sábado, 4 de marzo de 2017

A xustiza, ao servizo do Goberno e dos poderosos

Manuel Monge.- O 10 de abril de 2015 publicaba neste diario dixital o artigo A xustiza non é inocente, e lembraba que “o aparato xudicial forma parte da superestrutura e está ao servizo das clases dominantes”. Os últimos acontecementos –podemos falar de semana negra para a credibilidade da xustiza– confirman esta tese e estou moi identificado con Pepe Mújica, ex-presidente de Uruguai, cando dicía “Quiero saber la verdad, pero en la justicia no creo un carajo”. 

Non existe a chamada independencia do poder xudicial e cada día é máis evidente que é o propio goberno quen move os fíos para que as leis, a composición dos órganos de goberno da Xustiza, dos propios tribunais, e as sentenzas, sexan favorábeis aos seus intereses, en definitiva, o sometemento do poder xudicial ao poder executivo. Son moitas as voces que falan xa dunha democracia de moi baixa calidade. Así, na véspera da celebración do Foro Económico Mundial de Davos, Intermón-Oxfam denunciaba en xaneiro de 2014 que estamos ante un secuestro da democracia en beneficio das elites económicas, e facía pública unha sondaxe: oito de cada dez persoas consultadas no Estado español opinaban que as leis están deseñadas para favorecer os ricos.

O xuíz Castro facía unha petición de até oito anos de prisión para a infanta Cristina como “cooperadora necesaria” dos delitos de Iñaki Urdangarín no auto de apertura de xuízo oral en decembro de 2014. Cristina participaba nas empresas de Urdangarín, era vocal do Instituto Nóos e propietaria do 50% de Aizoon, que entre 2004 e 2005 recibiu 748.000 euros de Nóos, beneficiándose das actuacións ilegais da trama; aparecía en 2003 como titular da conta de constitución de Aizoon e foi a súa secretaria até o 30 de xuño de 2011; asinaba as contas que se presentaban no rexistro mercantil; cargaba os seus gastos persoais a nome de Aizoon; o seu nome aparecía nos folletos do Instituto Nóos, como “gancho”, e participou en eventos onde se concedían subvencións a entidades investigadas.

Tiña coñecemento da contratación fraudulenta do servizo doméstico da súa residencia familiar a nome de Aizoon. Cristina e Urdangarín elaboraron facturas falsas para enganar a Facenda. Rexistraron na cámara da propiedade de Barcelona un contrato (asinado polos dous) de aluguer da súa casa de Pedralbes, como oficina de Aizoon, tamén da súa propiedade, é dicir, defraudaron a Facenda porque aparecían ao mesmo tempo como arrendadores e arrendatarios. E Cristina non sabía nada.

Para o xornalista Ignacio Escolar, “Cristina de Borbón estaba allí, era cómplice y coartada, escudo y arma de su marido. Sin ella no habría habido negocio, con ella se gastó el botín”. O xuíz Castro resumía así a súa actuación no segundo auto de imputación: "Consintió, participó y se benefició de los delitos de Nóos". Con estes antecedentes, a Audiencia de Palma de Mallorca acaba de considerar inocente a Cristina na sentenza feita pública o pasado 17 de febreiro; é absolta e deberá pagar 265.088 euros, pero como xa depositara 587.413 euros, resulta que vai ingresar 322.325 euros.

No xuízo Cristina contestou 189 veces “no lo sé”, 58 “lo desconozco”, 7 “no me consta” e 59 “no lo recuerdo”. O tribunal debeu considerar convincentes estas respostas, é dicir, que Cristina non sabía nada, e a infanta marchou libre para casa despois de que durante meses e durante o propio xuízo a Fiscalía non actuase como tal, senón como un avogado máis da defensa. Quedaba claro que era unha cuestión de Estado e que o aparato xudicial non podía permitir unha condena da irmá do rei e moito menos o seu ingreso en prisión porque iso suporía un deterioro, aínda maior, da imaxe da monarquía borbónica. Lembremos que o rei Juan Carlos non só estaba informado dos negocios de Cristina e Urdangarín, senón que, coordinado con eles, realizou numerosas xestións para favorecer os negocios da trama corrupta. O mesmo Urdangarín referíase ao rei como o “xefe”.

