miércoles, 10 de enero de 2018

Franco era un ladrón e un corrupto

Franco no Pazo de Meirás

POR *MANUEL MONGE O falecemento de Carmen Franco o pasado 29 de decembro é un bo momento para recuperar a memoria democrática, para falar de verdades silenciadas durante máis de 40 anos de democracia porque sen memoria os pobos non teñen futuro. 

 

Morre a única filla dun ditador, que dirixiu durante case 40 anos unha ditadura criminal, semellante ao nazismo alemán e ao fascismo italiano, segundo a ONU. Ninguén lembrou estes días que Carmen Franco Polo era detida no aeroporto de Baraxas o 7 de abril de 1978 intentando levar a Suíza 38 moedas de ouro e brillantes (entregadas ao ditador por cidades españolas e organismos oficiais) e tres insignias de solapa.

 

É tamén un bo momento para lembrar que en Galiza non houbo guerra civil, senón un xenocidio. Na comarca da Coruña foron asasinadas más de 600 persoas, entre elas as principais autoridades civís e militares, así como dirixentes sindicais e sociais..En Galiza foron asasinadas máis de 5.000 persoas, entre elas máis de 40 alcaldes.

A propaganda oficial da ditadura difundiu a imaxe dun Generalísimo Franco servidor da patria, de vida austera e que non se aproveitou do poder para o seu enriquecemento persoal. Nada diso ten que ver coa realidade porque Francisco Franco era un ladrón e un corrupto. Cando chega a democracia, os sucesivos gobernos e o rei Juan Carlos non tiveron ningún interese en difundir a verdade e desmontar esta milonga. Coa aparición de novos datos e publicacións sabemos que Franco fixo unha importante fortuna, que hoxe gozan os herdeiros, e que se aproveitou da chamada guerra civil para ter importantes ingresos, como recolle o historiador Ángel Viñas no seu libro La otra cara del Caudillo (Editorial Crítica, 2015).

Se o salario mensual de Franco era de 2.493 pesetas en 1935 e se en 1940, xa como xefe de Estado tiña un salario anual de 50.000 pesetas, como é posíbel que a 31 de agosto de 1940, tivese 34,3 millóns de pesetas en diversas contas? Unha parte procedería das achegas que recibiu o chamado bando nacional, é dicir, os golpistas, despois dunha subscrición popular para financiar a guerra. Sinala Viñas: “Mis sospechas apuntan hacia la posibilidad de que se quedara [Franco] con la mayor parte de los fondos acumulados”.

Viñas desvela algunhas das claves desa corrupción. Franco fixo unha gran fortuna aproveitándose do café que chegaba de Brasil, que era  moi escaso na posguerra e moi demandado no estraperlo. Da operación encargábase Francisco Franco Salgado-Araujo, primo do Caudillo e responsábel da Secretaría de Estado de Franco. O café que chegaba de Brasil (doazón de 600 toneladas do ditador Getúlio Vargas) ) entregábase á Comisaría de Abastecementos e Transportes, dependente do Ministerio de Industria e Comercio, que o distribuía por todas as provincias a través do gobernos civís ao prezo de 12,48 pesetas o quilo. Viñas descubriu nun documento do arquivo do Palacio Real que a recadación por esa venda de café ascendeu a 7,5 millóns de pesetas (sobre 85 millóns de euros de hoxe), “exactamente el importe que figura en la relación de cuentas del Caudillo”. No capítulo de ingresos desas contas figura tamén un “donativo mensual” de 10.000 pesetas (sobre 11.000 euros de hoxe) da Compañía Telefónica Nacional, que tiña como accionista principal á ITT de Estados Unidos de América.
Franco e Millán Astray
Javier Otero sinala que a orixe desa fortuna procedía de “donaciones y otros conceptos a disposición de su excelencia el Jefe del Estado y Generalísimo” (reportaxe “La familia Franco inmune a la crisis”. Tiempo, 15-11-2011). En principio esas doazóns estaban destinadas para os orfos da guerra, reconstrución do Alcázar de Toledo etc, pero acabaron nas contas de Franco. A máis importante era a do Banco de España en Madrid con 18 millóns de pesetas; tamén tiña contas no Banco de España en Burgos, Banco Hispano Americano, Banco Español de Crédito, Banco de Bilbao, Banco Mercantil de Madrid ou Banco Espíritu Santo en Lisboa.

