lunes, 9 de junio de 2014

O malestar da cultura galega



*Pablo Vaamonde.- Na Coruña hai unha Praza do Libro que pode quedar sen librarías. A forte baixada das ventas foi a causa do peche da Libraría Nós, un referente na cidade que levaba aberta corenta anos. Á súa beira está a Libraría Couceiro, dedicada en exclusiva ao libro en galego; desde 1982 estivo rexentada por Carmiña Couceiro e Pepe Díaz que agora, chegada a idade da xubilación, vanse dedicar á lectura e a coidar da súa horta. Polo momento semella que atoparon relevo, pero esta mítica libraría tamén estivo a piques de pechar as portas. 

Son malos tempos parahttp://cdncache1-a.akamaihd.net/items/it/img/arrow-10x10.png a cultura. Por razóns diversas ( a numerosa oferta audiovisual, o acceso a contidos na rede, o impacto da crise que diminúe o gasto en cultura, a falta de apoio institucional á industria do libro ou a propia devaluación da cultura na sociedade actual) nos últimos anos produciuse en Galicia un descenso moi notable -case un nove por cento desde 2006 a 2012- no gasto familiar en bens e servizos culturais, tal como revela un informe do Consello da Cultura Galega.É  un dato preocupante,  sobre todo tendo en conta que Galicia xa se atopaba entre as seis comunidades autónomas  (CCAA) co máis baixo consumo cultural. 

A compra de libros non de texto descendeu preto do 50% entre 2007 e 2012. Tamén descendeu, de forma drástica, o número de libros publicados en galego. En 2013 publicáronse pouco máis de setecentos libros, a metade do ano anterior, consolidando unha caída vertixinosa iniciada en 2008, cando se rexistrou un récord histórico con máis de dous mil títulos. 
 
Se cadra ten que ser así, e hai que admitir que a publicación de libros en papel está condenada a esmorecer pouco a pouco. Mais resulta comprensible a indignación dos editores que ven como, desde que goberna  o PP en Galicia, a edición de libros en galego caeu un 36%. A Asociación Galega de Editores expresou a súa desconformidade cos orzamentos da Xunta para 2014, nos que se reflicte un novo descenso ( 440.000 euros menos que o ano anterior) para a edición de libros en galego. Os editores describen a realidade: só o 13% de todos os libros que se mercan en Galicia están escritos en galego.  Lembran que a compra institucional de libros galegos  “destinados a bibliotecas públicas reduciuse de 1.250.000 euros (2009) a 500.000 euros (2012), o que supón un descenso do 60% ao longo da última lexislatura". Propuxeron un decálogo de medidas para para fomentar a lectura en Galicia. Pero a política cultural da Xunta non contempla axudas á industria editorial nin ás bibliotecas públicas. 

Porque podemos pensar que a xente non merca  libros e vai menos ao cine por razóns económicas, mais podería utilizar as bibliotecas públicas como forma de acceder á cultura sen custe. Pero  a realidade é testana: Galicia é a antepenúltima CCAA no uso das bibliotecas, só un 16% da poboación accede a eses servizos. Un país que non le ten  unha pesada eiva para afrontar o futuro.Pero os actuais gobernantes non ven unha ameaza nestes datos. Pola contra as súas decisións contribúen a afondar na brecha. O investimento público en bibliotecas pasou de 5.5 millóns de euros en 2008 a 1,3 en 2013 (un recorte do 76 %) . Ademais Galicia perdeu, desde o ano 2002, 49 bibliotecas públicas, mentres que no resto do Estado aumentaron. Camiñamos en sentido contrario. Na vez de favorecer o acceso á cultura e á información pechan as bibliotecas públicas e reducen drasticamente os seus orzamentos. Semella que houbera un plan de exterminio cultural. Se cadra mesmo ven na cultura unha ameaza. Hai unha frase atribuída a Hermann Göring: “cando escoito a palabra cultura collo a pistola”. 

*Pablo Vaamonde; Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.
  

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.