miércoles, 21 de diciembre de 2016

A vidreira franquista da Coruña (e a súa polémica) ten os días contados



*Manuel Monge.- Hai agora unha semana, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciaba que o goberno local restauraría a vidreira que cobre a entrada do pazo municipal de María Pita para retirar así o escudo franquista que nela permanece e cumprir así coa Lei de Memoria Histórica. Para estas obras, o proxecto de orzamentos da Marea Atlántica reserva unha partida de algo máis de 60.000 euros, unha cantidade que lle parece excesiva ao PP, que xa pediu que non se suprimira o símbolo do réxime fascista e mesmo que se "devolvesen" eses cartos ás "entidades sociais".
Co apoio do BNG -e co silencio do PSOE-, a Marea Atlántica xa advertiu de que o proxecto seguirá adiante, mentres o PP volve negarse á retirada dun símbolo franquista, como xa fixera noutras ocasións desde que o goberno local apostase por mudar o rueiro que mantiña alusións ao fascismo ou como cando en 2010 amosou o seu rexeitamento á retirada da estatua de Millán Astray da actual praza das Atochas. 
Nesta ocasión, a portavoz municipal dos populares, Rosa Gallego, alude a unha maioría do comité de expertos que asesorara ao goberno de PSOE e BNG e a unha "decisión xa acordada" de non retirar a vidreira. Manuel Monge, quen fora presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e membro daquela comisión, acusa o PP dunha "manipulación total" daqueles feitos de 2009 e "mesmo do que di o informe".
"Nunha primeira reunión, un dos membros do comité pediu poder reflexionar máis a súa decisión final e na seguinte convocatoria toma posición pola retirada e prodúcese un empate", lembra Monge. Ante a imposibilidade de chegar a un acordo, o goberno daquela decide manter a vidreira como unha "peza de museo inserida no edificio municipal". Agora, a Marea Atlántica aposta pola retirada do símbolo fascista, en cumprimento co prometido no seu programa electoral coa Lei de Memoria Histórica, o último escudo do réxime franquista que queda na sede do Concello e de entre os edificios públicos da cidade. 
A vidreira, que será restaurada para eliminar a simboloxía preconstitucional, non é orixinal do edificio municipal. Colocouse máis tarde para cubrir o que en orixe era un patio aberto e onde tamén se construíu unha nova escaleira, exclusiva para que o ditador Francisco Franco non empregase a que era común dos empregados e visitantes do pazo. 
Para Manuel Monge, a polémica sobre a vidreira é excesiva porque "a parte que se ten que retirar é unha superficie mínima comparada co conxunto, unha ducia de pezas dunha obra total con máis dun cento". E propón non só que non sexa destruída, senón que "sexa incorporada a un futuro museo da cidade, xunto ao resto de simboloxía franquista que se foi retirando". Para o que fora membro da comisión de expertos, o uso que o PP fai do gasto previsto na retirada é "pura demagoxia" e lembra que na Academia Militar de Toleda, e contra a opinión dos cargos militares, o Goberno de Zapatero retirou unha vidreira enteira que mantiña símbolos fascistas. "Custou 240.000 euros e o conxunto foi enviado ao museo nacional do vidro", lembra. 
O PP coruñés advirte que cons 60.000 euros destinados á vidreira poderíanse dar "20.000 comidas na Cociña Económica". Monge responde que con outro exercicio semellante, e pídelle á voceira popular no Concello que "pense nos programas especiais de armamento de Defensa". "Co dedicado a 168 avións de combate EF200, poderíase dar 10.000 comidas diarias durante máis de cen anos", retruca. 
"O PP da Coruña trata de agochar, usando un informe da comisión de expertos e o tema da vidreira, que sempre estiveron en contra da retirada de símbolos franquistas; opuxéronse a que se mudase o nome do hospital Juan Canalejo ou contra a retirada da estatua de Millán Astray e cualificaron a comisión de expertos de 'sainete e bufonada", lembra Monge, que se pregunta por que a formación conservadora mantén na cidade da Coruña "cargos e membros nostálxicos do franquismo que van mesmo en contra do proceder do seu partido noutras localidades ou ámbitos". 
"O PP foi convidado á inauguración do monumento á memoria dos asasinados polo fascismo e foi o único grupo municipal que non asistitiu, ao igual que á condena por parte do pleno do golpe militar", engade Monge, que tamén fora concelleiro na Coruña, e que considera que a formación local "mantense  na reserva espiritual do franquismo". "Mesmo o Parlamento galego convidou nunha declaración a retirar a simboloxía fascista, pero eles opóñense", remata. 

Fonte: Praza.gal

*Manuel Monge.- Exerceu como profesor de ensino medio. Foi concelleiro do BNG na Coruña do 2003 ao 2007, foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Colabora con artigos de opinión en diversos medios de comunicación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.