lunes, 15 de febrero de 2016

A ecuación posíbel: menos traballo e creación de emprego


Manuel Monge

Manuel Monge, (sociólogo).- 
 O goberno de Rajoy presentaba os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre de 2015 como un éxito da súa política económica. É todo pura propaganda porque unha análise dos datos permite descubrir que detrás dunha aparente creación de emprego hai, realmente, menos traballo e máis precario.
   O emprego a xornada completa é substituído por traballo a tempo parcial e isto afecta, sobre todo, ás persoas de máis idade –un de cada catro traballadoras/es por horas teñen máis de 50 anos– que terán no futuro unha pensión máis reducida. Dos 18.576.200 contratos que se subscribiron en 2015, só un 8,12% eran fixos e dos 1,6 millóns de contratos do mes de decembro de 2015, só 107.000 (6,8%) eran indefinidos. Por outra banda, a afiliación á Seguridade Social só aumentou en 533.186, é dicir, foron necesarios 35 contratos para lograr un novo cotizante no sistema.
   Unha cousa é a creación de emprego e outra a precarización do existente. Se, por poñer un exemplo, hai unha destrución de 100 empregos a tempo completo (40 horas semanais) e créanse 160 empregos de 10 horas semanais, non hai máis traballo porque só se crearon o equivalente a 40 empregos de 40 horas semanais. O resultado final é que, en realidade, non se crearon 60 postos de traballo, como aparecerá na estatística oficial, senón unha destrución de 60 postos de traballo a tempo completo ou 2.400 horas menos de traballo.

Tipos de contrato e creación de emprego

   O emprego que se está a crear é de moi baixa calidade, como denuncian todos os sindicatos. En maio de 2015, por exemplo, asináronse 68.428 contratos de traballo e só 3.246 (4,7%) foron indefinidos; dos 65.182 restantes, 22.732 (34,8%) foron cunha duración inferior a unha semana.
   A Enquisa de Poboación Activa –confeccionada polo Instituto Nacional de Estatística con base a unha sondaxe telefónica en 65.000 fogares, que obtén información dunhas 200.000 persoas– do segundo trimestre de 2014, revelaba datos moi interesantes sobre o tipo de traballo que se está a crear no Estado: Galiza tiña 812.300 asalariados, 605.200 con contrato indefinido e 207.100 con contrato temporal, e no conxunto do Estado, 837.000 persoas traballaban unha hora á semana e 1.275.000 persoas tiñan contrato de nove horas semanais. Por que o Goberno non difunde estes datos? Todas esas persoas (máis de dous millóns) que traballan nesas condicións tan precarias desaparecían das listas de paro e formaban parte das 17,35 millóns de persoas que, daquela, aparecían como ocupadas. Hai uns anos ter traballo significaba emprego fixo e un salario para poder vivir e hoxe pode ser un contrato semanal de 1-9 horas. Podemos chamar a isto creación de emprego?
   Os datos oficiais explicaban perfectamente que pode haber menos traballo (conxunto de horas traballadas por todos as persoas asalariadas) e, ao mesmo tempo, creación de emprego. Así, no mes de novembro de 2015 creáronse 27.071 empregos, pero houbo 300 millóns de euros menos de ingresos á Seguridade Social. Esta aparente ecuación imposíbel pode explicarse porque o número total de horas de traballo baixa cuns contratos temporais ou con menos de 40 horas semanais (algúns de horas e até minutos) e con salarios baixos que reducen os ingresos á Seguridade Social. Por iso o volume de traballo semanal diminuíu en España en 18,1 millóns de horas entre 2011 e 2015, segundo o economista Fernando Salgado.

A pobreza chega a persoas con traballo

   Ter traballo hoxe non garante poder vivir e por iso hai millóns de persoas empregadas que poden considerarse pobres porque non teñen o mínimo necesario para levar unha vida digna. Segundo un informe sobre a pobreza de Cáritas de Galicia, presentado en marzo de 2014, se tomamos como referencia o limiar da pobreza (persoas que gañan anualmente menos de 7.000 euros ou unidades familiares que ingresan menos de 14.700 euros), 465.852 persoas, o 16,84% da poboación, viven na Galiza por debaixo deses mínimos. Nesa mesma data, Cáritas Europa facía públicos estes datos (Feijóo decía que non se debería facer unha lectura “apocalíptica”): España é o segundo país da Unión Europea, despois de Romanía, con máis pobreza infantil. Mentres a taxa de pobreza media dos estados comunitarios era do 25,1% en 2012, en España era do 28,2% e chegaba ao 29,9% na poboación infantil, segundo datos de Eurostat.

