jueves, 23 de julio de 2015

Ditadura sen entrañas



Comunidades Cristiás Populares queremos advertir que se está a implantar en Europa unha ditadura sen entrañas.

Historicamente, a ditadura e o fascismo fanse primeiro co poder político. Logo suprimen a democracia co peche do parlamento ou constrúen un parlamento domesticado. A crise grega deixou ben claro que o neoliberalismo imperante é unha ditadura financeira, que se achega perigosamente ao fascismo e que está a pasar á fase de supresión dos parlamentos democráticos. Os Gobernos da Comunidade Europea, actuando baixo o mandato da troika, esixiron a Grecia que as leis promulgadas polo parlamento grego deban ser aprobadas polos poderes financeiros. Suprimiuse a democracia en Grecia! Non manda o pobo senón os acredores.

Hai máis. A ditadura financeira esixe que se estableza unha garantía, un fideicomiso, regulado e controlado polos poderes financeiros para asegurar o pagamento da débeda. Esa garantía inclúe os portos (O Pireo), aeroportos, estradas, ferrocarrís... Toda esta riqueza pública e colectiva será rexida polos poderes financeiros.

En Europa manda a troika, pero con Grecia quitaron a careta. Yanis Varoufakis falou por primeira vez dende que deixou o seu posto como ministro de Finanzas grego. Dixo dúas cousas coas que estamos de acordo: Primeira: "a completa falta de escrúpulos democráticos" nos que dirixen os destinos de Europa. E segunda: "a nosa Eurozona é lugar moi inhóspito para a xente decente".

O proxecto inicial europeo, polo que todos apostamos, foi tomando rumbos ben distintos. Europa, dirixida pola democracia cristiá e a social democracia tras a segunda guerra mundial, construíu un modelo de Estado, ao que se chamou o Estado de benestar. Baseábase en que os políticos buscaban por riba de todo o ben común. Construíron un banco público mundial, o Banco para a Reconstrución e o desenvolvemento (o BIRD), que tiña como obxectivo fundamental a reconstrución, e o desenvolvemento dos países asolados pola guerra. Construíron unha sociedade en paz que tiña as súas bases no pacto social, a intervención do Estado na Economía, a regulación do mercado, os impostos progresivos e os servizos públicos.

Cambiáronse tornas de forma tráxica. O neoliberalismo aliouse co fascismo e coa dereita máis extrema e foise implantado no mundo. Empezaron enviando a Freedman, o premio novel de economía, fundador do neoliberalismo, a asesorar a Pinochet, seguiron con toda América Latina, o patio traseiro, e agora están con Europa. Privatizaron o BIRD, ao que converteron en Banco Mundial, un banco privado, cuxo obxectivo fundamental é obter beneficios perpetuos dos estados. Obrigan os estados a facerse fiduciarios e avalar as débedas dos bancos.

O proceso privatizador foise facendo implacable: desregularon o sistema financeiro, esixiron ao Estado que se abstivera de entrar na economía, deixaron man libre ao mercado para que regulase todo mesmo os dereitos humanos, suprimiron o pacto social, minimizaron o convenio colectivo, implantaron o salario precario e o despedimento barato, privatizaron toda a riqueza pública rendible, suprimiron ou baixaron os impostos aos ricos, remataron cos servizos públicos, remataron co estado de benestar e impuxeron o estado da precariedade, que afecta e destrúe tantos millóns de persoas.

Dende as Comunidades Cristiás Populares lanzamos a voz de alerta. Animamos ás persoas e ao conxunto da sociedade a reaccionar con firmeza contra estes atropelos á dignidade humana.

20 de xullo de 2015
Comunidades Cristiás Populares

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.