miércoles, 22 de abril de 2015

Por un tratado transatlántico de axuda ás persoas



*Demetrio Vázquez.- Dor, rabia, vergoña é o que sinto cando vexo as noticias dos milleiros de seres humanos que morren no Mediterráneo e noutros mares máis lonxanos fuxindo da miseria e da violencia. Tamén en inacabables e crueis guerras e conflitos: Siria, Afganistán, Iemen, Somalia?

Mentres os «reis do mundo», as grandes potencias económicas, os Estados Unidos de América e a Unión Europea, impulsadas polas súas oligarquías económicas e financeiras, debaten en segredo un tratado transatlántico (TTIP) para conseguir que os ricos sexan mais ricos, para aumentar as súas ganancias, para que estas á súa vez lles proporcionen máis riqueza. Sen que nada nin ninguén se interpoña.

A cobiza, a usura, o suborno, a corrupción, son os seus sinais de identidade. Esta é a definición do comportamento do capitalismo sen escrúpulos que goberna e organiza a nosa vida, a da inmensa maioría das persoas que poboamos o planeta.

Teño unha pequena proposta que facerlles aos que impulsan o TTIP, Gobernos e corporacións: déannos un ano de tregua, só un ano. Entréguenlle á ONU -para Unicef, FAO e a Axuda aos Refuxiados-, o diñeiro que durante un ano dedican a subornar, a manter os seus lobbies, a pagar incentivos aos seus altos executivos por seren mais voraces e incrementar as súas ganancias.

Seguro que é mais que o que as propias Nacións Unidas solicitaron para poder acadar os Obxectivos do Milenio: reducir á metade a fame, o analfabetismo, o traballo infantil, levar a auga a todas as poboacións?

Estou seguro de que ningún de vostedes quedará na ruina ou pasará apuros económicos. Ningunha das súas empresas ou os seus bancos quebrarán por facelo.
En vez dun Tratado Transatlántico para o Comercio e a Inversión (TTIP), asinen por un ano, só por un ano, un Tratado Transatlántico de Axuda ás Persoas, aos Pobos, ao Progreso global (TTAP).

Estou seguro de que moitos dos accionistas das empresas aplaudirían a medida, aínda que ese ano non lles repartiran dividendos. Posiblemente, mesmo deixarían con menos argumentos a aquelas persoas que están a reclamar posturas máis drásticas para a rexeneración política da nosa sociedade.

* Demetrio Vázquez é secretario da Unión Comarcal de CC. OO. da Coruña


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.