jueves, 16 de noviembre de 2017

Congreso antifascista

*Xesús Alonso Montero.- Hai tempo que figura nos anais da Historia, con letras de ouro, o II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, celebrado, en xullo de 1937, na cidade de Valencia, daquela capital da República. É o Congreso que, en moitas publicacións, se denomina Congreso Internacional dos Escritores Antifascistas, denominación ben acaída para todos aqueles que entendan que en Valencia déronse cita escritores de vinte e dous países moi conscientes de que, naquel escenario, España, o fascismo libraba a súa primeira gran batalla europea tamén contra a causa da cultura. Asistiron nomes moi preclaros e moi comprometidos, entre eles, Antonio Machado, André Malraux, Julien Benda, Octavio Paz, César Vallejo, Pablo Neruda, María Teresa León, Nicolás Guillén, Ilia Ehrenburg, Rafael Alberti, Rafael Dieste, Mikhail Kolstov, Alejo Carpentier, V. H. Auden e José Bergamín, nome fundamental na organización.
No acto inaugural leuse un telegrama da Unión de Escritores Soviéticos no que manifestaban que eles, «como o pobo enteiro da URSS, inclinan as súas bandeiras ante os despoxos mortais de García Lorca».
Nunha das sesións, o escritor alemán Gustav Regler, que estaba ferido, aclarou que «mentres exista un só fascista, eu non deixarei de ser español…». Agora, oitenta anos despois, Valencia acolle a trinta estudosos, algúns de centros universitarios ou de investigación doutros países (París, Moscova, Liège, México, La Habana…). Inaugurará o Congreso, o 20 de novembro, Ximo Puig, Presidente da Generalitat Valenciana, e pronunciará a conferencia inaugural o profesor José-Carlos Mainer, que será presentado por Manuel Aznar Soler, catedrático de Literatura Española na Universidade Autónoma de Barcelona. O profesor Aznar Soler, máxima autoridade mundial nos estudos sobre o exilio literario español, é ben coñecido entre nós polos seus traballos sobre Rafael Dieste, María Casares, Isaac Díaz Pardo… O título da miña disertación apunta a un vello enigma da historiografía literaria galega sobre o cal aínda non hai documentación que nos permita unha resposta precisa: «Castelao, uno de los grandes artistas y escritores antifascistas, ¿por qué, residiendo en Valencia, no asiste al Congreso?».
Tamén é un enigma por que os asistentes galegos (Dieste, Arturo Souto, Lorenzo Varela) non constituíron un grupo cultural con voz galega, como o fixeron, por unha banda, os escritores cataláns, e por outra, os valencianos.

Autor: *Xesús Alonso Montero (Vigo 1938) Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos. Tamén é director do Centro de Estudios Rosalinianos e da Revista de Estudios Rosalinianos.

1 comentario:

Los comentarios serán publicados una vez moderados.