O pazo de Meirás é a historia dun roubo ou espolio continuado, como recolle o libro de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo. Até alí levaron todo o que roubaron: pedras do pazo de Bendaña (Dodro), figuras da capela, escudos e gravados; dúas pías do mosteiro de Moraime (Muxía); as esculturas de Abraham e Isaac, obra do Mestre Mateo, retiradas do Pórtico da Gloria. Desapareceron tamén libros da biblioteca de Emilia Pardo Bazán e cadros. O palacio coruñés de Cornide (José Cornide “científico e patriota galego”, que morreu en 1803, como figura na placa da casa) foi mercado por Pedro Barrié de la Maza nunha poxa amañada (foi ben pagado co título de Conde de Fenosa) e despois regalado a Carmen Polo, esposa do ditador.

A familia do ditador recibiu un trato privilexiado por parte dos sucesivos gobernos. Carmen Polo, viúva de Franco cobraba unha pensión mensual de 894.960 pesetas en 14 pagas, é dicir, 12,52 millóns de pesetas (4 millóns máis do que gañaba Felipe González, presidente do Goberno). Dous días despois da morte do ditador o rei Juan Carlos obsequiaba á familia cos títulos nobiliarios de Ducado de Franco e Señorío de Meirás. Juan Carlos estaba moi agradecido porque foi nomeado por Franco en 1969 como o seu sucesor.

A familia Franco acumula pazos, casa, chalés, fincas, edificios, aparcamentos etc, que son xestionados máis de 50 sociedades, moitas delas centradas no mercado inmobiliario. Diversas fontes sitúan a fortuna dos Franco entre 500 e 600 millóns de euros e o centro de operacións está no domicilio familiar na rúa Hermanos Becquer, 8 de Madrid.

Entre os numerosos operacións hai que subliñar a venda por Carmen Franco en 1988 do palacio do Canto del Pico, situado en Torrelodones-Madrid nunha finca de 820.000 metros cadrados, legado polo Conde de las Almenas a Franco. As distintas administracións facilitaron todo tipo de operacións especulativas á familia do ditador como na finca Valdefuentes de 9,84 millóns de metros cadrados na comunidade de Madrid. En xullo de 2000 o concello de Arroyomolinos, cun alcalde do PP, aprobaba o inicio do proceso de recualificación de 3 millóns de metros cadrados da finca, que pasan de rústicos a edificables, sendo aprobada finalmente en 2001, con Alberto Ruiz Gallardón como presidente da Comunidade de Madrid. Esta finca foi mercada por Franco en 1950 por 2,5 millóns de pesetas a Luis de Figueroa, conde de Romanones. En 2002 tiña unha valoración de 1,6 millón de euros, pero despois da recualificación dunha parte dos terreos, os activos da Sociedade Valdefuentes chegaron a valorarse en 20 millóns de euros. Con este pelotazo a familia Franco puído gañar sobre 23 millóns de euros.   
                                 
Estamos ante un caso único nunha democracia; unha vergoña de Estado. Despois de 41 anos de democracia, como explicar o comportamento dos principais partidos do Estado (UCD, PSOE e PP) coa familia Franco durante a chamada Transición, mantendo os seus privilexios, facilitando o seu enriquecemento e permitindo todo tipo de negocios e operacións especulativas? Como é posíbel que tanto o PSOE como o PP rexeitasen no Congreso todas as iniciativas para facer un inventario oficial dos bens conseguidos por Franco no exercicio da xefatura do Estado, é dicir, de todo o que roubaron, así como das doazóns que recibiu como Xefe de Estado. A explicación é moi sinxela: todos sabían que o Xefe do Estado, é dicir, o Rei Juan Carlos, fora nomeado por Franco e que Juan Carlos consideraba ao ditador como un patriota, digno de admiración. Ninguén se atreveu a ir en contra dos desexos do Rei, que quería protexer á familia Franco.

Xa sei que o Fiscal Xeral do Estado está moi ocupado en acusar a Oriol Junqueras e compañía do delito de rebelión violenta para que continúen no cárcere, pero cando teña un pouco de tempo actuará de oficio contra a familia Franco para que devolvan todo o roubado, ou non?
 
 *Manuel Monge.- Exerceu como profesor de ensino medio. Foi concelleiro do BNG na Coruña do 2003 ao 2007, foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Colabora con artigos de opinión en diversos medios de comunicación.
 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Los comentarios serán publicados una vez moderados.