martes, 23 de junio de 2015

Cristiáns de base aplauden que os concellos non mesturen política e relixión

David Lombao.- Xa viña acontecendo dende hai lustros en concellos como o de Pontevedra e a práctica estendeuse tras o 24M. Os alcaldes das mareas chegaron aos concellos da Coruña, Ferrol e Santiago coa intención de non participaren oficialmente en actos relixiosos como a Ofrenda do Antigo Reino ou a ofrenda da Casa Real ao Apóstolo e atopáronse con duras críticas pola banda do PP -nalgún caso, como Santiago, tamén do voceiro socialista-. Mentres, os grupos cristiáns de base aplauden a decisión.

A Coordinadora de Crentes Galegos e Galegas, na que se integran grupos como Irimia e que fai parte de Redes Cristiás, ve "axeitado" e "plenamente responsable" que rexedores como Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, igual que antes Miguel Anxo Fernández Lores, opten por "non participar oficialmente en actos relixiosos" que son "parte da nosa tradición". " Levamos tempo reivindicando a necesidade" dunha "clara separación entre a Igrexa, o resto de confesións e o Estado" e decisións coma esta, subliñan, van nesa dirección, a mesma que "vén recollida na propia Constitución Española".
Os alcaldes, evidencia a Coordinadora, poden " participar como calquera outra perdoa das nosas comunidades nos actos relixiosos " se se "senten e manifestan crentes". "O problema -resaltan- vén cando esa presenza se fai de forma oficial, situándose en lugares destacados nas celebracións, e mesmo con intervencións pseudorelixioso-polítícas, ao estilo das homilías dos celebrantes".

Neste escenario, os grupos cristiáns de base do país dan a "benvida" a uns "xestos" que, ao seu xuízo, contribúen a avanzar cara a unha "rigorosa separación" entre política e relixión que, din, seía "enormemente positiva tamén para a propia Igrexa", que "moitas veces aparece mesturada con poderes e grupos políticos determinados". Se non fose así, afirman,  "podería desenvolver a súa actividade celebrativa e evanxelizadora de forma libre e autónoma".

Nestaliña, a Coordinadora agarda que a nova etapa política favoreza algunhas das súas reivindicacións históricas, a comezar pola "revisión" do Concordato entre o Estado español e o Vaticano. A súa "actualización e renovación" debe "garantir, precisamente, esa separación entre Igrexa e Estado".


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.