sábado, 28 de noviembre de 2015

Balbino, Eladia e un pouco de Revolución

*Xesús Alonso Montero.-Sabido é que a obra literaria de Neira Vilas é tan inxente como polifacética, pero nese extraordinario corpus hai un título que está na memoria e no corazón de miles e miles de lectores galegos. Refírome a Memorias dun neno labrego, editado na cidade de Bos Aires, onde saíu do prelo o 5 de xaneiro de 1961. O éxito maiúsculo deste gran relato comeza en 1968, cando Ediciós do Castro publica a segunda edición, con ilustracións de Isaac Díaz Pardo. Non hai texto narrativo nas Letras Galegas tan afortunado en edicións, traducións, estudos, imitacións? Por algo será.

Eu asistín, na década dos sesenta, á fascinación que o singular relato exerceu nos letrados, pero, dun xeito moi especial, nos pouco letrados. Xentes que nunca leran prosa en galego, non só leron este libro con fruición, senón que se comprometeron, mercé a ese incitante encontro, a leren outros textos, outras páxinas na nosa lingua. Oficinistas ou universitarios, labradores curiosos ou obreiros lidos da Bazán, estudantes de instituto ou secretarias administrativas co verme da lectura, atoparon nas páxinas das Memorias un universo literario tan conmovedor como inagardado: o protagonizado por Balbino, un rapaz da aldea lúcido e preguntón, que cavilaba desde unha perspectiva que confortaba ou aguilloaba os universitarios máis progresistas da época.

Na vida de Balbino, Eladia, a súa mestra, é un acontecemento determinante que vai máis alá da pedagoxía. Ante ela, xa Balbino un mozote (ou case), sentiu a primeira chamada do amor, que se manifestou como «un agurgullar no peito». A amada non é unha rapaza da súa andaina nin do seu igual: trátase de Eladia, mestra nacional, a súa mestra, por tanto, alguén doutra condición intelectual e profesional. Tamén aquí o feito universal do amor ten compoñentes de clase, de clase social. Aquel rapaz da aldea, intelectual ao seu modo, está fascinado por Eladia porque é profesora, porque é muller que ten libros e tamén está engaiolado porque posúe os atributos da «clase alta»: na súa habitación había «cadros, xerriñas, flores? roupas de seda». Balbino viu toda esta fartura e magnificencia un día que, algo doente ela, visitou a súa casa.
Naquel ambiente, Balbino confesou sentir «vergoña dos meus zocos e remendos». Xa aquí, cómpre reparar na reacción de Balbino, que tendo, sempre, conciencia de clase, agora carece da necesaria lucidez para non avergonzarse dos signos externos da súa condición social. Foi un amor tan grande que, cando Balbino viu pasear de ganchete a Eladia co seu verdadeiro mozo -un home da súa idade e da súa clase social- ao día seguinte non se puido erguer da febre que tiña. Así amaba Balbino, en boa parte, porque era «un rapaz da aldea, un ninguén» asoballado polo ouro e o ouropel de Eladia, a profesora.

Ao longo da novela só nesta ocasión Balbino deixa de ser un militante da súa clase social. Mágoa que haxa esta mácula na biografía dun rapaz sempre tan fiel á súa clase e orgulloso dela. Na hora en que Balbino sentiu «vergoña» dos seus «zocos e remendos», retrasou -como diría un discípulo de Gramsci- medio minuto a Revolución.

Pero esta é unha observación que ninguén de nós fixo nos sesenta, nin sequera no emblemático 1968. O noso Balbino era o Balbino que veu ao mundo «cunha alforxa de preguntas», que se «arrepoñía» á mentira e á inxustiza e que logrou que o seu amigo Lelo aprendese a cavilar, tanto como para estaren de acordo «en que no mundo hai pobres e ricos e non debería ser así». Con estes materiais, o autor fixo un relato literario, como quen non quere a a cousa, nun galego honrado e apetitoso e cun xeito narrativo que o tempo non cuestiona.

Autor: Xesús Alonso Montero (Vigo 1938) Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e Presidente da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos. Tamén é director do Centro de Estudios Rosalinianos e da Revista de Estudios Rosalinianos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.