viernes, 3 de marzo de 2017

O Banquete de Conxo

*Xesús Alonso Montero .-Tal día coma onte, 2 de marzo, xuntáronse, hai 161 anos, na carballeira de Conxo (nas aforas de Santiago), estudantes universitarios e traballadores dos distintos obradoiros artesáns da cidade. Fixérono para xantar, para comeren xuntos, xesto de confraternización que intimidou a uns e alporizou a outros, uns e outros da dereita clásica naquela cidade clerical. Foi tamén un xantar literario con proclamas en verso de tres poetas novos: Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Luís Rodríguez Seoane. Nas proclamas os descoñecidos vates non cantaban «as pombas e as flores» e, si, o «espíritu democrático que hacía su aparición en España» (relata Carré Aldao en 1900). 
Por un cronista sabemos que asistiron ao histórico Xantar uns cen mozos, que, ao regreso, á noitiña, entran en Santiago de ganchete (un universitario cun traballador), o que ocasionou a fuxida espaventada dos centos de paseantes na Alameda (era domingo). Horas antes, chegaran noticias desacougantes: que xantaran xuntos traballadores e estudantes, que estes serviran de frac o xantar e que se leran versos subversivos. Para un xornal moi conservador fora unha «bacanal demagógica», protagonizada por «agitadores sanguinarios».
En realidade, nunca se vira tal en Galicia e case se pode afirmar que unha xuntanza destas características non se dera en ningunha cidade española, nin nas máis progresistas. Estudantes e traballadores, «collidos das mans», emitían un signo, na clerical Compostela, moi desconcertante: aparecían unidas «as forzas do traballo e as da cultura», se se me permite unha terminoloxía creada polo PCE no franquismo serodio.
Por algún cronista sabemos que cos estudantes universitarios e cos «oficiales» dos obradoiros había algún patrón, dato que cómpre verificar. Si coñecemos ben os tres poemas políticos (o de Rodríguez Seoane acaba de exhumalo Alvarellos), un dos cales, o de Aurelio Aguirre, foi o que máis alporizou á xente ben pensante, nomeadamente por estes tres versos, referidos a Cristo: «Al nacer de un humilde carpintero, / desnudo en un portal, lección sublime / ofrece de igualdad al mundo entero». Sabido é que por estes versos e outros máis ou menos semellantes, os poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal houberon ser deportados ás illas Marianas (Oceanía), daquela pertencentes a España. Autoridades máis comprensivas impedírono. 

*Xesús Alonso Montero é Presidente da Real Academia Galega

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.