Sectores nos que se crea emprego

   Despois de coñecer os datos a finais de 2014 do Instituto Galego de Estatística da Consellería de Traballo e Benestar, hai quen fala xa dun “país de camareiras/os”. Desde hai anos aumenta a desindustrialización, está paralizada a construción pola burbulla inmobiliaria e estancadas a pesca, agricultura e gandería. Do sector servizos depende xa o 60% do noso PIB. Dentro das principais ocupacións están as 40.647 camareiras/os (13,35%), 24.961 (8,2%) vendedoras/es de tendas e almacéns, 16.120 (5,29%) peóns de industria manufactureira, 15.130 (4,97%) como persoal de limpeza, 8.588 (2,82%) albaneis, 8.386 (2,75%) empregadas/os domésticas, 8.125 (2,7%) axudantes de cociña, 7.995 (2,62%) cociñeiras/os.

O paro na Galiza empeorou durante o goberno de Feijóo

   A lexislatura de Rajoy terminaba con 58.800 ocupados menos, pasando de 18.153.000 en decembro de 2011, cando chega á Moncloa, a 18.094.200 no cuarto trimestre de 2015, segundo datos da EPA, e moi lonxe dos máis de 20 millóns de ocupados que había antes do inicio da crise. En 2015 o paro baixou no Estado en 678.200 persoas, situándose en 4.779.500, e o emprego creceu en 525.100 persoas. Rajoy acababa a lexislatura con 567.000 persoas que desapareceron do mercado de traballo, é dicir, activos que xa non están en España. Grazas a esta redución da poboación, a taxa de paro situábase no 20,9%.
   Segundo a EPA Galiza tería 222.700 parados a finais de 2015 cunha taxa de desemprego do 17,74% (12,8% en 2009) e habería 1.032.500 persoas ocupadas (43,9%). En 2015 o número de ocupados aumentou en 32.100 (+3,2%), pero como o paro descendeu en 41.100 persoas, quere dicir que hai 9.000 persoas que deixaron o paro, pero non son novos ocupados. O número de persoas ocupadas en 2009 era de 1.142.200, é dicir, nas dúas lexislaturas de Feijóo o número de ocupados baixou en 109.700 persoas, e a taxa de paro aumentou un 4,94%.
   A taxa de paro de Galiza respecto ao Estado empeorou durante o goberno de Feijóo, xa que pasou dun diferencial de 5,86% en 2009 (12,88% en Galiza e 18,66% no Estado) a 3,16% a finais de 2015 (17,74 en Galiza e 20,9% no Estado). A situación da nosa mocidade é moi grave, xa que das 332.300 mozas e mozos entre 16 e 29 anos, só 116.100 (34,9%) están ocupados e o resto distribúense así: 54.800 (16,5%) parados e 161.500 (48,6%) inactivos. A taxa de paro xuvenil é do 32,1%.
   Hai outros datos preocupantes como a taxa de actividade galega (relación entre a poboación de 16 ou máis anos e a que está activa, é dicir, que ten traballo ou procúrao activamente), que é de 53,3%, sete puntos por debaixo da media española e 20 puntos por debaixo da media do centro e norte de Europa. Segundo a CIG, o 45% das persoas en paro levan máis de dous anos nesa situación e quedarán sen dereito a percibir a prestación contributiva do Servizo Público de Emprego (SEPE). Por outra parte, a finais de 2015 habería 75.100 fogares en Galiza con todos os seus integrantes desempregados.

As cotizacións á Seguridade Social e o futuro das pensións

   En 2007, antes de comezar a crise, había 19,33 millóns de persoas cotizantes á Seguridade Social. O PP presumía de que coa chegada de Rajoy ao goberno aumentaba en 78.478 (pasaba de 17.229.922 en decembro de 2011 a 17.308.400 en decembro de 2015), pero non difundían que os salarios son cada vez máis baixos (segundo o INE baixaron un 0,6% en 2014) e que os ingresos mensuais por cotizacións baixaban unha media de entre 300 e 400 millóns de euros. Así, nos últimos meses de 2011 a Seguridade Social ingresaba unha media mensual de 8.700 millóns de euros, que baixaba a 8.279 millóns en xuño de 2015. No caso de Galiza a diferenza entre ingresos e gastos da Seguridade Social ofrecía un balance moi negativo, cun aumento do déficit nun 131% entre 2009 e 2014, pasando de 1.777 millóns de euros a 4.118 millóns.
   Outro dato da nefasta xestión do goberno do PP, que pode hipotecar o futuro das pensións, é o descenso do fondo de reserva das pensións. Durante 2015 o goberno de Rajoy retirou 13.250 millóns de euros dese fondo e durante esta lexislatura pasou de 66.815 millóns de euros cando chega Rajoy ao goberno a finais de 2011, a 32.485 millóns a finais de 2015

Manuel Monge.- Exerceu como profesor de ensino medio. Foi concelleiro do BNG na Coruña do 2003 ao 2007, foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Colabora con artigos de opinión en diversos medios de comunicación.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.