martes, 18 de noviembre de 2014

A mercantilización da Sanidade

 Introdución do libro “La salud como negocio” (II)



Vicenç Navarro

Catedrático de Políticas Públicas, Universidade Pompeu Fabra, e Profesor de Public Policy, Johns Hopkins University
Detrás dos recortes do gasto sanitario hai outro obxectivo principal: o de agrandar o sector privado a costa de reducir o sector público, outro tema central no libro “La salud como negocio”. Isto é o que está ocorrendo masivamente en España, respondendo aos intereses do mesmo capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está destruíndo a Sanidade pública. A evidencia existente, e amplamente documentada neste libro, é robusta e abafadora.

Esta estratexia privatizadora responde a un dogma, o dogma neoliberal (promovido por un gran número de medios de información e persuasión altamente influenciados, cando non controlados, polos intereses financeiros da banca), que se reproduce a base de fe, e non de evidencia. En realidade, cada un dos seus postulados pode ser facilmente destruído pola evidencia científica existente, mostrada neste volume. Deles, o máis visible é o da suposta maior eficiencia do sector privado sobre o sector público. O libro documenta a falsidade deste suposto. En realidade, os entusiastas da privatización deberían visitar e coñecer mellor o sistema sanitario máis privado que existe hoxe aos dous lados do Atlántico norte, é dicir, o de EE.UU. Naquel país, hai case un consenso de que o sistema sanitario é, ademais do máis caro do mundo, o máis ineficiente, onde o número de intervencións cirúrxicas innecesarias, por exemplo, é o máis alto do mundo desenvolvido. Pero ademais de ser enormemente custoso e ineficiente é sumamente impopular. EE.UU. é o país onde a porcentaxe de insatisfacción do cidadán co sistema sanitario é maior. E como consecuencia do enorme poder que as compañías que se benefician máis do sistema privado (como son as compañías de seguros) teñen sobre o Congreso de EEUU, ningunha reforma pode levarse a cabo.
  

Este é o resultado de poñer como motor do sistema sanitario o afán de lucro. Tal obxectivo

entra claramente en conflito coas necesidades da cidadanía. E a experiencia internacional proba irrefutablemente a certeza deste principio. Onde o afán de lucro predomina, a calidade da atención médica e a satisfacción do cidadán diminúen. Dous indicadores mostran o extremo a que esta situación pode levar a un país. En EE.UU. o 48% de pacientes que están morrendo declaran estar preocupados por como, eles ou os seus familiares, pagarán as facturas médicas. O grado de crueldade e inhumanidade deste dato define o significado da aplicación do principio do afán de lucro.
O segundo feito é que a mortalidade (estandarizada por diagnóstico e por tipo de paciente) é maior nas institucións privadas, con afán de lucro, que nas públicas. E as causas son fáciles de entender. O xestor do privado ten que optimizar os beneficios e faino a costa das infraestruturas que garanten a calidade. Esta situación ocorre tamén en España. O paciente dunha clínica privada -como a Teknon de Barcelona-, que ten unha cama por habitación, moi ben amoblada e con gran comodidade para o usuario, é enviado ao Clínico, hospital público, cando aquela clínica xa non pode cubrir as necesidades de laboratorio e persoal que o paciente require. Hoxe, a medicina privada con afán de lucro en España é unha fraude. Parasita os servizos públicos, que son os que garanten unha maior calidade asistencial.


É interesante subliñar que as clases podentes, máximas valedoras dos partidos neoliberais, que cren atendidas as súas necesidades sanitarias a través da medicina privada, non son conscientes de que en caso de gravidade van ter a necesidade de acudir á Sanidade pública, á cal as políticas do PP están empobrecendo. O que a Sanidade pública debería ter é a comodidade e confort que ten a privada, ademais da calidade da pública. Pero iso require un gasto público moito maior, ao que ditas clases se opoñen.
O libro “La salud como negocio”, escrito por autores de coñecido prestixio e competencia,
é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na Sanidade pública. É unha mina de información. Escrito dun xeito amena, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha Sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas institucións de ensino do país.
PD: O libro "La salud como negocio" será presentado na Coruña o próximo día 26 de novembro, mércores, ás 20.00 horas, no salón de actos do Sporting Club Casino de A Coruña (Rúa Real, 83).  Entrada libre.

https://www.facebook.com/pages/La-salud-como-negocio/319967814853468

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.