lunes, 22 de abril de 2013

Marcos Ana: versos na cadea


Houbo un tempo en que Marcos Ana era un dos poetas españois máis coñecidos e respectados de España: case tanto como Antonio Machado, García Lorca e Rafael Alberti. Os lletraferits de esquerda de moitos países de Europa e os letraferidos antifascistas de moitos países de América recitaban poemas seus, arredor de 1960, cunha mestura de fervor e de alporizamento. O autor, Fernando Macarro Castillo (Alconada, Salamanca, 1920), acababa de saír das prisións franquistas despois de vinte e tres anos de cautiverio (1939-1961). Había algún tempo que versos conmovedores seus furaban aqueles inhumanos muros para seren lidos en foros pacifistas, nas sedes dos partidos progresistas e nas cátedras de Hispanística de Europa e de América nas que se explicaba que Franco era sinónimo de babarie e terror. O se nom de plume xa era Marcos Ana, homenaxe do poeta a seu pai e mais a súa nai. 

Acaba de publicarse un volumen seu co título poemas de la prisión y la vida na editorial Umbriel-Tabla Rasa, de Barcelona. Boa parte de estes poemas circulaban arredor de 1960, en follas e revistas clandestinas, e nunha delas eu lía, aterrado, estes versos escritos na prisión de Burgos en 1956: 

“Mi vida / os la puedo contar en dos palabras: / un patio y un trocito de cielo / por donde a veces pasan / una nube perdida / y algún pájaro huyendo de sus alas”. 

Levaba o poeta dezasete anos nas mazmorras franquistas. Cinco anos despois, aínda preso, o poeta preguntaba: “Decidme como es un árbol (…) / Decidme como es el beso / de una mujer”. 

Estas poéticas interrogacións finalizaban: “Veintidós años… Ya olvido / la dimensión de las cosas (…) / Hablo, por hablar, se asuntos / que los años me borraron…/ No puedo seguir, escucho / los pasos del funcionario”. 

Hai dez anos, dous cantores -e músicos- galegos, Mini e Mero, nobres musas inconformes, bateron con este poema e, antes de que chegases os funcionarios traducírono, musicárono e cantárono, e fixérono, en Oleiros, diante do propios Marcos Ana, verdadeiramente emocionado de recibir en galego os seus conmovedores versos. Por certo, no primeiro verso do poema a traducción non foi literal: “Decídeme como é un carballo”. Estou convencido de que Mini e Mero sabían que o carballo era,nun excelso poema castelán de Rosalía, a árbore sacra de Galicia, pero non sei se sabían que, preso con Marcos Ana, levaba dezanove anos Alberto Puente, paisano noso, que morrería moito despois, no exilio venezolano. Supoño que este camarada de ídeas e de infortunio xa non tiña idea precisa de cómo eran as polas e as follas dos carballos. 


Fonte: CULTURAS de La Voz de Galicia 20 abril 2013

AutorXesús Alonso Montero (Vigo 1938) Presidente da Real Academia Galega, Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos. Tamén é director do Centro de Estudios Rosalinianos e da Revista de Estudios Rosalinianos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.