A Fiscalía Anticorrupción pedía para Urdangarín o 9 de decembro de 2014 unha pena de 19 anos e seis meses de prisión e o xuíz Castro solicitaba, daquela, unha fianza de case 15 millóns de euros. A sentenza da Audiencia de Palma de Mallorca reduce a pena a seis anos e tres meses de prisión e unha multa de 512.000 euros, despois dun saqueo de 6 millóns de euros das arcas públicas de Valencia e Baleares; Diego Torres é condenado a oito anos e seis meses de prisión e Jaume Matas a tres anos e oito meses. Eran absoltos todos os integrantes da chamada “rama valenciana” do caso, que estaban acusados de malversación de caudais públicos. Coñecida a sentenza, falouse, nun principio, de que Urdangarín ingresaría inmediatamente no cárcere; despois de que podía non ingresar, pero que tería que pagar unha fianza e que non podería abandonar España… Finalmente, non ingresará en prisión, non pagará fianza e poderá residir en Suíza. Esta situación de liberdade pode prolongarse máis dun ano, até que o Tribunal Supremo resolva sobre os recursos.

Ramón Jaúregui valoraba esta sentenza en nome do PSOE, cualificaba o xuízo como exemplar e sinalaba que o poder xudicial aplica a ley “sin ningún tipo de distinción por la condición de las personas”. E concluía: “En España el Estado de derecho funciona muy bien, con separación de poderes y con independencia”. Valoración moi coincidente coa do PP e Ciudadanos. Como contraste, José Antonio Martín Pallín, ex fiscal e maxistrado emérito do Tribunal Supremo, resumía moi ben a situación: “En España hay una corrupción generalizada a la que las instituciones legales y judiciales no saben hacerle frente con una mínima eficacia jurídica y entereza ética, ciudadana y democrática”.

Por outra parte, son sorprendentes os nomeamentos do PP. En 2013 era elixido Francisco Pérez de los Cobos como presidente do Tribunal Constitucional, que figuraba como afiliado do PP entre 2008 e 2011, na información aportada pola Axencia Tributaria. Manuel Núñez Pérez entraba no Tribunal de Contas en 2001 e foi o seu Presidente de 2007 a 2012. Como ía supervisar a contabilidade do PP, unha das funcións do citado tribunal, se durante anos, sendo deputado dese partido, formou parte dunha clandestina comisión de obras do PP, que tiña como tarefa a elaboración de informes sobre as contratacións de obras públicas polo goberno central, autonómicos e locais, controlados polo PP, para que as adxudicacións recaesen nas empresas “amigas” que entregaban doazóns? Noutras ocasións o goberno consegue cambiar o destino de xuíces como cando o PP tiña cinco causas pendentes da trama Gürtel e, casualmente, aterraba Fernando de Rosa –ocupara diversos cargos políticos na Generalitat valenciá– como presidente da Audiencia Provincial de Valencia. Esta elección foi denunciada por Xuíces para a Democracia porque consideraban que dos cinco candidatos era o que tiña peor currículo.

Pero, sen dúbida, a actuación máis escandalosa é a designación de José Manuel Masa como novo Fiscal Xeral do Estado. Entre outras actuacións, emitiu un voto particular para que o xuíz Garzón fose inhabilitado por investigar os crimes do franquismo, contra a opinión dos outros seis xuíces da sala. Inicia unha profunda remodelación dos fiscais e aproveita a ocasión para remover a aqueles que máis se distinguiron na loita contra a corrupción, como o de Murcia.

