miércoles, 13 de agosto de 2014

Xesús Canabal Fuentes, o empresario de éxito comprometido co país

Foi un emigrante de éxito durante o século XX. Fundou varias empresas, a papeleira máis grande do Uruguai e o Banco de Galicia. Tivo un papel destacado no Consello de Galiza e representou ao país como ministro republicano no exilio desde 1956 até febreiro de 1962.

 

Por Lois Pérez Leira  

 
Xesús Canabal naceu no mes de marzo de 1897, en Amenal Concello de O Pino. Aquela era unha aldea que a fins do século non superaba o centenar de viciños. A tan só tres quilómetros está o casco céntrico do pobo, o cal está ubicado moi perto de Santiago de Compostela. Xesús chegou á Arxentina cos seus pais e irmáns en 1910. Tiña tan só 13 anos, cando pisou o porto de Bos Aires. Ós poucos anos de empezar a nova vida, empregouse a traballar nunha empresa adicada á papelería, denominada Casa Iturrat. Xesús nos momentos ceibes achegábase ós locais de asociacións galegas, que por aqueles anos fundábanse por ducias. En 1914 participou na fundación da “Agrupación Artista Galega de Bos Aires”.
 
En 1918, é nomeado xerente da empresa Iturrat, enviándoo á delegación, que a mesma sociedade tiña no Uruguai. Unha posterior crise da industria do papel, motivada pola recesión internacional, despois da primeira guerra mundial, motiva o peche da sucursal de Montevideo. Canabal sen acobardarse, toma a decisión de seguir no mesmo ramo e funda unha pequena empresa. Co seu irmán Xosé que vivía en Bos Aires e con Andrés, que foi reclamado de Galicia, crean unha empresa “Jesús Canabal y Hnos, Fábrica de Sobres”. A sociedade familiar comenzou a fabricar un sobre, co nome de “Suevia”, o cal dará a coñecer ó público uruguaio, os orixes dos propietarios. En 1921, a empresa amplíase coa adquisición da papelería de Xaime Bech, a cal estaba ubicada en zona moi céntrica de Montevideo. Nesta etapa, súmase outro irmán, Manuel, que chega para sumarse á empresa familiar. En 1925 tiñan varios locais e contaba con 40 traballadores. Co desenvolvemento da fabricación de sobres e as distintas fusións e ampliacións de capital, Xesús Canabal decide impulsar a creación dunha fábrica de papel. En 1937 funda a “Industria Papelera Uruguaia Sociedade Anónima” (IPUSA), sendo elexida para presidir a máis importante empresa papeleira, que había no Uruguai. A historiadora Pilar Cagiao Vila sinala no seu artigo “Empresa de Inmigrantes Galegos”: “O desenvolvemento económico do Uruguai durante o período da Segunda Guerra Mundial, ademais do proceso de sustitución de importacións, orixinou un aumento de demanda na industria papelera incentivando o crecimento de IPUSA que prácticamente cubría xa o abastecemento nacional. Por eso se decide a construcción na cidade de Pando, departamento de Canelones, en 1948, dunha nova fábrica que ocupou a máis de cen operarios e significou unha inversión de máis de catro millóns de pesos dese ano. O establecemento de Pando, non só contribuiu a descentralizar as fábricas de IPUSA en Montevideo senón que incidiu notablemente no desenvolvemento desa cidade do interior”.
 
O escritor Manuel Suárez sinala que no seu escritorio de IPUSA tiña: “os estantes cheos de libros galegos, nas paredes cadros de artistas galegos, tal como algún de Luis Seoane adicado, ou de Novoa. Na súa mesa de traballo os sobres fabricados pola súa empresa coa marca “Suevia”, xunto a un debuxo da Catedral e da Cruz de Santiago”.
 
