteo indiscriminado nunha das sublevacións militares. O 32, 7% das galegas asasinadas tiñan entre 19 e 30 anos, o 18,5% entre 31 e 50 e o 4,6% eran menores de 18 anos. Das 77 asasinadas polas autoridades franquistas en Galicia, entre 1936 e 1939, só dúas tiveron un proceso xudicial.

Sen unha execución física, 274 mulleres foron procesadas sen morte. O 50% das mulleres condenadas a cadea perpetua teñen entre 19 e 30 anos, e o 15% son menores de 18 anos. De entre elas, o 40% eran operarias e o 35% traballaban na súa casa. A pena de morte computada aplícase nun 83,3% ás mulleres de entre 19 e 30 anos.

Entre as asasinadas e as procesadas polas forzas franquistas, en Galicia suman 351 mulleres represaliadas de 1936 a 1939. [6] 

Elvira sae do cárcere e comeza o acoso falanxista

Tamén meten no cárcere a unha muller que tiña un bar na Mariña. "O que pasou é que un home chegou ao bar, pediu ir ao servizo e que lle gardase un paquete que traía. Apareceu a Garda Civil preguntando por el, no baño non quedaba ninguén e no paquete había unha bomba. Aí detivérona! Esta muller, que era falanxista, estivo 3 días no cárcere coa miña nai. E dille: Elvira, mentres non retiren a denuncia, vostede vai seguir aquí". Elvira, que xa sabía que a denuncia viña do Sanatorio, "meteu unha notita dentro dun cacho de pan e pasóunolo para que o meu pai fóra a falar co administrador".

"Alá fomos nós tamén, supoño que para dar máis pena. O home non quería axudarnos, dicía que non podía porque a miña nai era moi popular. Ao tres días, a miña nai estaba fóra". En total, a súa nai pasou tres meses e medio no cárcere. Unha vez fóra, comezou o acoso á familia por parte das forzas franquistas.

"Non podiamos estar tranquilos. Ás 3 da mañá viñan buscar ao meu pai para declarar. Ou, unha vez, despois de que os falanxistas fosen facer a Inspección, que se facía no antigo campo do Deportivo da Coruña F.C., viñeron á nosa casa todos eles. Viviamos nun 4º, pois todas as escaleiras cheas de falanxistas e gritando á nosa porta que viñan a por a cabeza da miña nai. Saíu un veciño, de dereitas, que dixo "pola cabeza desta muller respondo eu coa miña e encarouse co mozo que era o fillo do presidente da Patronal dese momento". Tamén sufrían constantes rexistros. "Fómonos para a casa do meu avó onde tiñamos que estar na pocilga, coa peste toda, e alá viñeron rexistrarnos baixo a denuncia de que tiñamos prata enterrada no xardín!".

Elvira Bao morre con 81 anos en 1971, sen chegar a ver a morte do ditador español Francisco Franco. Elvirita Varela, a súa filla, non puido estudar porque non tiña a carta de recomendación do réxime. É autodidacta: o que sabe aprendeuno dos seus pais e pola súa conta. O Estado español non lle recoñece ningún tipo de pensión nin axuda, do mesmo xeito que á maioría dos nenos e nenas da Guerra Civil Española. 

Texto xentileza da Comisión pola recuperación da Memoria Histórica da Coruña

Web da CRMHdC.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.