sábado, 31 de diciembre de 2016

O peor balance económico en 35 anos

Manuel Lago
*Manuel Lago .- Na economía e no emprego o balance da presidencia de Núñez Feijoo é o peor da historia de Galicia dende que recuperamos a democracia. Baixo o seu mandato, a economía galega estivo catro anos en recesión e dous en estancamento, de tal forma que dende o 2009 ao 2014 sufrimos o ciclo recesivo máis longo e máis duro dende que existen estatísticas.
O resultado foi un enorme retroceso no nivel de riqueza producida no noso país: ao final da primeira lexislatura de Feijoo o PIB de Galicia estaba case dez puntos por debaixo de cando empezou. E iso tampouco acontecera nunca na nosa historia recente: que un Goberno rematara unha lexislatura cun nivel de riqueza inferior a cando a empezou. Aínda máis, no 2015 -último exercicio con contas pechadas- o nivel de riqueza xerado en Galicia estaba 8.000 millóns por debaixo do que había cando Núñez Feijoo ocupou a presidencia. Esta cifra sintetiza o balance negativo da Xunta: despois de dúas lexislaturas somos máis pobres que hai oito anos.
A crise económica foi global e por iso non se pode responsabilizar a ningún Goberno da totalidade dos seus efectos. O que de verdade permite valorar as políticas dun Goberno é a diferenza, positiva ou negativa, coas economías do seu entorno. E aquí o balance tamén é moi negativo para a Xunta, porque Galicia está entre as comunidades autónomas con peor evolución na crise. Dende o 2009 ao 2013 o PIB caeu o 8,6 % en España, mentres que en Galicia a caída foi do 9,5 %, un punto máis. E agora está sucedendo exactamente o contrario: no período 2014/2015, o PIB medrou en España o 4,6 %, mentres que en Galicia fíxoo tan só o 3,6%, un punto menos.
A recesión foi máis intensa aquí e a recuperación, pola contra, está sendo máis feble: caemos máis e agora medramos menos, de forma que dende o 2009 a economía galega perdeu dous puntos en comparación coa media española.
Menos actividade e, polo tanto, menos emprego e máis paro: hoxe hai 98.300 ocupados menos que no 2009 e 45.600 desempregados máis. Aquí tamén o que de verdade serve para avaliar o Goberno Feijoo é a diferenza coa media española, cun resultado demoledor: Galicia é a comunidade coa peor evolución do emprego de todo o Estado. Entre o 2009 e o 2016, o número de persoas con traballo caeu o 8,5 % en Galicia, mentres que en España fíxoo un 3 %; é dicir, a destrución de emprego no noso país case triplica a media do Estado.
No desemprego os datos aínda son peores, porque no conxunto do Estado medrou o 5 % dende o 2009, pero en Galicia fíxoo o 28 %: case seis veces máis. E por culpa desa peor evolución dilapidouse boa parte do diferencial positivo que tiña Galicia: no 2009 a taxa de paro galega estaba máis de 5 puntos por debaixo da española, pero agora só hai 2 puntos de diferenza.
Estas diferenzas tan negativas, tanto en PIB como en ocupación, si que son responsabilidade exclusiva da acción do Goberno e teñen a súa explicación na obsesión propagandística de cumprir os obxectivos de déficit a calquera prezo. A Xunta de Feijoo foi a Administración que antes empezou a recortar e a que máis recortou. Cumprimos co déficit, pero pagando un altísimo prezo en crecemento e, sobre todo, en emprego, o que fai ao Goberno de Feijoo o peor dos 35 anos de autogoberno, tamén na economía. 

*Manuel Lago
Economista e Deputado de En Marea no Parlamento de Galicia 29/12/2016 



1 comentario:

  1. e o povo sigue votando as tres ccc.CORRUPCION..CINISMO..CRIME..

    ResponderEliminar

Los comentarios serán publicados una vez moderados.