Xesús Canabal desde a súa chegada a Bos Aires, nunca deixou de lado a súa labor asociativa. É así como participa na maioría das institucións da colectividade galega do Uruguai. Nos anos vinte acompaña á criación dos primeiros grupos galeguistas, ó calor do movimento nacionalista que se irradiaba desde Bos Aires. Por aqueles anos, realizaban unha labor moi importante en Montevideo, o doctor Mosquera, Xulio Siguenza, Arturo Carril, Crestar, etc. Coa declaración da Segunda República, este movimento patriótico vai tomando unha importante proxección política, mentras a emigración republicana vive con ilusión os primeiros anos deste governo. No ano 1931, o xornalista e poeta Xulio Siguenza, acompaña a unha delegación da “Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais da Arxentina”, encabezada po Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo. O motivo era participar na Asemblea Republicana de A Coruña.
 
Coa sublevación de Franco no 36, no Uruguai organízanse importantes campañas de solidariedade coa España Republicana. Nesta etapa atopamos a Canabal na primeira liña, organizando o apoio ás forzas leais. A partir de 1939 comenzan a chegar os exiliados: Luis Tobío, Alfredo Somoza, Xerardo Díaz Fernández, Luis Villaverde.
 
En 1940 fúndanse as “Irmandades Galegas” en Bos Aires e posteriormente en Montevideo. Castelao considera que ó non haber democracia no Estado Español, os partidos políticos carecían de valor, polo tanto era necesario crear unha entidade patriótica, que aglutinara a toda a oposición galeguista. Co desenlace da Segunda Guerra Mundial a favor das forzas aliadas, a oposición republicana prepárase para o desplazamento de Franco. Por dito motivo Castelao a suxerencia do Governo Vasco no Exilio cree necesario fundar o “Consello de Galiza”. Por aqueles anos na Arxentina alternábasen no governo sectores fiolofascistas que facían imposible constituílo en Bos Aires. Este motivo foi determinante para que en 1945 se elexira en Montevideo, como sede deste importante acontecemento histórico.
 
Coa fundación do “governo galego no exilio” comenza unha relación máis constante entre Canabal e Castelao que se potencia coas distintas visitas do presidente do Consello de Galicia a Montevideo e ó mesmo tempo, as constantes viaxes de Canabal a Bos Aires. Nunha das viaxes de Castelao e o Consello, a Uruguai, con motivo da celebración do 9º aniversario do Estatuto Galego, aproveita a súa estadía para visitar a empresa papeleira IPUSA. “A Nosa Terra” reflexaba nunha crónica esta nova: “Foron invitados os membros do Consello a visitar a gran fábrica de papel que os irmáns Canabal posúen nas aforas de Montevideo. Un establecemento industrial modelo, que pon de manifesto a capacidade creadora dos galegos, co que sería a nosa Terra, se houbera liberdade nela para que os seus fillos poideran desenvolver todas as súas enerxías e iniciativas, tendo que emigrar para poder demostrar a súa capacidade, enriquecendo así, os países onde emigran. Os Canabal, dinastía de galegos do Uruguai, que gozan de moito prestixio e estimazón, polo seu don de xentes e pola xenerosidade, fixeron de “cicerone” mostrando todas as instalacións, vendo o proceso de fabricación do papel desde o máis sinxelo ó máis complexo”.
 
En 1950 Canabal participa na fundación do histórico programa radiofónico “Sempre en Galiza”, en Radio Carve de Montevideo. Os outros integrantes desta importante iniciativa cultural eran: Alfredo Somoza, Manuel Meilán, Luis Tobío, Emilio Pita, Pedro Couceiro e Manuel Leiras.
 
Tamén foi directivo da “Casa de Galicia da Asociación Española de Socorros Mutuos”. En 1956 foi nomeado presidente do primeiro Congreso da Emigración Galega que se realizou en Bos Aires onde participaron os máis destacados dirixentes do exilio galego: Ramón Suárez Picallo, Alonso Ríos, Manuel Puente, Xosé Neira Vilas, Luis Tobío, Ramón de Valenzuela, Emilio González López, Elpidio Villaverde, Pepe Velo, Marcial Fernández.
 
