domingo, 1 de octubre de 2017

As Españas de Manuel Andújar

V.Freixanes
Non é a primeira vez que conto esta anécdota, rigorosamente certa. Contra finais dos anos setenta presentamos en Madrid un número especial da revista catalá Camp del Arpa dedicado ás letras galegas. Foi na sala Sargadelos, que entón dirixía Inés Canosa. Entre o publico estaba un señor maior que se identificou como Manuel Andújar. O local estaba cheo de xente. Daquela interesaban estes debates.
Manuel Andújar era escritor, xornalista e novelista. Nacera en La Carolina (Jaén) en 1913 e faleceu en Madrid con 81 anos. Militante do Partido Comunista, unha parte importante da súa existencia pasouna no exilio de México, dende a Guerra Civil ata o ano 1967. Sobreviviu aos campos de concentración do sur de Francia e arribou a Veracruz en 1940 nun barco de refuxiados, o Sinaia. Logo de tocar algúns outros países latinoamericanos, fundou na capital mexicana, xunto con José Ramón Arana, a revista Las Españas (1946), onde coñeceu e tratou, segundo nos explicou aquela tarde, exiliados vasos, cataláns e galegos: Carlos Velo, Gurriarán, os irmáns Bilbatúa, Alejandro Finisterre, Elixio Rodríguez, os redactores da revista Vieiros… «Alí entendín a lección da diversidade, tan difícil para moitos españois, e aprendín sobre todo a respectala», comentou.
Durante a Guerra Civil traballara en Madrid e Barcelona como xornalista. Lembro con bastante certeza a súa intervención. Podo resumila así: a cuestión das nacións, nacionalidades, culturas diversas que conforman España (el dicía As Españas) é unha cuestión que hai que resolver conxuntamente, non só dende unha parte, o cal esixe intelixencia, vontade política e unha continuada acción pedagóxica. Temos que explicar a todos os que se din españois que esta realidade histórica é o resultado dun equilibrio de diversidades, tamén de linguas, non a imposición duns sobre os outros. Cando consigamos que un neno de Andalucía ou Estremadura entenda que Rosalía de Castro, Gabriel Aresti ou Salvador Espriu son cousa súa, igual que un rapaciño de Galicia, de Cataluña ou de Euskadi consideran parte de si os versos de Federico García Lorca, de Quevedo ou de Antonio Machado, ese día apretaremos realmente os vimbios do cesto. E iso hai que facelo dende a escola, dende os primeiros pasos da educación e da cidadanía.
Dende a escola e dende o sistema político e administrativo, deberiamos engadir, dende os medios de comunicación (non só os das comunidades autónomas), dende as industrias do lecer e da cultura, dende a proxección exterior do Estado, dende a comprensión profunda de que a diversidade non é un problema (o problema catalán, o problema vasco), senón unha riqueza, algo do que todos, o conxunto dos españois, deben sentirse orgullosos. Pedagoxía que non se fixo, oportunidade que se perdeu e que algúns quixeramos crer que aínda estamos a tempo de encarreirar.

Víctor F. Freixanes é presidente da Real Academia Galega

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.