jueves, 2 de febrero de 2017

David Álvarez Carballido, in memoriam

David Álvarez Carballido
Onte, 1 de febreiro, faleceu, aos 94 anos, na Fonsagrada, este nobre cidadán: exemplar certamente. Nacera en San Martín de Suarna, a sete quilómetros da vila, o 3 de setembro de 1922. Labrador e reloxeiro, emigrou á Arxentina no ano 1948, e pouco despois, espírito radicalmente antifranquista, ingresou no PC, organización que se beneficiou non só do seu abnegado espírito militante senón da súa bondade, da súa sinxeleza e das súas inquedanzas humanistas.
Regresou a Galicia en 1962 e non tardou en caer nas gadoupas da policía franquista de Vigo cando repartía unhas follas clandestinas escritas para que o Réxime non condenase a morte a Julián Grimau. Era o ano 1963, ano pródigo en protestas masivas en Europa e América a favor de Grimau, que Franco, frío e torpe, executou despois de torturalo asañadamente. Tamén Álvarez Carballido foi torturado antes de ingresar na prisión.
Desde hai anos, vivía na súa aldea de San Martín dedicado á lectura dos clásicos marxistas e doutros clásicos, falando das cousas da vida cos veciños e axudándoos, co consello ou co sacho, en canta tarefa era do seu solidario entender. Ninguén dicía, deste honorable cidadán, un mal adxectivo.
Dedicaba horas e horas a escribir cartas a amigos de ideoloxías diversas, cartas nas que falaba da vida cotiá, da Guerra Civil, da URSS, de Bos Aires, do prezo do millo… Eu posúo máis de cen, escritas nos seu magnífico dialecto fonsagradino, ás veces, mesturado co castelán dos libros escolares.
Estiven en maio en Bos Aires e varias persoas, non todas comunistas, interesáronse pola saúde de David, daquela xa algo preocupante. Todas pronunciaban o seu nome con agarimo e admiración: é o ronsel de bondade e autenticidade que deixara na Arxentina había medio século.
Sei que non tardará en saír unha biografía deste nobre compatriota escrita a partir das entrevistas magnetofónicas que lle fixo, hai algún tempo, o profesor Antón Santamarina, amigo e coterráneo seu. Ese libro demostrará, a calquera lector sen prexuízos, que cidadáns como David Álvarez Carballido son os que constitúen a trabe de ouro mercé a cal o mundo, moralmente, aínda non se afundiu.

*Xesús Alonso Montero, e Presidente da Real Academia Galega 

Fonte: La Voz de Galicia 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.