jueves, 16 de abril de 2015

A xustiza non é inocente



Manuel Monge.- No PP están eufóricos despois das dúas últimas sentenzas relacionadas con concelleiras e concelleiros de Santiago, mais cómpre explicar que a xustiza non é inocente porque está moi condicionada. Para centrar o tema, comezamos cunha frase de Pepe Mújica, ex-presidente de Uruguai: “Quiero saber la verdad, pero en la justicia no creo un carajo”.

!Falta pouco para a conclusión do sumario do caso Bárcenas e non hai ningunha acusación para os secretarios xerais e dirixentes do PP. Simplemente, declaran que non sabían nada e xa está".

Para entender algunhas sentenzas deberiamos lembrar que a composición das máis altas instancias xudiciais ten un alto compoñente político porque son elixidos a proposta dos partidos. Por outra parte, os mesmos xuíces que desde o TOP (Tribunal de Orde Pública) reprimiron e condenaron a miles de demócratas, continuaron impartindo xustiza e facendo carreira despois da “modélica” Transición, e moitos dos seus “fillos políticos” seguen incrustados na xerarquía xudicial. Estes antecedentes eran lembrados polo escritor Manuel Rivas na concentración que celebramos na Coruña o 21 de abril de 2010 diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, baixo o lema Galicia con Garzón e coas vítimas do franquismo, que acababa así a súa intervención: “Fóra o fascismo das tripas da xustiza”.

En calquera manual de política aparecerá a teoría da división de poderes de Montesquieu: lexislativo, executivo e xudicial. Tamén estamos cansos de ler e escoitar a comentaristas políticos subliñando a independencia da xustiza. Non serei eu quen poña en cuestión a independencia dos xuíces, mais a cidadanía percibe que, en moitas ocasións, non existe esa independencia do poder xudicial respecto ao goberno.

Está acreditado desde hai 25 anos (desde o “Caso Naseiro”, tesoureiro do PP) que o partido do goberno ten un financiamento ilegal. Sabemos que os sobresoldos, campañas electorais, construción e reformas das sedes do PP etc, se pagan con diñeiro negro, procedente de doazóns de empresas que, casualmente, reciben contratos millonarios de administracións públicas gobernadas polo PP. Falta pouco para a conclusión do sumario do caso Bárcenas e non hai ningunha acusación para os secretarios xerais e dirixentes do PP. Simplemente, declaran que non sabían nada e xa está. E os empresarios que daban e dan cartos ao PP negan todo e explican que esas doazóns son actos de “xenerosidade”, sen nada a cambio. E non pasa nada.

Durante os cinco anos de instrución do caso Bárcenas, nin a policía nin os xuíces tomaron a iniciativa de rexistrar as sedes do PP ou a casa do ex–tesoureiro para buscar información e probas. E cando “canta” Bárcenas e chegan “por sorpresa” á sede central do PP, resulta que desapareceron os rexistros cos nomes, día e hora en que os empresarios pasaban por esa sede para pagar o “imposto revolucionario”. Tamén desapareceu toda a información dos ordenadores. E non pasa nada ante este grave delito de destrución de probas.

"Durante os cinco anos de instrución do caso Bárcenas, nin a policía nin os xuíces tomaron a iniciativa de rexistrar as sedes do PP ou a casa do ex–tesoureiro para buscar información e probas". 

Comeza o xuízo da trama Gürtel polo financiamento ilegal do PP entre 1999 e 2005, con petición de máis de 400 anos para os principais encausados, entre eles toda a cúpula do PP da Comunidade Valenciana, que podería ter graves consecuencias políticas para o PP a poucos días das eleccións municipais. Os avogados defensores presionan para recusar a algún membro do tribunal e para a anular o xuízo. Teñen éxito porque conseguen que o Tribunal Superior de Xustiza desa comunidade suspenda o xuízo até despois da eleccións municipais, alegando que non tiveron tempo de consultar toda a documentación.

Como as cousas están moi feas para o PP –ten cinco causas pendentes da trama Gürtel– o xuíz Fernando de Rosa acaba de aterrar como presidente da Audiencia Provincial de Valencia, elixido polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Este xuíz prestou importantes servizos ao PP: entre 2003 e 2009 foi secretario autonómico de Xustiza e Interior e Conseller de Xustizas e Administracións Públicas da Generalitat Valenciana, cando Francisco Camps era presidente. Posteriormente ocupou o cargo de vicepresidente do CXPX, a proposta do PP. A elección de Fernando de Rosa para o cargo na Audiencia de Valencia foi denunciada por Xuíces para a Democracia porque consideraban que dos cinco candidatos era o que tiña peor currículo.

Hai moitos casos de militantes ou colaboradores do PP que acaban ocupando postos de responsabilidade nas altas instancias xudiciais. Manuel Núñez Pérez foi responsábel dunha clandestina comisión de obras  do PP da que tamén formaban parte os militantes do PP Antonio Vilela, construtor, e o tesoureiro Álvaro Lapuerta. Parece ser que dita comisión tiña como tarefa a elaboración de informes sobre as contratacións de obras públicas polo goberno central, autonómicos e locais, controlados polo PP. Núñez foi deputado de 1997 até 2001, ano no que entra no Tribunal de Contas como conselleiro a proposta do PP. Estivo 12 anos supervisando a contabilidade dos partidos e foi presidente deste organismo entre novembro de 2007 e xuño de 2012. Como é posíbel que unha persoa, como Núñez, que dirixe unha comisión de obras dun partido (supoño que para decidir a que empresas había que adxudicar as obras, tendo en conta, como mérito, as súas doazóns ao PP) pode presidir un Tribunal de Contas, que ten como función fiscalizar as contas dos partidos? O resultado está á vista: o Tribunal de Contas non detectou ningunha irregularidade nas contas do PP.

