viernes, 23 de enero de 2015

A hepatite C e a industria farmacéutica




Pablo Vaamonde.- Cando escribimos estas liñas os afectados pola hepatite C (de 400.000 a 900.000, segundo sexan as fontes utilizadas) levan varias semanas mobilizados (marchas, peches, concentracións, manifestacións) para reclamar unha correcta atención a esta doenza. A demanda principal vai dirixida a reclamar da Administración o acceso a través da Sanidade Pública a un fármaco (Sofosvubir, de nome comercial Sovaldi), que é presentado polo laboratorio que o comercializa (Gilead) como a auténtica panacea. O gran problema estriba en que este medicamento, que non é tan milagroso como afirman, pretenden vendelo por 25.000 euros (mentres o custe de produción é arredor de 115 euros[1], para un tratamento de doce semanas) o que o fai inasequible para as economías particulares e moi custoso para a Sanidade Pública. Cómo se chegou a esta situación? Fagamos un breve repaso.



De que medicamento se trata?

O Sovaldi é un medicamento que Gilead lle mercou por 11.000 millóns de dólares ao laboratorio Pharmasset –que investira 62 millóns de dólares na súa investigación-. Gilead presenta Sovaldi como a píldora milagrosa capaz de curar a máis do 90% dos afectados, en menos tempo e con menos efectos secundarios. Mais resulta sospeitoso saber que é ese laboratorio o único que posúe todos os datos dos ensaios clínicos sobre  a eficacia e seguridade do mesmo. Eses son os informes que Gilead presentou á Axencia Europea de Medicamentos (EMA) e son os que tamén facilitou ás asociacións de afectados que están, parcialmente, financiadas[2] por este laboratorio. Así pois, é a propia empresa a que ten a información, que subministra á Administración e aos propios pacientes de xeito sesgado, xerando unha expectativa de curación masiva e unha lóxica demanda colectiva por parte dos afectados. Realmente o Sovaldi é unha molécula que inicia unha vía terapéutica nova pero que, segundo os expertos, pronto poderá ser superada. Mais non se fixo, aínda, unha avaliación externa e neutral para saber se esta terapia é superior ás existentes. En calquera caso o prezo do fármaco é inxustificable. A farmacéutica Gilead conseguiu un acordo co goberno español (PP) para comercializar o Sovaldi a un prezo de 25.000 euros (unas 200 veces o seu custo de produción). É difícil atopar información transparente a este respecto por parte do Ministerio de Sanidade que tampouco facilita unha información fiable aos profesionais sanitarios nin aos afectados, ao tempo que raciona a súa administración. Este segredismo e este racionamento son os que provocaron a “rebelión” dos afectados aos que o laboratorio promete unha curación total con ese medicamento.



Gilead, a gripe aviaria e o Tamiflu

Gilead[3] é un fondo de investimento controlado por grupos de capital risco como Capital Group –segundo maior accionista de Bankia-, os bancos Santander e BBVA, a empresa Inditex, o laboratorio Griffols e a compañía eléctrica Endesa. Este fondo de investimento tivo no consello de administración a personaxes como Donald Rumsfeld e George Schultz, que estiveron entre os promotores da desgraciada guerra de Iraq.

Esta compañía. que posúe fortes vínculos co goberno dos EEUU, ten un historial moi polémico. No seu día elaborou o Oseltamivir (o famoso Tamiflu), un antiviral que foi presentado como o remedio necesario ante a gripe aviaria primeiro e, nunha segunda ocasión, fronte á gripe A. Gilead vendeulle o fármaco a Roche e ámbolos dous laboratorios fixéronse de ouro coa venda deste produto a distintos gobernos despois de que conseguisen xerar un estado de alarma global ante o risco dunha pandemia severa que podía provocar unha gran mortaldade na poboación. Ningunha das dúas pandemias chegou, por fortuna, a provocar os danos anunciados, os gobernos gastaron grandes cantidades de diñeiro público para facer acopio do antiviral (que logo foi destruído ou enviado ao Terceiro Mundo) e o Tamiflu demostrou ser ineficaz e con máis efectos secundarios dos anunciados. Pasados os anos todos nos decatamos que se tratou dunha enorme estafa colectiva, dun fraude masivo que, que eu saiba, aínda non foi castigado polos tribunais de xustiza.



A mobilización dos afectados

 A estratexia desenvolvida daquela ten certas similitudes coa actual: presentan o produto como a panacea necesaria, xeran unha demanda por parte da poboación afectada e impoñen un prezo abusivo que, despois de aprobado polo goberno, non chega aos afectados. A mobilización[4] destes, doídos pola falta de información e polas trabas da Administración para o tratamento dos afectados, levou a que o Ministerio de Sanidade, se cadra de acordo con Gilead, creara unha Comisión de Expertos para elaborar un Plan Estratéxico[5] contra a hepatite C. Unha decisión gobernamental que nace baixo sospeita xa que tódolos membros desta comisión[6] teñen algún tipo de relación coas grandes multinacionais farmacéuticas, con predominio da empresa Gilead, o que cuestiona definitivamente a súa independencia.



Poboación afectada

Gilead ten présa en vender un medicamento que lle  custou miles de millóns de euros, en primeiro lugar porque existe incerteza sobre a eficacia do fármaco. A prestixiosa revista Prescribe –allea aos intereses da industria farmacéutica- publicou recentemente que, se ben Sovaldi supón unha mellora no tratamento da hepatite C, segue sendo mínima a súa avaliación clínica, e tampouco está clara a súa seguridade. Diferentes axencias avaliadoras advirten que a seguridade deste produto é descoñecida, dado o pouco tempo transcorrido dende a súa aprobación e os escasos resultados publicados sobre os seus efectos adversos.En segundo lugar, a empresa pode perder a patente. Cómpre saber que a Oficina de Patentes da India –país pioneiro na fabricación de xenéricos a baixo custo- negoulle a Gilead o monopolio de Sovaldi por considerar que realmente “aporta pequenas modificacións dunha molécula utilizada dende hai algún tempo no tratamento do VIH”. E, en terceiro lugar, porque esta enfermidade irá en declive, debido a que a maioría dos enfermos graves de hoxe son persoas que teñen entre 50 e 70 anos de idade,  nacidas no chamado baby boom, e apenas existen enfermos menores de 30 anos con hepatite C. 

 

Algunhas propostas

A importancia e a gravidade do problema debería levar á toma urxente de decisións que beneficien aos pacientes:

1º. Facer público, de xeito inmediato, toda a información dispoñible sobre os resultados habidos en pacientes tratados con Sovaldi –taxas de curación, efectos secundarios, mortalidade asociada-.

2º. Crear unha comisión realmente independente que avalíe toda a información científica dispoñible sobre este fármaco, defina os pacientes que o precisan así como as prioridades no tratamento e os custes económicos –os fixados por Gilead son realmente inasumibles sen que se produzan enormes desaxustes no gasto sanitario público-. Non é admisible que se deixe   sen o tratamento necesario aos pacientes -este o calquera outro-,  por razóns económicas, debido aos recortes no gasto público que está a facer o goberno do PP.

3º. Explorar todas  as posibilidades de abaratar custes, incluíndo a súa fabricación como xenérico, como xa se decidiu na  India e na súa área de influencia.

Tratase de poñer as necesidades dos pacientes por diante dos intereses mercantís dunha industria farmacéutica que conta demasiadas veces coa complicidade de gobernos corruptos e insensibles.



(Agradecementos: A Luísa Lores, Manuel Martín e Javier Peteiro, polas súas apartacións).




Pablo Vaamonde.- Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña






No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.