O Congreso da Emigración Galega é un feito de vastas proporcións que se ven desenvolvendo dende hai moitos anos nun amplo esceario. As repercusións que este feito tivo e ten para a vida do noso povo e para os países onde vivimos son, certo, considerabeis. Moita axuda teñen dado os emigrantes galegos a Terra; axuda económica, espiritual, cultural, e moito é o que poden seguir dando, en ben do seu desenvolvemento, da súa mellora”. Despois de varios días de funcionamento foi o propio Canabal o encargado de pechar este magno Congreso: “este Congreso ficará como data trascendental na xa longa ruta do rexurdimento galego. A Galicia emigrada, como unha soa entidade púxose en pe para cumprir coas súas obrigas. Agora será mester que o que aquí se decida, como resultado do intertroque libre de opinións, inspire a nosa acción no futuro”.
 
O 25 de xullo de 1956, Canabal funda o “Banco de Galicia”, unha das entidades financieiras máis importantes do Uruguai.
 
Un ano e medio despois, o 27 de xaneiro de 1958, o Banco de Galicia inauguraba a primeira sucursal na céntrica Avenida 18 de Xullo. Canabal bautiza a esta sucursal co nome de “A Coruña” coa idea de poñerlle ós novos locais bancarios os distintos nomes das máis importante cidades galegas. Durante a cerimonia estiveron presentes os máis importantes dirixentes das institucións galegas. Á hora dos dicursos Canabal sinalou: “Non é común sentir no curso da vida, unha satisfacción da natureza que se experimenta ó intervir nun acto da trascendencia e significado que ten éste”.
 
Tampouco é fácil poder describir a diferencia que existe entre as verbas que pronunciara o 25 de xullo de 1956 con motivo da inauguración do Banco de Galicia e as que poida decirvos nestos intres ó inaugurar a súa primeira axencia a tan pouco lapso, apenas un ano e medio despois”. Según informara o propio Canabal naquela inauguración, o banco contaba daquela cun capital de 5.137.984 pesos uruguaios.
 
En 1959 por iniciativa de IPUSA, créase a “Sociedade de Celulosas do Uruguai, S.A.” co obxetivo de fomentar a producción de madeira deste país. Según as investigacións realizadas por Pilar Cagiao, a empresa facturaba no ano 1985, un millón de dólares ó mes, en concepto de fabricación propia e exportacións a Arxentina e Paraguai.
 
Durante as décadas do cincoenta e sesenta, Canabal realiza distintas viaxes a Europa, con fins comerciais, aproveitando os mesmos para realizar distintas tarefas patrióticas. É así como se entrevista en diferentes oportunidades con César Alvajar, quen representaba ó Consello de Galicia en París. Alvajar un xornalista de gran prestixio republicano en A Coruña, era o encargado das relacións do nacionalismo galego, coas autoridades do governo republicano no exilio. Entre ambos galeguistas había moitas cousas en común, eran liberais e ambos formaban parte da masonería. Rapidamente xurdiu unha simpatía mutua entre ambos librepensadores galegos.
 
É de destacar que en Montevideo existía unha forte implantación da masonería. Desde a chegada a Montevideo de Garibaldi -o destacado patriota italiano- a masonería foi unha das institucións de maior prestixio. Desde o galego De La Sagra no século pasado, pasando por Vázquez Gómez a principios deste, até contemporáneos como Manuel Meilán, Alfredo Somoza, Pepe Fernández ou Xesús Canabal, foron activos membros das loxias uruguaias.
 
Canabal nas súas viaxes a Europa, soía pasar algúns días en Galicia, onde en varias oportunidades levou documentos e instruccións para os galeguistas do interior, que estaban dirixidos por Piñeiro, os caless tiñan o seu centro de operacións na “Editorial Galaxia”.
 
Coa renovación do governo republicano no exilio, o presidente da República Diego Martínez Barrio, encomenda a Emilio Herrera Linares, para formar novo gabinete. Galicia xa estivera representada por Castelao, baixo o segundo governo de Jiral (1946-1947). Posteriormente por Echevarría, no segundo governo de Félix Gordon (1956-1960). Alvajar enterado desta situación comenzou a utilizar as súas influencias, para que o Consello de Galicia, tivera un representante neste novo governo. Para elo foi sondeando ós republicanos máis influíntes, achegados ó presidente. Como así tamén puxo a funcionar os seus vínculos coa masonería, que naqueles círculos era de gran influencia. É así como Alvajar pensa como candidato, no seu amigo Canabal, o cal tiña moito prestixio na emigración galega do Río da Plata: era empresario, presidente do Banco de Galicia, liberal e masón. Todos estos datos, facían de Canabal. o candidato ideal para ser candidato a ministro e non ser rexeitado polos demais partidos políticos. Os socialistas eran os que se opuñan, nun comezo, á participación galeguista. O primeiro paso que da Alvajar, foi organizarlle unha visita a París, co agumento de que levara persoalmente “mensaxes” do Consello, ós Governos, republicano, vasco e catalán.
 
