sábado, 18 de marzo de 2017

Decencia e intelixencia: homenaxe

O día 9 de marzo asistiron case seiscentas persoas, no teatro Rosalía de Castro da Coruña, á presentación dun libro de poemas. Errará quen pense que un libro de poesía move o espírito de tantas persoas, e acertará quen entenda esta insólita mobilización como unha homenaxe ao autor, de quen case ninguén sabía que era poeta (poeta excelente, por certo). O que, si, sabían os centos de asistentes é que o autor, falecido en 1996, aos 50 anos, era un poeta como cidadán, ou sexa, un cidadán sensible, creador, amigo da xente e cheo de fulgor moral.
Rafael Bárez (1945-1996) militou, xa de estudante, no antifranquismo dentro do Partido Comunista. Naquela Compostela recitaba versos, dirixía teatro, facía debuxos e levaba os seus latexos espirituais a canta actividade política estaba ameazada de prosaísmo. Representando ao seu partido, foi concelleiro de Urbanismo na Coruña nun goberno tripartito durante catro anos (1979-1983), un período no que a arquitectura tamén era unha tarefa espiritual e solidaria. Avogado, estudara Dereito para que a carreira non se confundise coa dereita.
Defensor dos máis indefensos en Ferrol, caeu nas gadoupas da Policía días despois do histórico Dez de Marzo de 1972, a data das mortes de Daniel e Amador e a de centos de feridos, entre eles Julio Aneiros, o santo varón do sindicalismo clandestino galego. Bárez dedicoulle un poema maxistral.
De marzo a decembro de 1972, Bárez escribe no cárcere da Coruña vinte e cinco composicións que titulou Poemas del diez de marzo (escritos en la cárcel), libro do que ninguén tiña noticia, nin sequera Toya Fernández, a súa compañeira. Hai meses atopou o correspondente mecanoscrito autorial, do que o día 9 nos entregaron a edición facsimilar, feita con primor por Alvarellos Editora, a partir dun magnífico deseño editorial de Pepe Barro. Preceden ao poemario senllos artigos de José Gómez Alén (historiador), de Manuel Rivas (amigo), de Xesús Alonso Montero (profesor de Literatura de Bárez no Instituto de Lugo), de Vicente Álvarez Areces (compañeiro de prisión e de cela do autor) e do Proxecto Cárcere; tamén contén este capítulo prologal unha tabula gratulatoria na que figuran 400 nomes (amigos, admiradores, compañeiros…) que son os que financiaron esta edición.

Autor: Xesús Alonso Montero (Vigo 1938) Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e Presidente da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos. Tamén é director do Centro de Estudios Rosalinianos e da Revista de Estudios Rosalinianos.


Fonte: La Voz de Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.