miércoles, 29 de enero de 2014

As ameazas da sanidade pública (II)

Pablo Vaamonde .-A sanidade pública, elemento fundamental de cohesión social no Estado de benestar que se construíu en España nas últimas décadas, está ameazada. As actuacións da dereita gobernante están inspiradas nunha ideoloxía supermacista que xustifica a exclusión social dos máis necesitados. Tamén contempla a actividade sanitaria como un territorio propicio para desenvolver negocios privados. Desde o goberno central e as autonomías están a impulsar medidas que camiñan nesa dirección. Fagamos un breve repaso das súas máis importantes actuacións:

1.-Real Decreto Ley 16/2012. Esta lei foi denominada, con gran cinismo, como “de medidas urgentes para garantizar la sostenibilidad del Sistema Nacional de Salud y mejorar la calidad y seguridad de sus prestaciones”. O PP utilizou a maioría absoluta para aprobar esta norma -eludindo o debate parlamentar-, que nos fai retroceder máis de tres décadas na historia. Anula a atención sanitaria universal e recupera a figura do “asegurado”(a xente terá dereito á asistencia santaria en función da súa cotización á SS); provoca a exclusión sanitaria dos inmigrantes sen papeis e doutros colectivos da poboación; impón copagamentos (a pensionistas e enfermos crónicos) que aplastan as xa deterioradas economías familiares; e recorta a carteira de servizosque aparece fragmentada en tres niveis (básica, complementaria e accesoria), preparando o terreo ás aseguradoras para cubrir aquelas prestacións que resulten excluídas da sanidade pública. Todos estas imposicións, que xa comezan a provocar dano na saúde da poboación, teñen dous obxectivos: conducirnos a unha sanidade dualizada (porta para ricos, porta para pobres; aseguramento privado e beneficencia) e favorecer os negocios das empresas da sanidade privada. 

2.-Hospitais PFI. Este modelo de concesión (financiamento público-privado) a empresas privadas para construir e xestionar hospitais foi impulsada na década dos noventa no Reino Unido polo Partido Conservador. Os resultados foron calamitosos para a sanidade británica. Un informe da OMS, que analizaba 15 anos desa experiencia, demostrou que estes hospitais son máis caros, teñen peor calidade asistencial e reducen a transparencia na xestión. A pesar destas evidencias o PP impulsou este modelo en Valencia (o primeiro hospital deste tipo foi o de Alzira, con nefestos resultados) e Madrid (ambas as dúas comunidades teñen agora a sanidade en bancarrota). Este foi o gran modelo de negocio da sanidade deseñado pola dereita en convivencia con determinadas empresas nas que practican con asiduidade o exercicio da “porta xiratoria”: hai políticos que privatizan parcelas da sanidade que despois pasan a xestionar cando se retiran da actividade pública. Mais esta estratexia de parasitación da sanidade pública está nun momento baixo: a crise económica, coa diminución de crédito bancario, e a contestación social puxeron freo temporal a estas manobras.

A movilización profesional e cidadá realizada enMadrid pola “Marea Branca” puxo en cuestión estas manobras privatizadoras e conseguiu dos tribunais de xustiza unha suspensión cautelar das externalizacións, avalada polo TSJM. O rexeitamento dos recursos presentados pola Comunidade de Madrid obrigou ao goberno rexional a suspender definitivamente o plan de privatización dos seis hospitais que tiña previsto, e provocou a dimisión do conselleiro Fernández-Lasquetty. A privatizacion dos hospitais de Castela-A Mancha, anunciada pola presidenta da comunidade, tamén está en stand by. En Galicia a construcción dohospital de Vigo, promovida con este modelo PFI, está retardada, pois a UTE non conseguiu financiación suficiente para continuar: os bancos non confían na viabilidade da obra; o presidente da Xunta, en contra do establecido no contrato (donde se especifica que “la financiación es a riesgo y ventura de la Concesionaria”) anda na procura de financiamento para que o hospital non quede no esqueleto. Pero tal como están as cousas é posible que este sexa outro Gaiás inacabado. Este pode ser o gran fracaso de Núñez Feijóo, que deixará unha pésima herdanza na dotación sanitaria do sur de Galicia. 

3.-Externalizacións e privatizacións. Cando non é doado privatizar o hospital enteiro van entregando a mans privadas aquelas áreas de actividade donde se pode extraer beneficio a costa dos orzamentos públicos.Núñez Feijóo é un experto privatizador: foi a man dereita de Romay Beccaría para a implantación dasFundacións Sanitarias (que o goberno progresista de Galicia -2005-2009- tivo que rescatar pois estaban todas en quebra), e tamén privatizou Correos (desde a dirección que ocupou de 2000 a 2003). Cando chegou ao poder na Xunta de Galicia xa avisou que era partidario de privatizar “todo lo que no sea el núcleo duro del sistema sanitario”. Entregouse no empeño desde o primeiro momento e as direccións dos centros cumplen con dilixencia os mandatos privatizadores que chegan desde Santiago. 

