jueves, 24 de diciembre de 2015

Sánchez, Rajoy e a Lingüística

*Xesús Alonso Montero.- Non sei se o coronel ten quen lle escriba, pero eu, nesta campaña electoral, estiven a recibir unha chea de cartas que o día 20 arquivei como material filolóxico, nunha carpeta ad hoc. A primeira que recibín está asinada por Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, que encabeza a súa misiva cun «Estimado Jesús» que é de agradecer. A partir de aí dáme as «gracias» pois «Con el trabajo y esfuerzo de toda una vida tú y toda tu generación cambiasteis de arriba abajo este país», agora «más libre, justo y solidario». Eu non sei se fixen, ao longo da miña vida, cousas máis ou menos positivas, pero en nome de moitos compañeiros de xeración, entre eles Xosé Neira Vilas e Xosé Chao Rego, que nos acaban de deixar, agradezo vivamente o recoñecemento que lles tributa o señor Sánchez. Agora ben, non todos os da miña xeración (e doutras próximas) foron xentes positivas, e abonda con lembrar nomes tan infaustos como os de Jordi Pujol, Juan Guerra, Luis Roldán, Rodrigo Rato, etcétera. Penso, señor Sánchez, que o cronista áulico que redactou a epístola tiña que ser máis coidadoso e optar por esta fórmula: «Con el trabajo y esfuerzo de toda una vida, tú y muchos (algunos?) de tu generación?». (Non tome a mal, señor Sánchez, se lle atribúo a materialidade da carta a un «cronista áulico», gremio imprescindible na vida epistolar de calquera dirixente político. O que cómpre é escoller ben. Lembre que Carlos I tiña como secretario de cartas latinas a Alfonso de Valdés, que son palabras maiores).
En calquera caso, señor Sánchez, como vostede subscribe o que outro escribe, hai aspectos do texto moi importantes, que non o eximen de responsabilidade, por exemplo, o dirixirse a min -e a todos os xubilados, persoas non moi novas- co tratamento «tú» (atuándonos, dise en galego). Tratar de ti implica un certo dereito a entrar en determinadas zonas da nosa intimidade; por iso, quen non é noivo dunha muller non ten dereito a determinados achegamentos (nin físicos nin verbais). Non é máis democrático, nestes casos, atuarse que aseñorarse; por outra parte, o «ti» é axeitado se hai reciprocidade. Pense, señor Sánchez, na empregada do fogar, cando fala, na casa dun ministro do PSOE, se ten a tentación de non vostedear ao propio ministro, a seu pai, ou a súa nai, probablemente xubilados, coma min.
A carta do xefe do PSOE chéganos en edición bilingüe (castelán-galego), e é de xustiza recoñecer que a versión galega foi feita con pulcritude, tanta que mellora o texto castelán. Un exemplo, onde o texto orixinal pon «ofrezca oportunidades a los jóvenes», a tradución galega, máis atenta á problemática dos xéneros, acóllese a esta fórmula: «ofreza oportunidades á mocidade». En calquera caso, o bilingüismo da carta do PSOE, aínda que non sexa máis ca un xesto, é algo que merece parabéns, tamén polo coidado posto na tradución.
Dous días despois, recibín a carta de Mariano Rajoy, en edición monolingüe castelá. Quizais o señor Rajoy, que nunca empregou, coram populo, o idioma galego, prefira perpetuar a súa coherencia lingüística. Ignoro, neste momento, se as cartas destinadas a Cataluña ofrecen o texto, tamén, en catalán. Os lectores lembrarán que, non hai moito, o señor Rajoy declamou en catalán un anuncio publicitario, feito, que se saiba, nunca protagonizado en lingua galega, Sei dalgúns romanistas composteláns que gabaron a fonética do anuncio.
No seu texto monolingüe, o señor Rajoy trátame -trátanos- de vostede, aseñóranos (como se di por terras de Lugo). Nisto difire de Pedro Sánchez, máis novo pero non máis axeitado.
De todos os xeitos, non me refiro, nesta crónica, aos contidos políticos do PSOE e do PP, pois xa deixei claro, desde o principio, que estas cartas foron arquivadas nunha carpeta de asuntos filolóxicos. Se tivese que pronunciarme sobre os programas políticos expostos nestas peculiares epístolas electorais, ben sei que non me sería doado demostrar que se trata, nun e noutro caso, de programas de dereitas (ou centrodereita), se ben o do PSOE, no ideario, con menos faltas de ortografía.

*Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) Catedrático de Literatura en la Universidad de Santiago de Compostela y Presidente de la Real Academia Gallega es filólogo, traductor, conferenciante y autor de numerosos libros, estudios y trabajos. Es director del Centro de Estudios Rosalinianos y de la "Revista de Estudios Rosalinianos" ademas de autor de cientos de trabajos sobre Rosalía Castro. Recibió infinidad de premios y distinciones entre ellos el nombramiento de "Gallego egregio"


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.