viernes, 6 de diciembre de 2013

Unha legalidade inxusta.

Hai demasiadas leis, o que non hai e moita xustiza. Un xuíz dou orde de que o próximo 17 de Xaneiro ás nove e media da mañá se tire coa cuarta planta nun edificio dunha das familias máis humildes, dende sempre, deste porto de Malpica de Bergantiños. A denuncia é de fai uns 30 anos, por parte de “Herminia de Cotelo”, sogra de Francisco Mato Pet (ex - secretario dos concellos de Malpica, Arteixo e A Coruña). Todos sabemos que medio Malpica é ilegal. Tamén sabemos que nunca se derrubou ningún edificio ilegal en Malpica. E o que é mais grave: nunca o concello de Malpica impediu que se construísen as casas ilegais desta vila.
“Paco do Contramaestre” (Francisco Mato Pet), cando ti eras secretario do concello de Malpica, permitíronse ducias de obras ilegais. Algunhas vivendas ilegais de Malpica teñen ou tiveron de propietarios a funcionarios e concelleiros de Malpica (e a algún alcalde dunha grande cidade galega). Ó carón da casa dos Graña (que van “segar” dentro de mes e medio), fixéronse a de Cañizo e a do Bar Novo. Moi cerca tamén a do Hostal J.B., o Edificio Sisargas (11 plantas edificadas enriba da area orixinal da praia maior de Malpica), o “Edificio do Bloque”, o de “Posiño” na que fora a casa de “Chita de Lerio”,...  Media ducia de exemplos de obras máis ilegais que a dos Graña. Pero como ningún veciño as denunciou, pero como ningún funcionario nin concelleiro cumpriu co seu deber (ti entre eles), pero como en España sempre perden os mesmos,...
Os Graña excedéronse metro e medio na altura da casa. E vanlle tirar o cuarto piso (onde vive Fernando, neto de “Andrés de Patingo”). E vanlle cobrar 40.000€ pola demolición (moito máis caro que facelo). E o solar é minúsculo, por eso lle deron 4 pisos (coma en todo Malpica). Así, por 30 moedas, vaise vender algún empresario sen escrúpulos, que terá as agallas para cometer este atentado contra a dignidade humana.
Se se executa o “crimen”, o concello de Malpica debería pagar a demolición e compensar á familia pola perda do piso e de todos os cartos que levan gastados nestes 30 anos en avogados e xuízos. E se non, pagalo todos os malpicáns de boa fe, pedindo así perdón por votar e permitir que gobernasen Malpica tantos “indeseables”, “advenedizos” ou “inútiles” como hai aínda hoxe en Malpica en diferentes cargos públicos. Coma ti, “Paco do Contramaestre”, coma o teu pai e coma o teu sogro Fariña. Paco, ¿cantas inxustizas cometeron Mato, “O Contramaestre” e Fariña, “O do Pósito de Pescadores”.
Paco, ¡¡vive e deixa vivir!!; pola fame que axudaron a “tecer” o teu pai e o teu sogro, rógoche que intentes parar esta “legal” inxustiza. Se non o fas, pódese dicir que ti mesmo apertaches espiritualmente o gatillo da pistola que matou ó teu pai. Para saber o dano que fixo só tes que falar con algún dos propietarios de botes, lanchas ou motoras nos tempos en que o teu pai exerceu de contramestre en Malpica. Todos temos algo de humanidade en nós, móstranos a túa. Basta xa da persecución a unha familia humilde a quen parece ser que a túa sogra lle foi pedir, en varias ocasións, que lle venderan a casa vella sobre a que fixeron a actual. ¿Non querería facer alguén un edificio nese antigo rueiro malpicán, aproveitando as casiñas e casetos que conforman a mazá central do Rueiro da Praia?¿Non habería algúns coñecidos teus detrás do negocio? Estou seguro de que ti non sabes nada do asunto, deben ser faladurías, xa sabes como é a xente de Malpica.
Pídolles a todos os veciños que o venres 17 de xaneiro non manden ós seus fillos á escola, non abran os seus negocios, non vaian ó mar,...  A non ser que o Goberno indulte ó cuarto piso da casa dos Graña. Se indulta a ladróns, asasinos, estafadores,...; ¿non pode indultar a un piso humilde dun pobo de urbanismo salvaxe onde nunca se tirou abaixo unha construción ilegal. Casa veciña a ducias e ducias de vivendas construídas ilegalmente e que nunca foron nin serán derruídas?
RECORDOS.
“No inverno, todos os días de temporal, sobre a tona da auga do mar, a espuma reescribe, terca, o noso pasado.”
Pídolles ós malpicáns que se acorden de Antonio Graña, que deixou viúva a Lola de Benita xa fai moitos anos, e orfo ó seu fillo Fernando. Antonio era tullido, estivo en Suíza para facer a casa que agora queren “tullir”. Foi zapateiro onde hoxe está o “Chiringuito da Area” e cando vía alguén en perigo, saltaba renqueando á praia. Hai xente que segue viva hoxe gracias a Antonio. Na zapatería tiña un salvavidas e un botiquín, que estaba para atender a todos durante a época de baño.
Pídolles ós malpicáns que se acorden de Lola de Benita, viúva de Antonio e nai de Fernando. Loliña aínda non sabía falar cando o seu pai afogou no “Meixonciño de Andrés”, por nordés da illa Malante, nas Sisargas. Andrés (moi bo nadador) non era percebeiro pero a súa familia pasaba necesidade, coma case todas en Malpica. Era o primeiro día que foi ós percebes e morreu dun golpe de mar contra as pedras. O cadáver aparecería días despois na praia de Niñóns. Semanas máis tarde nacía a segunda filla de Andrés. Vanse cumprir os 80 anos da morte de Andrés de Patingo.
De quen máis me acordo eu é de Fernando Graña Suárez, fillo de Antonio e de Lola. Fixo nestes días 47 anos que un neno de seis estaba afogando e, xa rendido, recordou naqueles dous minutos infinitos a súa corta vida e ós seus pais.
Gracias, Fernando. Nas horas nas que as máquinas do demo e uns obreiros inhumanos desfagan ese cuarto piso que é o teu fogar, non irei a Arteixo. Estarei alí na Area, e entenderei algo máis da miseria humana.   
 
C.H.E. – MALPICA
Adrián Abella Chouciño.    

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.