A historia clínica, a receita electrónica, a central de chamadas, os teléfonos de información, a alta tecnoloxía diagnóstica e terapéutica, o mantemento dos equipos, os servizos informáticos, o almacenamento e distribución de material sanitario, a investigación e a docencia: todas estas parcelas están en mans privadas. Moitos traballadores públicos quedan relegados e sen función mentres o Sergas paga a empresas externas por servizos que eles viñan realizando á perfección. Tamén é moi relevante que se entregue a empresas privadas información privilexiada dos servizos estratéxicos do sistema e dos propios pacientes. A Administración perde o control e queda como refén destas empresas que son as que controlan e utilizan os datos sensibles da sanidade. 

O dous de xaneiro foi publicado no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea), o anuncio dun concurso para a privatización do servizo de esterilización. O contrato ascende a 160 millóns de euros, e pode entregar a unha empresa este servizo para toda Galicia. Esta proposta resulta alarmante, e pode afectar a centos de traballadores públicos que actualmente realizan estas tarefas con absoluta garantía e calidade. Os actuais responsables desta tarefa afirman nun escrito que “esta decisión foi tomada por motivos alleos ao rigor técnico” e que non existe ningunha certeza de que se vaia mellorar a eficiencia. A Xunta pretende ceder a mans privadas un servizo tan delicado e importante para a saúde da poboación. Porque as empresas privadas teñen que conseguir beneficios ao peche do exercicio, e a seguridade pode quedar nun segundo plano. (A primeiros de xaneiro tiveron que pechar dous quirófanos no hospital de Santiago; o servizo de mantemento está subcontratado).

4.-Áreas de Xestión Clínica (AXC). A privatización completa dos hospitais está freada como consecuencia da movilización cidadá, da actuación dos tribunais de xustiza e pola propia crise económica que dificulta a obtención de créditos por parte das empresas adxudicatarias. Pero o PP non desiste deprivatizar a “bata branca”. Para eso utiliza a proposta das AXC. A xestión clínica é un concepto ben considerado na sanidade: fai referencia á necesidade de que os profesionais sanitarios asuman responsabilidade na práctica clínica e na utilización dos recursos sanitarios. Pero non require modificar a persoalidade xurídica das unidades que realicen estas tarefas nin ten nada que ver coa laboralización do persoal sanitario. O goberno publicou no BOE, en xullo de 2013 (incrustada nunha lei sobre farmacovixiancia) unha disposición final quinta que plantexa a creación das AXC cun réxime laboral distinto ao actual. Promove a laboralización do persoal sanitario que se integre nestas unidades, coa conseguinte perda dos dereitos laborais que hoxe ten o persoal estatutario. 

A forma de lexislar, con ocultación e engano, fai suspeitar das intencións do PP. Estas AXC serían como “reinos de taifas” con autonomía na súa xestión, capacidade para contratar persoal e con reparto de beneficios entre os seus xestores; podería dar entrada a empresas privadas e chegar á fragmentación dos centros coa creación de microempresas dentro dos hospitais, financiadas con fondos públicos máis reguladas polo dereito privado. En Galicia tamén se aprobou no Parlamento unha proposta do PP para a creación de AXC, que afirma garantir o carácter público destas unidades. Mais os xuristas están dacordo: unha lei estatal prevalece sobre unha autonómica. E a vontade política da Conselleira está ben clara: ten afirmado en público que o actual sistema sanitario non sirve, que cómpre cambiar o sistema retributivo dos profesionais e que “no queda otra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada”. (Acaba de renovar o concerto particular con Povisa -a súa antigua empresa-: o Sergas pagará más de 750 millóns nos próximos 10 anos). Neste momento os directivos do Sergas tratan de impulsar proxectos de AXC nos hospitais galegos e nalgún centro de saúde; teñen serios problemas para superar os recelos dos profesionais. Mais semella que outros proxectos poden estar xa nunha segunda etapa. A finais de 2013 falouse do interese dunha empresa multinacional de tecnoloxía médica para facerse co control da Unidade do Corazón do hospital de A Coruña, dirixida ata o momento polo doutor Castro Beiras, que está perto da xubilación. Él mesmo desminteu esta posibilidade. Sexa ou non certa esta proposta o certo é que marca o camiño a seguir no resto dos centros sanitarios, se os profesionais non perciben a ameaza e se opoñen como firmeza a esta proposta que pode representar, a curto prazo, a destrucción desde dentro do sistema sanitario público. 



, Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Fonte: Pavillón de repouso

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.