martes, 31 de octubre de 2017

Correlación de forzas

Lourenzo Fernández Prieto
Se algo non tiveron en conta os partidos partidarios da independencia de Cataluña foi a correlación de forzas. Minusvaloraron o poder do estado. Dun estado nacional que antes foi imperio e que está dotado de todos os recursos de coerción que necesita, incluída unha ideoloxía nacionalista forte. Desprezaron o que foi tan importante no momento da Transición, entender e recoñecer o poder do adversario para definir a súa estratexia e para redefinila tacticamente sobre a marcha segundo o devir dos acontecementos. Pensaron de verdade que a forza dunha exigua maioría de escanos era dabondo para sentar a este Estado a negociar. Acreditaron só nas súas razóns e logo do longo periplo que comezou no Estatut de 2006 e moitas labazadas, acabaron desentendidos da realidade.
Acordaron agora e por iso non chaman á resistencia senón á oposición, non obstante moitas leituras bélicas e puchistas que se lles atribuíron estes dias e moi axiña, seguramente, chamarán ás eleccións de decembro. Algúns historiadores da xeración da Transición que estudaron a débil nacionalización contemporánea española atribuírona a un estado débil e ineficaz que sería incapaz de construírse ao xeito do estado francés, do alemán ou mesmo do italiano. Nada máis lonxe da realidade pasada e presente.
Confundiuse diferenza con debilidade e pervivencia de culturas e linguas non casteláns con ineficacia do unitarismo. Economistas e politólogos insisten tanto hoxe no poder dos mercados e na debilidade da política que acabaron por deslembrar que historicamente nunca houbo mercado sen estados.
A política dos estados segue sendo en última instancia a que define os mercados.
Semella que os dirixentes cataláns, na súa interpretación do Estado español, acreditaron en ambos os dous erros precisamente cando estaban dispostos a converter Cataluña nun Estado de seu. Ideas erradas sobre pasado e presente, moitas veces convertidas en propaganda, levan a moitos a insistir no poder bélico e destrutivo dos nacionalismos e na idea de que as guerras que provocaron produciron millóns de mortos.
Deixando á parte que as tales guerras non só foron provocadas pola ideoloxía, esquecen que as guerras e mortaldades das que falan foron causadas por nacións estado en construción unitaria no século XIX (Francia, Alemania, Italia) e por imperios en descomposición e nacionalismos imperiais expansionistas nas guerras mundiais do século XX.
Minusvalorar a realidade envoltos en propaganda sempre ten malas consecuencias. Moi lonxe das forzas enfrontadas, identificadas, medidas e pactistas da mal contada transición.
O que se vai decidir nos próximos meses será se a recentralización e renacionaliación avanza ou se estanca, parece claro que o recoñecemento dun estado plurinacional queda algo máis lonxe de momento. Pero este Estado español, produto dunha antiga unión de reinos, onde 19 dos 46 millóns de habitantes viven en territorios bilingües e de usos e cultura non casteláns non vai sentirse identificado co nacionalismo castelanista nun futuro inmediato como non se sentiu no pasado. As tarefas, os retos e as solucións seguen pendentes.

Lourenzo Fernández Prieto: (A Devesa-Ribadeo, 1961), é catedrático de Historia Contemporánea na USC desde 2005, especializado en historia agraria e do mundo rural. ver máis

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.