miércoles, 11 de diciembre de 2013

Melchor Roel na memoria

Coñecín a Melchor Roel no porto de Bos Aires o 27 de setembro de 1975. Os dous compartimos o mesmo viaxe de retorno a Vigo, no último percorrido do trasatlántico Cabo San Roque. Recordo que mentres o buque se afastaba do peirao, escoitábanse gritos de compañeiros e amigos da mocidade comunista, que gritaban ¡que morra¡ ¡que morra!. A emoción de partir, de ver aos meus pais axitar os seus panos brancos, con bágoas nos ollos, non me deixaron comprender exactamente o que estaba pasando nese momento. O Porque de tantos gritos?.

Lois Pérez Leira .- Melchor tiña por aqueles tempos 20 anos, fora detido despois do golpe de Estado de Juan María Bordaberry, o 27 de xuño de 1973. Pertenencia á Unión da Mocidade Comunista (UJC) e foi confinado na tristemente soado cárcere de Punta Carretas na costa de Montevideo. Alí tamén estaban os “perigosos” presos Tupamaros Raúl Sendic, Eleuterio Fernández Huidobro, Mauricio Rosencof, Jorge Zabalza e o actual presidente do Uruguay José Mujica. Pola súa condición de estranxeiro, xa que nacera en Galicia, Melchor é expulsado, utilizando unha vella lei uruguaia, que perseguía aos inmigrantes de ideas anarquistas ou comunistas.

Desde o cárcere foi trasladado esposado, pola policía carcelaria, directamente ata o barco. No porto estábano esperando os seus pais, que decidiran regresar con el, á súa terra de orixe.

Malia a liberdade que sentía no barco, e unha alegría manifesta, Melchor tiña un futuro incerto. En España tamén había outra ditadura, que duraba case 40 anos e o chegaba como un expulsado comunista.

Cando pasaron algúns minutos da saída do barco e aínda estaban os pasaxeiros saudando á distancia aos seus seres queridos, unha voz, un berro, comezou a xurdir da gorxa dun tripulante do Cabo San Roque; ¡Morra Franco, que é a vergoña de España e do mundo!. O seu berro desesperado parecía que retumbaba en todos os mares do mundo. Só dicía e repetía esa mesma frase. Ata que un oficial da tripulación, ordénolle que se calase e que o acompañase. Nese momento estaban fusilando a Humberto Baena e aos seus compañeiros do FRAP.

Os dous que presenciamos esta escena quedamos case mudos. Mirámosnos aos ollos e aseveramos en silencio o que estabamos escoitando. Dúas horas despois reencontreim con Melchor. Logo da cea e antes de mirar unha película que proxectaban puxémonos a comentar o suceso. Terminamos falando da ditadura franquista e contoume que estivera preso. Os dous tiñamos en común as nosas militancias nas mocidades comunistas, de ambos os dous países rioplatenses. El fora preso político e expulsado contra a súa vontade, mentres eu quería cambiar de aires e coñecer aos meus avós e as miñas orixes. Na arxentina comezaba o terrorismo de Estado, baixo o goberno de Isabel Perón e os asasinatos de decenas de militantes de esquerda. Era un feito cotián. Durante os dous últimos anos tamén sufrira as ameazas dos grupos paramilitares das Tres A e a inseguridade facíase sentir na Arxentina.

Nos 15 días que durou a travesía as nosas conversas viraban sempre sobre o Che Guevara e a loita revolucionaria en América latina. Recordo que me falaba con admiración de Arismendi, que era o Secretario Xeral do Partido Comunista Uruguaio e participara do encontro de OLAS en Cuba, que propiciara Ernesto Guevara.

O 12 de outubro o barco chego ao porto de Vigo. Durante a travesía non volvemos nunca máis a ver ao mariñero que fixo alzar a súa voz contra os últimos crimes do franquismo. Despedímosnos no barco e ambos nos perdemos nun mar de abrazos, dos nosos seres queridos que estaban no porto. Tan só uns días despois morría o tirano e comezaba a derrubarse a ditadura.

Tardei en volver ver a este amigo galego uruguayo. Os dous, mozos por aqueles anos, percorremos outros camiños, aínda que sempre cos mesmos ideais. Fai tan só 10 anos atrás, na miña condición de traballador da CIG e polos contactos sindicais, puiden saber que Melchor Roel, era un activo militante de Comisións Obreiras. Logo máis recentemente pola prensa, decáteme que fora elixido alcalde de Viveiro. Un día chameino para felicitalo polo seu nomeamento e recordarlle quen era. Aos poucos meses puidémonos reencontrar logo de varias décadas daqueles sucesos. Vímonos varias veces máis e sempre estaba entre os dous o recordo emocionado daquela viaxe. Unha historia -con algúns segredos que os dous compartiamos- que lle gustaba contar á súa familia e ao seu fillo. Por certo por Roel souben no último encontro que tivemos, na presentación do meu libro “Cuba os galegos e o Che”, que aquel mariñeiro que grito o “Morra Franco” era galego e militante comunista.

Para Melchor Roel esta homenaxe sincera. Como dicimos os guevaristas. ¡Ata a Vitoria sempre!

Lóis Péres Leira.-Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.