viernes, 6 de junio de 2014

Abdicación do rei Juan Carlos (1ª parte)



A abdicación non pretende outra cousa que salvar a monarquía española. Intentan escamotear o problema de fondo: non hai que decidir hoxe sobre quen vai ser o rei, senón se queremos monarquía ou república. O pobo debe decidir e iso é o democrático.
Non houbo grandes sorpresas despois de coñecerse a noticia da abdicación. Apoio incondicional de PP e PSOE á continuidade monárquica, en sintonía coa actitude que tiveron na chamada Transición. En Galiza dirixentes socialistas intentan sintonizar coa rúa e co seu electorado facendo unhas declaracións contraditorias. Por unha banda  manifestan o seu compromiso cos principios republicanos, mais non se atreven a romper o cordón umbilical co PSOE e non se pronuncian pola convocatoria dun referendo, nin por unha alternativa republicana como saída á actual situación política. Os máximos dirixentes do PP e PSdeG, Feijóo e Gómez Besteiro, coincidían na valoración do papel de Juan Carlos: “Trouxo a democracia”.
Chama a atención o pronunciamento das Xuventudes Socialistas de Galicia que reivindican a convocatoria dun referendo para decidir sobre a forma de Estado, sen decatarse de que o seu partido de referencia, o PSOE, é un partido monárquico desde hai moitos anos, é dicir, que está pola continuidade da monarquía na persoa de Felipe VI, e non é partidario da consulta á cidadanía..

Por que abdica agora o rei Juan Carlos?

Pode haber moitas opinións, mais é evidente que o prestixio da monarquía e do rei caeron en picado nos últimos anos, sobre todo despois do accidente que tivo en Botsuana cando cazaba elefantes en abril de 2012, acompañado da princesa Corinna zu Sayn-Wittgenstein. Non era a primeira vez que estas “correrías” do rei eran ocultadas á opinión pública. O 15 de agosto de 2005, 17 militares españois morrían en Afganistán no accidente dun helicóptero Cougar. Juan Carlos tardou dous días en aparecer porque estaba de caza en Botsuana. O rei chamaba á solidariedade en tempos de crise, pero el participaba en cacerías de alto nivel, que poden ter un prezo de 50.000 euros por elefante. Ante estes feitos, a asociación internacional para a defensa da natureza WWF-España (World Wildife Fund) acordaba en asemblea extraordinaria o 21 de xullo de 2012, por 226 a favor e 13 en contra, retirar a Juan Carlos a presidencia de honor desta organización.
A valoración da monarquía tamén descendeu polas actividades corruptas dos Duques de Palma (Cristina e Iñaki Urdangarín) que se destapa co caso do Instituto Nóos. No barómetro do CIS a nota do rei pasaba dun 6,86 en decembro de 1998 a un 3,72 en maio de 2014.
Os resultados das eleccións europeas onde os principais valedores da monarquía, PP e PSOE, non conseguen nin o 50% dos votos, tamén puído influír nesta decisión. Por outra banda, avanzan en Cataluña as posicións favorábeis á independencia, cando faltan só cinco meses para a consulta que decidirá sobre o futuro desa nación.

O rei foi nomeada polo ditador Franco.

Juan Carlos foi nomeado por Franco como o seu sucesor, como recollía  o titular de La Voz de Galicia de 23 de xullo de 1969: “JUAN CARLOS, SUCESOR DE FRANCO PROPUESTO POR EL JEFE DEL ESTADO, FUE ACEPTADO POR LAS CORTES”. E subtitulaba: “Como persona llamada en su día a sucederme, a título de Rey, dijo Su Excelencia”. Nos tres primeiros meses dese mesmo ano o Goberno declaraba o Estado de Excepción cun incremento da represión e detencións masivas de demócratas.   

Juan Carlos xustifica a ditadura que se inicia o 18 de xullo de 1936 e xura lealdade ao ditador e aos “Principios del Movimiento Nacional”

Así foi o acto nas Cortes o 23 de xullo de 1969:
“El presidente de las Cortes preguntó al Príncipe:
– En nombre de Dios y sobre los Santos Evangelios, ¿juráis lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y demás leyes Fundamentales del Reino?
– Sí, juro lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y demás Leyes Fundamentales del Reino.
  El presidente de las Cortes, don Antonio Iturmendi Bañales, concluyó
– Si así lo hiciereis que Dios os lo premie, y si no, os lo demande”.
A continuación, Juan Carlos manifestaba no seu discurso: “Mi General, señores Ministros, señores Procuradores: Plenamente consciente de la responsabilidad que asumo, acabo de jurar, como Sucesor a título de Rey, lealtad a Su Excelencia el Jefe del Estado y fidelidad a los Principios del Movimiento Nacional y Leyes Fundamentales del Reino. Quiero expresar en primer lugar, que recibo de Su Excelencia el Jefe del Estado y Generalísimo Franco, la legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936, en medio de tantos sacrificios, de tantos sufrimientos, tristes, pero necesarios, para que nuestra patria encauzase de nuevo su destino”.
La Voz de Galicia de 20 de novembro de 1975 anunciaba en primeira páxina o que estaba previsto despois da morte de Franco, segundo as leis franquistas: “DON JUAN CARLOS SERÁ PROCLAMADO REY DENTRO DEL PLAZO DE OCHO DÍAS”. E subtitulaba: “Vacante la Jefatura del Estado, el Príncipe Juan Carlos de Borbón y Borbón prestará juramento y será proclamado Rey por las Cortes Españolas, de acuerdo con el artículo séptimo de la Ley de Sucesión y dentro del plazo de ocho días”.

