sábado, 7 de febrero de 2015

A saúde da mocidade e da infancia



Pablo Vaamonde.- Non me atrevo a prognosticar como será a saúde dos nosos mozos cando pasen outros trinta anos. Neste mundo tan cambiante e globalizado, dominado polas forzas escuras do mercado, calquera predicción pode ser errónea. (Só me atrevo a predecir que aumentarán, en gran medida, os procesos tendinosos e artrósicos das mans, causados polo uso compulsivo de tabletas e móbiles).

Xa sabemos que a nosa saúde non depende só do sistema sanitario. Todos temos unha predisposición xenética que, en boa medida, condiciona a nosa saúde. Inflúe a contorna e o medio ambiente, e tamén os nosos estilos de vida. Certos hábitos adquiridos por amplos sectores da mocidade actual influirán na súa saúde futura. A tendencia ao sedentarismo, o incremento da obesidade, o uso compulsivo de dispositivos móbiles  -e a cultura da inmediatez-, o consumo de drogas legais e ilegais, a utilización abusiva de fármacos para os malestares da vida cotiá: todos estes factores influirán na saúde colectiva nun futuro próximo. Xa veremos en que medida.

A actual crise sistémica tamén deixará pegada na saúde individual e comunitaria. A competitividade, a extrema esixencia laboral, o deterioro dos empregos e dos salarios, a deficiente cobertura social ante as situacións de precariedade -laboral, económica, familiar ou de saúde-, a dificultade para o desenvolvemento persoal e laboral, a incerteza sobre o futuro persoal e colectivo: todos estes factores, cunha evolución no próximo futuro que ignoramos -porque depende da interacción de múltiples factores e da capacidade da mocidade para opoñerse á opresión do capitalismo especulativo-, influirán na saúde dos mozos no porvir. Depende de todos, e tamén deles mesmos, que podamos construír un futuro mellor.

O que xa é máis preocupante é a saúde e o porvir dos nosos nenos. Un 30% da infancia española atópase en risco de pobreza. A crise e os recortes sociais agravaron unha situación que xa era preocupante hai 5 anos, co 25%. Dos case 20 millóns de nenos europeos en risco de pobreza, máis dun 13% son españois[1]. A pobreza dos nenos depende da pobreza dos pais, “non hai nenos pobres de pais que non o sexan”, afirma Vicenç Navarro[2], polo que a situación da infancia depende da situación das súas familias -sobre todo das súas nais-. Tamén recorda que a pobreza nos nenos favorece o fracaso escolar, o que ten consecuencias moi negativas para o futuro do país. A malnutrición, as deficientes condicións da vivenda, a desprotección fronte ás inclemencias do tempo e a baixa resistencia ante a enfermidade fai que os nenos pobres teñan máis enfermidades. A pobreza, a falta de coidados e de expectativas representan un severo atentado contra a saúde dos nosos nenos, contra o noso futuro.

Nun informe da Fundación 1º de Maio [3]recórdase que a pobreza infantil está fortemente relacionada coa precariedade laboral, os baixos salarios e a inestabilidade no emprego dos adultos. Os recortes en política social provocan un enorme incremento da desigualdade e un aumento da pobreza en xeral e da pobreza infantil en particular, e fan máis pobres aos que xa o eran. A pobreza non debería ser un camiño sen retorno, pero esta infancia que medra con limitadas expectativas, con escaso apoio social e con dificultade de acceso á educacion e á sanidade poden cronificar a súa situación e ver cegada a súa saída da precariedade no futuro.

Esta situación non é exclusiva de España. Toda Europa, en maior ou menor medida, ten o mesmo problema. Save the Children deu a alerta: a actual crise económica, financeira e social de Europa está creando un aumento da pobreza e a exclusión social infantil en todo o continente. Preto de 27 millóns de nenos e nenas corren o risco de caer na pobreza e a exclusión social. Si queremos defender o noso futuro colectivo teremos que cambiar as políticas para que os nenos, todos os nenos, teñan a posibilidade de desenvolver unha vida plena que lles permita aspirar a ser felices.

Pablo Vaamonde.- Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.