viernes, 31 de marzo de 2017

No ano Miguel Hernández

Xesús Alonso Montero.- Sabido é que o Congreso dos Deputados declarou Ano Miguel Hernández o 2017, data na que se cumpren os setenta e cinco da morte do maxistral e ventureiro poeta (foi o 28 de marzo). Daquela morte aínda non se falou dabondo: acaeceu nunha sórdida prisión franquista nunhas circunstancias inicuas que proban o inmisericorde que era aquel réxime político. Do capítulo final da súa vida cómpre lembrar un episodio protagonizado por un eclesiástico raposeiro e anticristián, o vigairo Luis Almarcha, que sería, logo, bispo de León e procurador nas Cortes de Franco. Foi el quen convenceu a Miguel, xa sen defensas físicas e psíquicas, para que casase, no cárcere, pola Igrexa, como así foi.
Desde 1942, o antifranquismo silencioso lía, ás agochadas, os versos épicos e luminosos de Viento del pueblo, e comentaba, en voz moi baixa, as penurias carcerarias que baldaron o corpo e o espírito do gran poeta. De feito, tiveron que pasar bastantes anos para que en España se emitisen os primeiros signos públicos de recoñecemento á súa poética civil e ao seu martirio de tres anos (1939-1942). Quen, por primeira vez, en Galicia, lle dedicou un poema foi Arcadio López-Casanova, poema que tivo a ousadía de titulalo Recordatorio para Miguel Hernández, morto. No poema hai versos desacougantes para os funcionarios da censura: «Deica cando vivir con esta morte?». O autor publicouno no seu libro de 1967 Palabra de honor. Do mesmo ano é un soneto moi ben construído en castelán de Alfonso Álvarez Gándara, que o autor enviou, nesas datas, sen éxito, «a no menos de quince periódicos y revistas», entre eles un da provincia de Pontevedra que dirixía Álvaro Cunqueiro. O soneto estivo inédito nove anos ata que o publicou La Voz de Galicia o 9 de maio de 1976.
Teña en conta o lector que o ano 1967 coincidía co XXV cabodano do poeta e que nesa data nalgunhas cidades foi homenaxeado, sempre coas cautelas debidas. En Pontevedra, Antonio Odriozola, insigne bibliógrafo, publicou un Catálogo de la exposición bibliográfica dunha mostra organizada e disposta pola súa sabia man no Ateneo da cidade. Nos actos literarios pertinentes leron poemas celebratorios, entre outros, Arcadio e Manuel Lueiro Rey, autor de cinco sonetos que non se publicaron ata 1971 no libro La noche espera al alba, editado en Bos Aires.

Xesús Alonso Montero  (Vigo, 1928) Ex Presidente da Real Academia Galega, Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela é filólogo, traductor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudios e traballos. É director do Centro de Estudios Rosalinianos e da "Revista de Estudios Rosalinianos" ademáis de autor de centos de traballos sobre Rosalía Castro. Recibeu infinidade de premios e distincións entre eles o nomeamento de "Galego egrexio"

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.