Admiración por Franco

Juan Carlos Borbón consideraba a Franco como un patriota exemplar, digno de admiración. Durante a ditadura presidiu moitos actos oficiais á dereita do ditador, aínda que esas imaxes sexan hoxe secuestradas á opinión pública. Sabemos que durante os seus anos de “preparación” para acceder á Xefatura do Estado non fixo declaración algunha de condena da represión, nin das actuacións criminais da Ditadura, nin a favor dun sistema democrático. Dedicábase a esquiar, navegar, facer viaxes de lecer e aos negocios particulares. A día de hoxe aínda non condenou a ditadura que tivemos durante corenta anos, caso único dun xefe de estado en Europa.
Nunha entrevista, que pode verse en You Tube, un xornalista preguntáballe en francés a Juan Carlos Borbón: “¿Qué representa para usted el general Franco?”. E contestaba: “Es un ejemplo viviente, día a día, por su desempeño patriótico al servicio de España y, por eso, yo tengo por él un gran afecto y admiración”. (Traducido do francés).

Un patriota?

Pois resulta que traballaba para EEUU. Recollendo datos de WikiLeaks, que tiña 1,7 millóns de cables diplomáticos de EEUU entre 1973 e 1976, público.es, iniciaba o 8 de abril de 2013 a publicación dunha serie de reportaxes sobre o papel de Juan Carlos na Transición. Titulaba: “Juan Carlos se hizo confidente de la Casa Blanca y se convirtió en su gran apuesta para controlar España”. E resumía así a súa actuación: “El príncipe dio a Washington detalles pormenorizados sobre los movimientos de Franco en el Sáhara y pidió ayuda para conseguir que el dictador renunciara. EEUU vio en él al relevo indispensable para que la OTAN aceptara la entrada de España, lo que propiciaría que los estadounidenses mantuvieran sus bases militares aquí”. “En 1975 el rey se vio o charló con Wells Stabler (embaixador de EEUU en España) en más de 10 ocasiones para informarle de los movimientos de la dictadura”. “La CIA supo de primera mano lo que pasaba en España gracias a las confidencias del príncipe”.
   Con estes “servizos” do rei Juan Carlos, España favorecía os intereses de EEUU e Marrocos (aliado de Francia), e abandonaba o Sahara o 12 de xaneiro de 1976. E a través do Tratado de Amizade e Cooperación, asinado o 24 de xaneiro de 1976, EEUU aseguraba a permanencia das súas bases militares.

O rei e o 23 F.

A propaganda oficial difundiu durante anos o comportamento exemplar do rei no intento de golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 (23–F). Queda moito por descubrir, pero o escritor Javier Cercas declaraba sobre o comportamento do rei que “su actitud antes del golpe no fue en absoluto ejemplar: cometió errores, frivolidades, irresponsabilidades”. A xornalista Pilar Urbano, que escribiu o libro La gran desmemoria. Lo que Suárez olvidó y el Rey prefiere no recordar, manifestaba que “para Suárez estaba claro que el alma del 23-F era el Rey”. 
É público o afectuoso saúdo do rei ao golpista Jaime Miláns del Bosch a noite do 23–F. Nunha conversa telefónica dicía o rei: “¡Un fuerte abrazo, Jaime!”. E contestaba o Capitán Xeral de Valencia: “¡Otro, Majestad!”.
Existe un informe de Lothar Lahn, embaixador alemán en España entre 1977 e 1982, resultado dunha conversa co rei despois do 23-F, que publicaba o semanario Der Spiegel. Este documento foi desclasificado e publicado polo Instituto de Historia Contemporánea como “Actas da política exterior da República Federal de Alemaña de 1981”. Neste informe o embaixador fala da actitude de Juan Carlos ante os golpistas: “no mostró ni repulsa ni indignación; es más, mostró comprensión, cuando no simpatía”. O citado semanario lembraba que o embaixador alemán falaba perfectamente español e que o informe “goza de credibilidade, pois era visto polos seus colegas como un diplomático prestixioso, fiábel”.
A defensa que fixo o rei dos golpistas, recomendando os partidos políticos que os sublevados non recibisen unhas penas severas, non é nada novo. Cando o rei recibe aos líderes dos partidos políticos con representación parlamentaria o 25 de febreiro –dous días despois do asalto ao Congreso– le un lamentábel discurso, que difunde a axencia Colpisa: “Sería poco aconsejable una abierta y dura reacción de las fuerzas políticas contra los que cometieron los actos de subversión en las últimas horas”.

Manuel Monge

Mestre e sociólogo, foi concelleiro do BNG na Coruña (2003-2007), expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.