viernes, 26 de enero de 2018

Barcelona xa é de España

Tal día coma hoxe, 26 de xaneiro, as tropas de Franco, dirixidas polo xeneral Yagüe, tomaron Barcelona. Foi o 26 de xaneiro de 1939, hai, pois, 79 anos. Eu acababa de cumprir dez e era alumno da escola pública de Ventosela (no Ribeiro de Miño), da que era mestre don Máximo Montero (un excelente profesor). Ese día, na sesión da tarde, aconteceu o que vou contar. O pedáneo da aldea era o señor Manuel o Piricocho, falanxista, carteiro, corredor de viños e propietario de boa casa e bos viñedos. Era o Poder na aldea. A iso das cinco da tarde alguén abriu, desde fóra, a porta da escola. Era o pedáneo falanxista, que, dada a correlación de forzas, non necesitaba petar previamente. Xa a porta aberta, dirixíndose ao mestre, ditaminou: «Don Máximo, mande saír aos rapaces para festexar o triunfo dos nosos: Barcelona xa é de España» (Clío sabe ben que as cinco últimas palabras foron ditas, non sen enerxía, tal como se transcriben). É evidente que o señor Manuel oíra na radio o parte franquista e, memorizada a fórmula, limitouse a traducila ao galego. Para nós, os rapaces da escola, era unha boa noticia, pois, suspendidas as clases, a nosa obriga era algo animado e festeiro: dirixírmonos á casa do señor Alfredo o Cereiro, que tocaba moi ben o acordeón, e seguilo, polos camiños da aldea, celebrando a caída de Barcelona. Media hora despois, boa parte da veciñanza, sempre inspeccionada polo pedáneo falanxista, desfilaba aos acordes animosos dos pasodobres do señor Alfredo o Cereiro. Entre os que entraron en Barcelona o 26 de xaneiro figuraba un falanxista de moito prestixio nos grupos franquistas, Dionisio Ridruejo, quen, anos despois, xa renegado da súa etapa fascista, contou que a el preocupábao moito que os cataláns non se sentisen invadidos en canto cataláns. De aí que el e os achegados propiciasen a edición masiva de manifestos e folletos en catalán que o vicerrei de Cataluña, o xeneral Álvarez Arenas, mandou secuestrar. O espírito regresivo foi tal que, entre o 26 e o 31 de xaneiro, foron fusiladas dez mil persoas en Barcelona sen formación de causa. Nesta estratexia, máis de vencer que de convencer, hai un episodio que cómpre contar velis nolis: cando as tropas de Franco entraron en Lleida (abril do 38), un pelotón de execución fusilou un soneto, caso insólito, quizais, na historia literaria universal. O soneto, nunha lápida do campanario da catedral (a Seu Vella), era obra dun poeta católico chamado Magí Morera i Galicia (1853-1927), pero estaba en catalán. Non había outro delicto naquel soneto titulado El campanar de Lleida. Pasaron oito décadas desde aquela represión, sen excluír a brutal coerción contra o idioma catalán e os seus textos literarios, algún excelsos.
Os non independentistas -precisamente nós- debemos poñer o acento na barbarie de certa dereita española, para que se entenda un pouco mellor a problemática actual de Cataluña. Tamén os independentistas de calquera lugar de España deberían reprocharlle á CUP que queira suprimir dos rueiros cataláns o nome glorioso, democrático e nobre de Antonio Machado, que foi sempre un patriota da causa da cultura.

*Autor: *Xesús Alonso Montero (Vigo 1938) Catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela ex Presidente da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos. Tamén é director do Centro de Estudios Rosalinianos e da Revista de Estudios Rosalinianos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.