viernes, 26 de junio de 2015

A expropiación de dereitos consolidados



Pablo Vaamonde.- Hai un principio xurídico, de amplia aceptación entre os defensores dos Dereitos Humanos, que prescribe a prohibición do retroceso social. Un libro de Christian Courtis (“Ni un paso atrás. La prohibición de regresividad en materia de derechos sociales") recolle unha abondosa documentación sobre esta materia. Entenden os xuristas que as sociedades avanzan cara adiante e que os dereitos e conquistas sociais deben considerarse irreversibles (o voto, a protección social, a educación, a sanidade, a xubilación, etc). Por esa razón os gobernantes deberían ter como obriga principal da súa actuación a continuidade e mellora destas conquistas colectivas.


Mais non é así. Os actuais gobernantes, imbuidos pola ideoloxía ultraliberal, son defensores da chamada “teoría do derramo[1]. Esta teoría (presentada como unha verdade científica cando non é máis que un cruel enunciado ideolóxico) defende que os bos resultados macroeconómicos deixan sentir os seus efectos nos estratos máis acomodados da sociedade para, posteriormente, ir derramándose ao resto da sociedade. A experiencia non confirma este aserto; en realidade o vaso non acaba nunca de encher e ainda menos de derramar o seu líquido. En Hispanoamérica, nos anos oitenta e noventa, enríquecéronse os ricos, pero os pobres quedaron instalados na pobreza. Agora, no sur de Europa, como consecuencia da crise económica, medraron de maneira obscena as grandes fortunas mentres hai unha crecente porcentaxe da poboación ao borde da miseria. Podemos recordar a Emilio Botín, poucos días antes da súa morte, anunciando enfático: “Nos entra dinero, nos llega dinero por todas partes”.  Mais este enriquecemento, sen a intervención política, non se transforma automáticamente en desenvolvemento social.



A situacion que vivimos nos últimos dez anos en España (os recortes, a restricción de dereitos, a perda de protección social, o desmantelamento da sanidade e da educación,a suspensión do dereito á dependencia, etc.) non é consecuencia da crise nin da “herdanza recibida”. É o froito de decisións políticas promovidas desde instancias internacionais (FMI, BCE) e aplicadas con crueldade polos gobernantes do Partido Popular que fan recaer as consecuencias da crise sobre as clases máis desfavorecidas e vulnerables, protexendo e mellorando, mentres tanto, os intereses dos máis ricos e poderosos. Camiñamos así cara un abismo social, lévannos, sen que lles temble o pulso, cara un novo mundo feudal[2] (como anunciou Antón Losada nun libro recente). Están procedendo a unha expropiación programada de dereitos que creíamos consolidados e devolven a sociedade a unha situación preconstitucional, coa xustiza transformada en caridade e os dereitos convertidos en beneficencia.



Para levar a cabo esta política regresiva o PP empregou, de xeito implacable, o rodillo parlamentario. Lexislou, desde o acceso ao poder en novembro de 2011, mediante Reais Decretos Leis (RDL), que van do Consello de Ministros ao BOE, sen pasar polo Parlamento. O artigo 86 da Constitución dí que esta fórmula só debe empregarse “en casos de extraordinaria e urxente necesidade”. Esta ferramenta lexislativa tan poderosa (o Goberno lexisla directamente sen debate nin enmendas no Congreso),  foi utilizada de maneira compulsiva polo PP. En 2012 publicou un total de 26 RDL: un auténtico récord. Agora, sen rematar a lexlslatura, anda perto dos oitenta. Trátase, con toda evidencia, dun fraude democrático, dunha burla ao Parlamento e á propia cidadanía. 



Este foi o procedemento utilizado para impor o RDL 16/2012 (asinado polo rei cazador de elefantes) que, con todo cinismo, dín que vai dirixido a garantir a sustentabilidade do sistema sanitario cando, en realidade, trátase dun atentado frontal contra o mesmo (suprimiu o dereito á saúde de todos os cidadáns e recuperou a figura do “asegurado”, provocou a exclusión sanitaria dun millón de persoas, impuxo copagos abusivos e retirou da cobertura sanitaria máis de 400 fármacos). Xa o contei noutra ocasión, pero cómpre lembrar a cronoloxía. Esta lei foi publicada en abril de 2012, aos tres meses de tomar posesión o goberno de Mariano Rajoy.  Non é posible elaborar unha lei tan complexa en tan pouco tempo. Así pois, este texto xa estaba escrito cando, na campaña electoral, prometían o contrario. Trátase dun engaño programado, unha mentira colectiva coa que defraudan, sobre todo, aos seus propios votantes, que lle deron a confianza para aplicar outras medidas (as que prometían) ben distintas das que levaban escritas na súa “axenda oculta”.



Cómpre recuperar o dominio do público para impulsar outras políticas en beneficio da maioría social. É urxente restaurar o control dos orzamentos para decidir como se recauda e para qué se emprega o recaudado. É necesario controlar o BOE para publicar leis favorables ao pobo. No mes de marzo a organización Medicos del Mundo presentou no Parlamento de Madrid unha proposta para derogar este RDL[3] como primeira medida en materia sanitaria cando haxa un cambio de goberno. Asinaron todos os grupos políticos agás o PP e Ciudadanos. Xa sabemos con quen non se pode contar.



Pablo Vaamonde.- Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.










No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.