martes, 11 de noviembre de 2014

Francisco Vázquez ten a solución: tanques para Cataluña



Francisco Vázquez non podía quedar calado ante a convocatoria do 9 de novembro de 2014 en Cataluña e participaba na lectura dun manifesto, impulsado por Libres e Iguales, plataforma que tiña como portavoz á xornalista, deputada do PP e XIII Marquesa de Casa Fuerte, Cayetana Álvarez de Toledo. Realizaron un “llamamiento a los ciudadanos y al Gobierno del Estado para que reaccionen con firmeza ante la agresión a la democracia que pretende llevar a cabo el gobierno de la Generalitat de Cataluña”. A concentración foi un absoluto fracaso para unha persoa como Vázquez que tivo 66.911 votos na Coruña en 1999, xa que na praza de María Pita da Coruña só había 36 persoas para aplaudir a Vázquez, entre elas dirixentes de Vox, escisión pola dereita do PP. Que ridículo!

A mobilización cívica polo dereito a decidir é imparábel e para frear este proceso Vázquez adiantaba unha solución: tanques para Cataluña. Acusaba a PP e PSOE de “ser cómplices con los sediciosos de Cataluña”e cualificaba de “bananera” a votación do 9-N. Criticaba do PSOE “ese maridaje con los indecisos, que sostiene el PSC, el mal llamado Partido Socialista de Cataluña, porque en este caso concreto no cabe la indecisión ni la componenda”. Adiantaba acontecementos: “Ahora intentarán aplacar a los sediciosos con una reforma de la Constitución que nunca les será suficiente y que generará nuevas desigualdades en toda España”. E, finalmente, daba a solución, sacando fóra de contexto unha intervención do presidente Kennedy: “Cuando en 1960 el gobernador de Alabama se negó a dejar estudiar en la universidad de su estado a George Meredith por ser de color, mandó a la Guardia Nacional, e incluso a los tanques, para reponer la legalidad. Y no pasó nada”.

Esta recomendación de utilizar os tanques para impedir que a xente poida votar ten as súas dificultades técnicas por dous motivos: algúns dos lugares de votación son de difícil acceso para os tanques e, por outra parte, o exército español non ten suficientes carros de combate para cubrir os 2.712 colexios electorais de Cataluña.

A pesar de que a proposta de Vázquez poida parecer un pouco radical ou extremista, é bastante moderada se a comparamos coa alternativa manifestada en 1968 por Manuel Fraga, que falaba dun bombardeo: “Cataluña fué ocupada por Felipe IV, fué ocupada por Felipe V, que la venció, fué bombardeada por el general Espartero, que era un general revolucionario, y la ocupamos en 1939 y estamos dispuestos a coger de nuevo el fusil. Por consiguiente, ya saben ustedes a que atenerse, y aquí tengo el mosquete para volverlo a utilizar”.

Non é a primeira vez que Vázquez arremete contra Cataluña. No programa Foro Aberto da TVG equiparaba a política lingüística catalá co nazismo. Vázquez sabe perfectamente que o PSC apoia a política de inmersión lingüística; sabe que en Cataluña os nenos non son castigados por falar en castelán e sabe que menos de vinte pais en toda Cataluña presentaron algún tipo de reclamación sobre a escolarización dos seus fillos. Pero Vázquez dicía no citado programa: “No hay ninguna diferencia entre un judio con estrella amarilla perseguido por los nazis y un niño catalán castigado por hablar castellano en el patio del colegio. No hay diferencia, es una opresión”. (El País, 12-12-2012).

O deputado del PSC no Congreso, Francesc Vallès, manifestaba: "La ignorancia no tiene límites. Bueno, sí: el Código Penal. Las declaraciones de Paco Vázquez no pueden quedar impunes. Rectificación, ya!". Pois quedaron impunes e sen rectificación porque ante estas vergoñentas manifestacións do ex–alcalde non se escoitou unha soa voz na agrupación socialista coruñesa de crítica a Vázquez. Mar Barcón, próxima candidata socialista á alcaldía da Coruña, xa explicara moi ben  por que había ese silencio, que ningún militante do PSOE se atreve a romper: “Estoy orgullosa de haber sido cómplice, aliada y parte de las decisiones de Vázquez. Desde la agrupación socialista coruñesa no saldrá jamás una palabra de polémica o desencuentro de quien ha sido y es un referente político para los socialistas y para todos los coruñeses. Nunca habrá una palabra de crítica hacia quien es y fue un querido y magnifico compañero”. (La Voz de Galicia, 4-7-2008). Criticarán agora  Mar Barcón, José Ramón Gómez Besteiro ou Pedro Sánchez estas declaracións de Francisco Vázquez, socialista de toda a vida, chamando á intervención do exército español en Cataluña?

Manuel Monge
Mestre e sociólogo, foi concelleiro do BNG na Coruña (2003-2007), expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña



No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.