martes, 22 de octubre de 2013

O submarino que non flota

Manuel Monge.- Din que hai que apertarse o cinto porque non hai cartos. Os Orzamentos Xerais do Estado recortan as partidas de educación, sanidade, servizos sociais, etc, pero non hai problema para incrementar o gasto militar. O último despropósito é o gasto extra de máis de 200 millóns de euros para amañar un submarino que non flota.

"O último despropósito é o gasto extra de máis de 200 millóns de euros para amañar un submarino que non flota"

Desde o ano 2000 o gasto en armamento militar do Estado español ten un presuposto de 31.631 millóns de euros para os 19 Programas Especiais de Armamento (PEA), segundo datos do propio ministerio de Defensa: a fragata F-105 Cristobal Colón, entregada en outubro de 2012, está presupostada en 834 millóns de euros; outras catro, da serie F-100, xa entregadas, tiveron un custo de 1.809 millóns; 11.718 millóns de euros para 68 avións de combate EF-2000; 2.212 millóns para 4 submarinos S-80; 2.399 millóns para 239 carros de combate Leopard; 2.463 millóns para 45 helicópteros NH-90; 1.579 millóns para 24 helicópteros de combate Tigre; 5.493 millóns de euros para 27 avións de transporte militar A400M.

Como hai que modernizarse, o ministerio de Defensa anunciaba en 2012 a xubilación do portaavións Príncipe de Asturias que só ten 25 anos (entrou en servizo en 1988) e que tivo un custe de 630 millóns de euros daquel ano. Un dos motivos para adiantar a baixa é que o custe anual de mantemento é de 30 millóns de euros.

Nunca entendín iso do gasto militar e a necesidade de modernización do armamento. Creo que xa mataban demasiado os avións F-16. Despois mercaron os F-18 porque matan máis e mellor; e agora, como sempre queren o último modelo, cada avión de combate EF-2000 vale 172 millóns de euros. Os citados F-18 (o prezo por unidade pode chegar a 60 millóns de euros) tiveron dez accidentes nos últimos vinte anos. En xuño de 2009 dous destes aparatos caeron ao mar (afortunadamente, os pilotos salváronse despois do choque) cando realizaban un exercicio de adestramento desde a base de Gando (Gran Canaria), é dicir, perdemos 120 millóns de euros ou 20.000 millóns de pesetas.
Que se podería facer co custe deses dous avións, perdidos no mar? Contratar a case 8.000 traballadores cun salario mensual de 1.000 euros. O investimento en armamento no ano 2011 foi de 2.006 millóns de euros; con eses cartos poderían manterse 421.910 pensións mínimas durante un ano.

Agora que se fala tanto do déficit e da débeda pública, de que gastamos máis do que temos etc, cómpre lembrar algunhas das causas desa débeda. O profesor Xavier Vence escribía isto o 18 de xaneiro de 2012 sobre o burato da débeda militar: “Con todo o disimulo posíbel o Estado Español leva anos esforzándose por converterse nun membro do ´selecto´ grupo de países do mundo empeñados en ser ´potencias militares´. Iso concrétase, entre outras cousas, nun crecente gasto militar. Segundo as definicións internacionais do SIPRI en 2011 o gasto militar total alcanzaría uns 17.200 millóns de euros, ao redor do 1,7% do PIB. Dentro desa contía unha parte nada desprezábel son os 800 millóns de gasto anual na guerra de Afganistán. O actual Ministro de Defensa, Pedro Morenés (era o segundo no ministerio de Defensa na primeiro Goberno de Aznar), foi o artífice dunha complexa enxeñería financeira coa que se poñería en marcha o máis vasto programa de compras militares nunca visto, dirixido tanto a empresas españolas como americanas e europeas. Un sistema de compras apancadas que irían aumentando o monto da débeda acumulada que podería situarse en 36.876 millóns de euros no ano 2015”.

"O investimento en armamento no ano 2011 foi de 2.006 millóns de euros; con eses cartos poderían manterse 421.910 pensións mínimas durante un ano"

Isaac Peral é considerado como o descubridor do submarino e con estes antecedentes non podían permitir que a construción dos novos submarinos tivesen tecnoloxía estranxeira, así que decidiron iniciar unha aventura en solitario para construír catro submarinos de nova xeración cun deseño integramente español. O resultado é un auténtico fiasco porque o submarino S-80, aínda en estado de xestación, vén con sobrepeso (120 toneladas de máis por errores de cálculo) e, segundo os técnicos, tería dificultades para emerxer. Para evitar esta desfeita hai que alongar o casco entre 7 e 10 metros, cun sobrecuste de case 210 millóns de euros por cada submarino, é dicir, 840 millóns de euros en total.

O PP negábase na Mesa do Congreso a tramitar unha pregunta escrita ao Goberno sobre esta desfeita do deputado de IU, Gaspar Llamazares, porque na introdución facía referencia a un célebre monólogo de Gila: “De color bien, pero no flota”.

O goberno de Rajoy aprobaba o 7 de setembro de 2012 un crédito extraordinario de 1.782 millóns de euros para o pago de material militar recibido en 2010 e 2011. Isto supón o incremento dun 28,21% do presuposto de Defensa para 2012, que era de 6.316 millóns de euros. O 30 de abril de 2013 o Goberno autorizaba 582,3 millóns de euros máis de gasto no orzamento do ministerio de Defensa. E o 27 de xullo de 2013 aprobaba outro aumento de 877,3 millóns de euros “para atender ao pagamento de obrigas correspondentes a programas especiais de armamento e material”. En nove meses o orzamento do ministerio de Defensa para 2013 creceu en 1.459 millóns de euros (un 24%), pasando de 5.937 millóns de euros a 7.396 millóns. E logo din que non hai cartos!

Manuel Monge, mestre e sociólogo, foi concelleiro do BNG na Coruña (2003-2007), expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
Fonte: SERMOS GALIZA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.