Canabal chegou a París o 28 de xuño de 1958, durante aquela viaxe visitou tamén Austria, Alemania e Suecia. O seu amigo Alvajar e Ramón Suárez Picallo, en representación do Consello de Galiza, foron avanzando na idea de propoñer a candidatura de Canabal, sen consultar co propio candidato. Cando a estratexia galeguista deu os resultados previstos e é nomeado oficialmente Ministro, Canabal recibe a nova sorprendido. En conversacións co Consello de Galiza plantexa que non pode aceptar esta designación tan importante e os argumentos que expón son a incompatibilidade deste cargo, coa de Director do Banco de Galicia.
 
A pesar de todas as resistencias ó nomeamento como Ministro da República no exilio e ante as presións e pedidos por parte do Consello de Galiza, acepta a designación. O seu mandato durou desde maio de 1956 até febreiro de 1962 e o governo estaba composto por:
 
Presidencia, Facenda e Asuntos Militares: Xeneral Emilio Herrera Linares.
Vicepresidencia, Emigración e Interior: Xulio Just Jimeno.
Estado e Secretaría do Consello de Ministros: Fernando Valera Aparicio.
Xusticia: Antonio Alonso Baños.
Información: M. García.
Ministros Delegados: Vicente Alvarea Buylla, Xesús Vázquez Gayoso, Xosé Antonio Balbotin e Gutiérrez, Xosé Asensio Torrado, Xosé Maria Semprún e Gurrea, Federico Escofet e Xesús Canabal.
A este governo súmase tamén outro galego, Xesús Vázquez Gayoso, un xornalista exiliado, nado en Lugo, que residiu en Cuba e apoiou con moito entusiasmo a revolución encabezada por Fidel Castro.
 
Xesús Canabal até os últimos momentos da súa vida participou activamente na vida da colectividade galega, tendo como ámbito de actuación o “Patronato da Cultura Galega”, entidade galeguista á que tanto axudou.
 
Xesús Canabal faleceu en Montevideo, o 29 de agosto de 1985. Ó cumprirse o primeiro ano da súa morte o patronato da Cultura Galega de Montevideo, realizoulle unha sentida homenaxe. Durante o acto o segredario de dita entidade sinalou: “galego...sempre galego. Xesús foi o mellor representante dun povo sufrido, laborioso, formiga do traballo duro, pai dadivoso, marido exemplar, amigo fidel, xefe comprensivo, sorrisa decote nos beizos, man aberta disposta ó abrazo sinceiro ou ó saúdo entrañabel...”.
 
O escritor Manuel Suárez Suárez sinalou: “Sen doenza ningunha, paseniño, sen decatarse, foise ó alén tan como sempre vivira neste mundo. Foise envolto na súa proverbial humildade que eternamente fará de Xesús Canabal un perfecto exemplo de galego bo e xeneroso”.
 
 
Bibliografía consultada:
V Xornadas de Historia de Galicia. “Galicia e América o papel da emigración”. de Pilar Cagiao, editada pola Deputación de Ourense no ano 1990.
Actas da Primeira Xornad “Presencia de España en América: Aportación Galega”, de Pilar Cagiao, publicadas pola Deputación de A Coruña en 1987.
“Conversas con Manuel Meilán” de Cristina Samuelle. Edicións Xerais. Vigo 1993.
“Figuracións” de Luis Seoane, A Coruña.
“A Nosa Terra”, editada no exilio.
Testimonio oral de Xoán Martínez Castro.
Testimonio oral de Pepe Fernández.
Testimonio escrito de Manuel Suárez Suárez.
Correspondencia entre Xesús Canabal e César Alvajar.
Correspondencia entre César Alvajar e Ramón Suárez Picallo
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.