Outro caso curioso é o de Francisco Pérez de los Cobos, elixido presidente do Tribunal Constitucional o 19 de xuño de 2013. Este maxistrado, que se presentaba como “un modesto profesor universitario”, figuraba na relación de afiliados e doantes do PP entre 2008 e 2011, aportada pola Axencia Tributaria e que aparece no sumario do caso Bárcenas. O grave do tema é que Pérez de los Cobos ocultou a súa militancia no PP cando o 6 de outubro de 2010 comparecía ante o Senado, antes de aceptar esta cámara a súa candidatura como maxistrado do Tribunal Constitucional.

"Como é posíbel que unha persoa, como Núñez, que dirixe unha comisión de obras dun partido pode presidir un Tribunal de Contas, que ten como función fiscalizar as contas dos partidos?" 

Por outra parte, o poder xudicial envía mensaxes a navegantes, é dicir, ao conxunto da xudicatura para que tomen boa nota os “revoltosos”. O xuíz Baltasar Garzón, que tivo a ousadía de querer xulgar os crimes contra a humanidade, cometidos durante a ditadura franquista, e iniciar o sumario da Gürtel, é expulsado da Audiencia Nacional e da carreira xudicial (Fernando de Rosa participou como membro do CXPX no proceso de suspensión de Garzón). E o xuíz Elpidio José Silva que pretendía meter no cárcere a Blesa, principal responsábel do desfalco de Bankia, é condenado polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid a 17 anos de inhabilitación. Até aí podiamos chegar, pretender meter no cárcere a un banqueiro!

En maio de 2011 (goberno de Zapatero) as cinco principais compañías eléctricas eran multadas con 60 millóns de euros pola Comisión Nacional da Competencia por acordar unha estratexia para dificultar a apertura do mercado a outras compañías comercializadoras. Non podía manterse esa sanción exemplar e a Audiencia Nacional (goberno de Rajoy) vén de anular esta sanción porque o Tribunal Supremo considera que as probas claves (rexistro na sede de UNESA, patronal eléctrica) non se conseguiron de xeito lícito. Unha coña! Como todo ten explicación, resulta que nos consellos de administración desas empresa eléctricas están ou pasaron por alí José María Aznar, Felipe González e numerosos ministros e ministras do PSOE e PP. 

En Galiza unha xuíza consideraba que sete concelleiras e concelleiros do PP cometeron o delito de prevaricación por acordar pagar con cartos públicos a defensa doutro concelleiro do PP, imputado na operación Pokémon por tráfico de influencias. Eran condenados a nove anos de inhabilitación e nove meses despois eran absoltos pola Audiencia Provincial; esta consideraba que non había delito porque non querían prevaricar. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia exculpa a Paula Prado, deputada do PP, e resulta que o informe para tomar esa decisión estivo redactado polo fiscal Fernando Suanzes, recentemente nomeado Fiscal Superior de Galicia. Emilio Pascual, xerente do PP de Ourense de 1983 a 2010, denunciaba a existencia dunha caixa B e o financiamento ilegal do PP. Un auto da xuíza Pilar de Lara sobre as doazóns ilegais de empresas ao PP sinalaba que cos datos aparecidos na investigación de operación Pokémon e das declaracións do ex–xerente do PP, resulta “indiciariamente que el Partido Popular de Orense se habría podido financiar ilícitamente a través de un elaborado sistema de facturación falsa y ficticia”. Pero todo queda aí porque os máximos responsábeis dese financiamento ilegal do PP en Galiza e en todo o Estado español, Feijóo e Rajoy, nin sequera son chamados a declarar.

"O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia exculpa a Paula Prado, deputada do PP, e resulta que o informe para tomar esa decisión estivo redactado polo fiscal Fernando Suanzes, recentemente nomeado Fiscal Superior de Galicia".

Xa sabemos que non hai clases sociais, nin loita de clases (agora hai que falar de “clase política”) e que iso da ideoloxía, da esquerda e da dereita, do dereito a decidir e dos procesos constituíntes das nacións do Estado español non ten importancia porque á xente o que lle preocupa é “si va a poder pagar la factura de la calefacción”, como dixo Carolina Bescansa. A pesar de todo isto, cando hai dúbidas ou debates sobre a independencia xudicial e para entender por que non están aínda imputados os principais dirixentes do PP, non debemos esquecer a opinión de persoas que loitaron e gobernaron, como Pepe Mújica: “Los instrumentos xurídicos están sometidos a la historia, y la historia es una lucha de clases…Todo está pues influenciado por la política”. “La Justicia, esa señora que ponen con una venda en los ojos y una balanza en las manos …eso no existe, porque la Justicia refleja el peso de las clases que dominan en una sociedad”. “Si tú en Uruguay le querés poner un impuesto a la tierra, a la concentración de la tierra, te lo terminan declarando inconstitucional. Como en todo el mundo y siempre en la historia, la jurisprudencia fue pensada e instalada por las clases dominantes, las capas conservadoras” (entrevista no diario arxentino Perfil).

As conclusións de Mújica coinciden con outras análises, nada sospeitosas. Na véspera da celebración do Foro Económico Mundial de Davos, Intermón-Oxfam denunciaba en xaneiro de 2014 que estamos ante un secuestro da democracia en beneficio das elites económicas, e facían pública unha sondaxe: oito de cada dez persoas consultadas no Estado español opinaban que as leis están deseñadas para favorecer os ricos. Non hai, polo tanto, ningunha novidade porque isto xa é sabido desde hai moito tempo: o aparato xudicial forma parte da superestrutura e está ao servizo das clases dominantes.


Manuel Monge.-Mestre e sociólogo, foi concelleiro do BNG na Coruña (2003-2007), expresidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.