domingo, 5 de febrero de 2017

PP e PSOE rexeitan a moción de confianza do goberno da Coruña e os populares instan a tombar a Ferreiro

Trinta días no aire. Os votos de PP e PSOE tombaron este sábado a cuestión de confianza formulada polo goberno da Marea Atlántica na Coruña para aprobar os orzamentos de 2017. Tras a ruptura de conversas co grupo socialista o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, deu en "poñer o goberno á disposición da cidade" para que "cadaquén decida de que lado está e asuma a súa responsabilidade" e a moción foi rexeitada por socialistas e populares, mentres que o BNG e a propia Marea votaron a prol. Ábrese agora un prazo dun mes para que dende a oposición se formule unha moción de censura "con candidato alternativo a alcalde", segundo estipula a lei, e a esa operación convidaron os conservadores. Caso contrario, Ferreiro ficará ratificado no cargo e as contas, aprobadas inicialmente.
O pleno desenvolveuse nun clima a medio camiño entre a tensión e a reivindicación. Así se plasmou no espazo do pazo municipal reservado ao público e tamén nos discursos. O voceiro socialista, José Manuel García, culpou a Marea de facer "imposible" un acordo co PSOE porque, en última instancia, "preferirían que o Partido Socialista non existise". "Non podemos outorgarlle a nosa confianza porque se encargou de difundir que non confía en nós", afirmou. A súa formación, di, optou polo "non" no pleno para que Ferreiro estea "un mes en funcións", tempo "dabondo para reflexionar e atopar camiños comúns". "Dependerá da súa vontade, é a súa responsabilidade gañar a confianza dos socialistas", reta.
A dureza marcou tamén a intervención da voceira do PP, Rosa Gallego, quen inzou o seu discurso de peticións de "dimisión" do alcalde. A cidade, caricaturiza a conservadora, "cae a cachos como o estadio de Riazor", está instalada no "desmadre" por culpa dun goberno que "prioriza os batracios, as pancartas e as leitugas" e un rexedor que "vai de vítima". A Marea, acusa Gallego, "aposta pola suciedade", pola "inseguridade cidadá" ou por "afogar os comerciantes" e por iso o PP quere que marche. Eis a razón para convidar o resto de grupos a que decidan "se se poñen do lado do caos" ou "do rescate da cidade", isto é, do PP. A oferta conservadora xa fora rexeitada plenamente pola representante do BNG, Avia Beira, quen anunciou seu si "crítico" a un goberno ao que, resalta, apoiará sempre que aplique "políticas avanzadas" e ao que insta a non practicar o "vitimismo" e ter en conta que "raras veces os votantes conceden unha segunda oportunidade" a un goberno progresista.

"Condenados a entendernos"

O relato da ruptura das negociacións exposto por García foi contraposto por Ferreiro cunha reprodución da gravación da rolda de prensa en que o voceiro socialista expuxo ante os medios as características do pacto que, asegurara, xa culminara. "Non entendo como cun acordo a piques de pecharse, cando estabamos restablecendo esa confianza tan difícil de acadar, tivo a torpeza de dar esa rolda de prensa e dar por pechado un acordo que aínda non o fora", lamentou o alcalde, quen non obstante mantén que Marea e PSOE están "condenados a entenderse". "Porque cando non nos entendemos xa sabemos o que pasa" e "non podemos seguir nunha deriva que só alimenta a un PP derrotado, ao que a cidade lle deu as costas" e que se "encomenda aos elementos e clama por tempestades para facer oposición", aínda que isto implique "precipitarse cara á demagoxia máis lamentable".
Cómpre, advirte Ferreiro, "decidir" se "queremos seguir pola senda" do "cambio ilusionante" iniciada en maio de 2015 ou "pola senda do PP, a da desfeita do ofimático, a da defeita xudicial no edificio Conde de Fenosa, o das listas de agarda nos servizos sociais, a especulación e as obras chapuceiras". "Non hai ningunha animadversión pola miña banda cara ao Partido Socialista", retruca a García, e por iso malia aos "reproches" di observar "vimbios para construír en común esta cidade" aínda que agora os socialistas estean "enfadados" e padezan problemas internos. "Temos moitas cousas en común", como as políticas sobre a área metropolitana, a mobilidade ou os museos, di, e isto non impide recoñecer as "sombras" dos gobernos socialistas.
"Espero que hoxe non sexa un punto de chegada, senón un punto de inflexión para continuar traballando", concluíu o alcalde coruñés, quen lamenta que o "enfado" socialista provoque o "entorpecemento" dos orzamentos durante un mes. "Non sei que sentido ten perder un mes", conclúe, tras instar a "non seguir alimentando os nosos desencontros, porque alimentan a quen a cidadanía lle retirou a súa confianza. "Sabemos o que pasou no estado e aínda o lamentamos, non repitamos a historia", di.

Concentración previa

 

Simpatizantes da Marea Atlántica aplauden a Xulio Ferreiro á súa saída do pazo municipal

Antes do inicio do pleno o goberno coruñés recibiu apoio de en torno a dous centenares de simpatizantes da Marea Atlántica que se concentraran ante o Pazo de María Pita entre lemas como "A Coruña non se vende" ou "o goberno non se vende". Entre as persoas asistentes á concentración atopábanse representantes de En Marea como o seu voceiro no Parlamento, Luís Villares, os deputados Manuel Lago e Luca Chao ou Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, representantes da formación no Congreso.
En torno a unha hora antes da sesión plenaria tamén acudiron ao pazo municipal membros do PP como o deputado Gonzalo Trenor ou a senadora María Aparicio. Do mesmo xeito, simpatizantes populares que portaban pancartas co lema Ciudad de primera, alcalde de tercera, amosaron bufandas do Deportivo e consignas contra o goberno local tamén durante a sesión, xa no interior da casa consistorial. Membros do grupo conservador aplaudiron a súa presenza como mostra de "democracia".

1 comentario:

  1. Unha máis do psoe...Prefire darlle o goberno a o pp..que a unha ESQUERDA ,QUE OS EVIDENCIA CADA DÍA..FALANDO EN GALEGO..(REMATÓU O LA.LA.LA.DO SOCIALISTA PACO VÁZQUEZ) mudando os nomes dos golpistas-franquistas-fascistas-falangistas--das ruas coruñesas..e tantas cousas máis..que se vaian a casa os CARDADOR..MAR BARCÓN.. NARÓN-LONGUEIRA.FERNÁNDEZ MOREDA..E TANTAS OUTRAS MOMIAS..wue bastante mal fixeron nesta cidade da CORUÑA ,E NO ESTADO ESPAÑOL..!fORA! !MARCHENSE! NON TEÑEN VERGONZA NEN ESCRÚPULOS.NEN DIGNIDADE..

    ResponderEliminar

Los comentarios serán publicados una vez moderados.