miércoles, 26 de agosto de 2015

A dolorosa lucidez de Chirbes



Hai xa uns días que morreu Rafael Chirbes. Foi unha morte inesperada e prematura. Estaba en plena madurez e publicando os mellores libros da súa traxectoria. Sento a súa perda coma se fose un familiar ou un amigo. Sígoo como lector desde hai moitos anos e nunca me defraudou. Outros autores deixaron de interesarme e funos deixando aos poucos. Con Chirbes sucedeu ao contrario: cada novo libro que publicaba resultábame máis impactante e conmovedor. Non é un escritor complacente: esixe esforzo e atención, que se ven recompensados de sobra.

A literatura española perde un dos seus valores máis interesantes, a voz máis crítica e lúcida para narrar a vida deste país dos últimos anos. Nunca estivo de moda e só chegou a ter notoriedade nestes últimos anos, despois de que unha das súas obras (Crematorio) fose levada á pantalla. Os seus libros, todos eles, son dunha dolorosa lucidez. A súa mirada sobre o noso pasado recente non é nada complacente. Non comparto o seu pesimismo radical, pero celebro e agradezo a súa honradez extrema e o seu firme compromiso coa verdade.


Cando publicou Los viejos amigos, en 2003, afirmaba nunha entrevista: “Non hai dúas Españas, só hai unha, a outra non existe. O que ocupou as terras quedouse coas terras ocupadas e o que ocupou a cátedra coa camisa azul quedou con ela”. Nesa excelente novela utiliza unha sucesión de monólogos. Un grupo de amigos reúnese; repasan as súas vidas, as súas traizóns e as súas frustracións e descobren que, todos eles, son expertos en infidelidades varias e, nalgúns casos, cómplices daquilo que quixeron combater. Amigos da mocidade nos anos da Transición, chegan á madurez instalados na resignación e na renuncia aos seus soños. O autor móstrase implacable no seu relato: son xente que vive soa e vai morrer soa.

Nos seus últimos libros publicados -Crematorio (2007), En la orilla (2013)-, describe, con toda crudeza, a corrupción que medrou como un cancro en toda España e, de forma notoria, no Levante español (na cidade imaxinaria de Misent), onde se centra a trama destas dúas novelas. Relata como o soño da Transición de construír unha sociedade máis culta, igualitaria e xusta, convértese nun pesadelo de cloacas, augas estancadas e vidas putrefactas. Hai expertos en corruptelas que se converten nos donos do curral, pero tamén hai cómplices satisfeitos, asesores e políticos sen escrúpulos, avogados a soldo e familias -con fillos rebeldes- que viven, con todo o luxo, da corrupción e comen a diario sen importarlles “o porca que queda a cociña”. Os personaxes de Chirbes tamén falan sobre o deterioro das ilusións, sobre o desgastar dos corpos e a decrepitude que provocan a vellez e a enfermidade: “como os corpos, as ilusións morren e apestan”.

A morte tamén está moi presente nas súas obras. En La buena letra (1992), libro fermoso e desolador, a protagonista repasa a súa vida, as breves alegrías e as miserias da convivencia familiar: “Todo parecía que ía durar sempre, e todo se foi rápido, sen deixar nada”. Tamén fala dos seus mortos: “Foron a miña vida. Xente á que quixen. Cada unha das súas ausencias encheume de sufrimento e quitoume ganas de vivir”. Nunha entrevista Chirbes dixo que a vida é moi curta: “pensas que estás madurando e o que pasa é que estás morrendo”. Na súa última novela publicada -En la orilla- afirma, con ironía, que a vida humana é o maior malgaste económico da natureza: “cando parece que poderías empezar a sacarlle proveito ao que sabes, morres, e os que veñen detrás volven empezar de cero”. Chirbes era, desde hai anos, un mestre. E foise antes de tempo.

Pablo Vaamonde.- Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.