domingo, 5 de marzo de 2017

AP-9: unha máquina de beneficios

*Manolo Lago.- os cinco anos que van desde o 2011 ao 2015, Audasa, a empresa que explota a concesión da AP-9, recadou 663 millóns de euros en peaxes e pagou 124 millóns en gastos vinculados á explotación do negocio, basicamente as nóminas dos seus empregados e as facturas das empresas que lle prestan servizos. Polo tanto, Audasa obtivo uns beneficios brutos -o que en terminoloxía contable se denomina EBITDA- de 539 millóns de euros: unha máquina de gañar diñeiro, baseada en altos ingresos e reducidos gastos. 
¿Que fixo Audasa con este elevado fluxo de diñeiro? Pois destinalo a catro finalidades: amortizar a inversión, pagar os gastos financeiros derivados da súa débeda, tributar polo imposto de sociedades e, por riba dos demais, retribuír aos seus accionistas repartindo un elevado dividendo.
Nos últimos cinco exercicios, Audasa dotou 136 millóns para amortizar a inversión realizada, que de forma indirecta se corresponde co pago dos 1.000 millóns que deberá devolver antes de que no 2048 se acabe a concesión. Un elevado endebedamento que provoca unha avultada factura de intereses ata converterse nunha das partidas de gasto máis elevadas da compañía, porque ademais de moita débeda, Audasa ten o tipo de interese máis elevado de todas as autoestradas españolas: o 6,1 % de tipo medio fronte ao 2,6 % do conxunto do sector. 
Por iso, e a pesar de todos os beneficios e axustes contables que lle permiten reducir a cifra de forma significativa, Audasa destinou 132 millóns nos últimos cinco anos ao pago de intereses aos seus acredores, unha cifra que multiplica por case tres veces o gasto do persoal.
A pesares deste sobrecuste financeiro -que en parte está provocado por decisións tomadas pola propia empresa-, Audasa segue obtendo un elevado beneficio que lle obrigou a ingresar 78 millóns entre o 2011 e o 2015 nas contas de Facenda polo imposto de sociedades.
Pero, ao que destina a maior contía é a retribuír aos seus accionistas. Nos últimos cinco anos, o beneficio netos despois de impostos de Audasa foi de 186 millóns de euros, unha cifra moi elevada, en especial se a comparamos coa cifra de ingresos e sobre todo coa aportación dos socios á compañía. Gañar 186 millóns cando se ten un capital social de 196 millóns e uns fondos propios de 438 millóns é, sen dúbida, unha elevada rendibilidade.
Pero posiblemente o dato máis sorprendente é o destino deses enormes beneficios: Audasa dedica o 100 % dos mesmos a retribuír aos seus accionistas, isto é, a pagar dividendos. Nunha empresa tan endebedada como esta o lóxico sería destinar unha parte dos beneficios a reforzar os fondos propios da compañía, isto é, capitalizarse e así poder reducir a súa débeda. Sen embargo, a compañía non actúa con este criterio de prudencia e reparte todo o que gaña entre os seus accionistas, unha decisión que sen dúbida ten que ver co feito de que estes son bancos e fondos de inversión (Pear Luxembourg Investiment, Kutxabank, Abanca, Liberbank) para os que a explotación da AP-9 é un simple negocio financeiro.
En síntese, de cada 100 euros que Audasa recada en peaxes dedica 8 a pagar ao persoal e 11 para o resto de gastos de explotación, de tal forma que gaña, en termos brutos, 79 euros, dos que destina 20 á amortización da inversión, paga outros 20 de intereses da súa débeda, entrégalle 11 a Facenda polo pago do imposto de sociedades e 28 euros de cada 100 que cobra repárteos entre os seus accionistas en forma de dividendos.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.