sábado, 5 de diciembre de 2015

Delendus est Alberto Garzón



*Xesús Alonso Montero.- No ano 1930, cando daba as boqueadas a ditadura de Primo de Rivera, un escritor moi brillante e moi eficaz, chamado José Ortega y Gasset, publicou nun xornal madrileño un artigo que titulou en latín Delenda est Monarchia (Hai que destruír a Monarquía). Os lectores cultos da época, nada orfos en humanismo clásico, sabían moi ben que o profesor Ortega parafraseaba un epifonema de Catón o Antigo: Delenda est Carthago. En efecto, tal desexo político sentíase como unha necesidade por moitos dirixentes romanos. Cartago, na outra beira do Mediterráneo, era, para os estrategos políticos de Roma, un perigo ou un atranco importante. Cónstame que parte do éxito, da eficacia, do manifesto de don José Ortega debeuse ao título, ao latín do título.

Acotío atopámonos hoxe con persoas, dirixentes ou non, que opinan que «cómpre destruír Cartago» ou, dito en termos actuais, que Cartago non debe comparecer, coa súa verdadeira voz, co seu verdadeiro matiz, na polifonía política do momento. Isto está a acontecer con Izquierda Unida, liderada por un mozo de trinta anos, titular e administrador dunha voz honrada, nobre, culta e non exenta de perspectivas éticas que enriquecen, non pouco, o actual discurso político. É o vello discurso da esquerda (tan vello como as inxustizas), formulado, conceptual e verbalmente, por quen está no mundo, nas cousas de hoxe (a palabra cousa vén do latín causa).

Está programada, para o día 7, unha entrevista televisiva na que participarán os líderes do PSOE, Ciudadanos, Podemos e a vicepresidenta do PP. Como é unha televisión privada a que organiza e emite este debate, todo fai supoñer que a non inclusión de Alberto Garzón responde aos intereses privados da empresa, é dicir, aos intereses non públicos. Dito doutro xeito: que faría Garzón, a voz do público, a voz do común, nunha tribuna privada?

Pero hai máis, moito máis. Entre os debatentes, hai dous líderes -Pedro Sánchez e Pablo Iglesias- que se consideran de esquerdas, cuestión que esixiría, pola miña parte, unha chea de matices. En calquera caso, estes esquerdistas aceptan debater sen estar presente no debate outra voz da esquerda, para moitos, hoxe moi alporizados, a verdadeira voz da esquerda. Do que se trata -opinan non poucos- é de ocultar a voz da verdadeira esquerda para que outras voces -dúas- se engalanen -retoricamente- con plumas alleas.

É tal a marxinación ou o ninguneo de Alberto Garzón -clamoroso no debate do día 7- que cada vez son máis os que pensan que existe unha campaña para demoler a esquerda. Xa o aturuxou Catón o Antigo, que era un sabio: Delendus est Alberto Garzón!

Moitos saben que o mellor lume da esquerda, do seu humanismo, está na voz sabia e ponderada de Alberto Garzón. Pedro e Pablo -Pablo e Pedro- pasarán, pero o lumiño que prendeu hai séculos, no corazón das xentes, endexamais se apagará!

*Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) Catedrático de Literatura en la Universidad de Santiago de Compostela y Presidente de la Real Academia Gallega es filólogo, traductor, conferenciante y autor de numerosos libros, estudios y trabajos. Es director del Centro de Estudios Rosalinianos y de la "Revista de Estudios Rosalinianos" ademas de autor de cientos de trabajos sobre Rosalía Castro. Recibió infinidad de premios y distinciones entre ellos el nombramiento de "Gallego egregio"



1 comentario:

  1. Como sempre DON XESUS ALONSO MONTERO UN MESTRE.DA VERBA ,DA COHERENCIA,DO ANALISES..CON UNHA DUCIA ! SO UNHA DUCIA DE ALONSO MONTERO ..CAMBIARIAN MOITAS COUSAS NESTA GALIZA NOSA..E TODAS MUDARIAN PARA MELHORAR..

    ResponderEliminar

Los comentarios serán publicados una vez moderados.