viernes, 29 de mayo de 2015

A fachada da Mariña


*Manuel Monge.- Nas próximas semanas rematarán as obras na Mariña e abrirase un novo espazo público. É hora de levantar a vista e contemplar o que é a postal da cidade: as galerías da Mariña. Grazas a elas somos coñecidos como a Cidade de Cristal, pero esquecemos que a fachada da Mariña constitúe un dos monumentos máis importantes da cidade, que desde hai anos presenta un aspecto lamentábel coa proliferación de letreiros.

Non é un tema novo porque no pleno municipal de abril de 2001 o BNG solicitaba un modificativo de crédito de 200 millóns de pesetas para un programa urxente de axuda á conservación das galerías de madeira. Xa en 2006, o arquitecto Alberto Unsaín falaba da desidia municipal nas arcadas da Mariña: “Están destrozadas con tanto cartel e con tanto anuncio de menú del día. Los letreros allí quedan irrespetuosos”. E aí continúan. Hai que recuperar este monumento que puña en valor en 1987 o arquitecto Xosé Lois Martínez Suárez co seu libro As Galerías da Mariña 1869-1884.

Non podemos repetir o lamentábel espectáculo da praza de María Pita, ocupada por un montón de chirimbolos, que tapan a perspectiva das arcadas. Tomemos exemplo doutras cidades monumentais como Salamanca, onde retiraron hai anos os toldos pegados ás fachadas. É positiva a iniciativa de asociarse dalgúns empresarios de hostalería da zona da Mariña para mellorar os seus negocios, homoxeneizar o mobiliario e amañar os soportais, que están moi deteriorados, pero o prioritario é poder contemplar na súa totalidade o monumento da fachada da Mariña, libre de toldos e letreiros. Aínda estamos a tempo.

*Manuel Monge.- Exerceu como profesor de ensino medio. Foi concelleiro do BNG na Coruña do 2003 ao 2007, foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Colabora con artigos de opinión en diversos medios de comunicación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.