viernes, 3 de noviembre de 2017

Da Revolución de Outubro

Xesús Alonso Montero
Dentro de catro días, o 7 de novembro, cumprirase o centenario da Revolución Rusa de Outubro, que foi o 25 dese mes no calendario xuliano, catorce días despois no noso, no gregoriano. (De feito, xa triunfante a Revolución Soviética, as novas autoridades axeitaron a súa cronoloxía á de Europa central e occidental: o día 1 de febreiro de 1918 decretaron que era o catorce dese mes e ano).
Por máis que pregunto a historiadores e afíns non sei de ningunha institución en Galicia que teña organizado algún tipo de encontro intelectual para reflexionar sobre aquel maiúsculo feito, un dos acontecementos máis transcendentes na historia da humanidade, do Renacemento a hoxe. Se hei de ser xusto, debo dicir que o Colexio Maior San Agustín (dos xesuítas, en Santiago) celebrou a efeméride, o 18 de outubro, cunha conferencia miña sobre o tema, conferencia na que non lle subtraín a aqueles setenta universitarios o meu postulado central: non hai socialismo sen democracia pero non hai democracia sen socialismo. Penso que a efeméride obriga a debruzármonos sobre o acontecido na cidade de Petrogrado (logo, Leningrado) nesa data, indagar as circunstancias e as causas do asalto ao Palacio de Inverno e examinar, con rigor e sensibilidade, as ideas -e os ideais limpos- dos protagonistas dun feito que sorprendeu ao mundo enteiro como sorprendeu o talento crítico, a enerxía e a astucia de Lenin, o gran estratego daquela operación, tamén cinematográfica (lembremos a viaxe clandestina nun tren alemán de Suíza a Finlandia a comezos de 1917).
Do que se trata é de estudar, de examinar e de indagar o que estaba nacendo naquela especie de nova alborada da Humanidade, alborada, lumbrigar ou mencer que, anos despois, non sempre produciu os froitos desexados polos mellores protagonistas de 1917, algúns eliminados ou marxinados por unha concepción do poder e da sociedade allea á alborada primixenia.
Volvamos a outubro (novembro) de 1917 onde uns miles de soviets (obreiros, soldados, campesiños), cunha dirección moi intelixente e disciplinada, destronan aos semideuses (os zares), xubilan do goberno á burguesía e aos ricos e sitúan no centro da escena política as necesidades e as arelas dos pobres do mundo baixo a bandeira de que chegara a hora final da explotación do home polo home.

Autor: *Xesús Alonso Montero (Vigo 1938) Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela ex Presidente da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos. Tamén é director do Centro de Estudios Rosalinianos e da Revista de Estudios Rosalinianos.

Fonte: La Voz de Galicia 03/11/2017

1 comentario:

Los comentarios serán publicados una vez moderados.