Manuel Moix é nomeado como novo Fiscal Xefe Anticorrupción, un posto clave cando o PP ten pendentes numerosos xuízos por corrupción. Curiosamente, dos sete candidatos, era o único que non tiña experiencia nesta especialidade. Ten tamén unha importante folla de servizos para favorecer ao PP: impulsou a acusación contra o xuíz Elpidio Silva cando este decidiu meter en  prisión a Miguel Blesa. Perseguiu a diario.es e outro medios que investigaron as tarxetas Black de Bankia. Negouse a acusar a Esperanza Aguirre dun delito de desobediencia cando fuxiu da policía de mobilidade de Madrid. Fixo todo o posíbel para arquivar o caso dos espías pagados pola Comunidade de Madrid con diñeiro público.

Manuel López Bernal, fiscal superior de Murcia, denunciaba na cadena SER “intimidaciones y desprotección en su lucha contra la corrupción”. Tamén denunciaba que no que vai de ano entraron dúas veces na casa do fiscal anticorrupción de Murcia para levar “información sensible en la lucha contra la corrupción”. Levaron o ordenador, pero non o diñeiro, nin obxectos de valor. Tamén entraron na casa dun subinspector de Facenda. Rouban as probas de casos de corrupción que afectan ao PP e non se investiga nada, como tampouco se investiga á chamada “policía política”, que se dedica a extorsionar e inventar en Cataluña falsas probas contra políticos nacionalistas. López Bernal considera a situación moi grave porque “no puede ser que los perseguidos seamos los fiscales antes que los corruptos”. Este fiscal tamén declaraba que está convencido de que os indicios contra Pedro Antonio Sánchez, presidente de Murcia, no caso Auditorio, son contundentes. Hai unha persecución contra os xuíces que molestan e o Consello Xeral do Poder Xudicial investigou durante máis dun ano ao maxistrado Manuel Ruiz de Lara, que é portavoz da Plataforma Cívica pola Independencia Xudicial, que levou á xustiza europea o cobro de cláusulas bancarias abusivas.

 É tan grande o control do PP, que o Gran Wyoming escribía o artigo “También la justicia: lo tienen todo”. Efectivamente, controlan todo o relacionado cos nomeamentos das máis altas institucións do Estado, xuíces, fiscais, Tribunal de Contas, etc.

No xuízo das chamadas tarxetas Black de Bankia, Rodrigo Rato, ex–ministro de Facenda co PP e vicepresidente do Goberno, é condenado a catro anos de prisión  e Miguel Blesa, presidente de Caja Madrid e despois de Bankia de 1997 a 2009, a seis anos. Os dous, acusados de apropiación indebida, terán que pagar unha indemnización de 111.600 euros. Pouca cousa se temos en conta que o desfalco polo uso desas tarxetas foi de 15,5 millóns d euros entre 2003 e 2012, e que o Estado tivo que rescatar Bankia con 23.500 millóns de euros, que pagamos entre todas e todos. A Ficalía xa adiantou que, de momento, non ingresarán en prisión.

O rapero mallorquín de 23 anos Josep Miquel Arenas, coñecido como Valtonyc, é condenado a tres anos e seis meses de cárcere e unha indemnización 3.000 eruos polos delitos de calumnias e inxurias graves contra a Coroa, enaltecemento do terrorismo e humillación das vítimas. Nunha das cancións sobre o rei Juan Carlos dicía: “El rey Borbón y sus movidas, no sé si estaba cazando o de putas”. Coñecidas as sentenzas de Cristina, Urdangarín, Rato, Blesa e compañía, Valtonyc declaraba: “Sólo los pobres van a la cárcel”. Prégase a máxima difusión desta verdade.

*Manuel Monge.- Exerceu como profesor de ensino medio. Foi concelleiro do BNG na Coruña do 2003 ao 2007, foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Colabora con artigos de opinión en diversos medios de comunicación.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.